“Unha compañeira de piso comentou un día que a súa avoa traficara con LSD. Chamounos moito a atención, claro, e ela explicounos a historia do dentón, comentando que a súa avoa vendía cornecho con uso medicinal para a obstetricia. A partir de aí comezamos a investigar, e canto máis sabemos máis dimensións descubrimos sobre un asunto que enlaza moitas historias de vida, moitas xeracións e moitos lugares”. Sabela Iglesias e Adriana Villanueva (Illa Bufarda, responsables entre outros traballos de Fíos Fóra) traballan dende hai meses na produción dun documental sobre o caruncho do centeo, un fungo que nace nesta e noutras gramíneas e que provoca efectos alucinóxenos pero que tamén se empregou de forma frecuente para facilitar os partos, practicar abortos e como anticoagulante, e que está moi presente na cultura popular.
Sabela Iglesias e Adriana Villanueva (Illa Bufarda) traballan dende hai meses na produción dun documental sobre o caruncho do centeo
O dentón (ou caruncho, cornello, cornecho e outras denominacións en cada lugar de Galicia) estivo tamén na base do nacemento da industria farmacéutica galega, pois nos anos 30 e 40 a empresa Zeltia comezou a experimentar cos seus alcaloides, dando lugar a uns inxectables chamados Pan Ergot que se lles administraban ás mulleres que acababan de parir para evitar as hemorraxias. A súa importancia para a farmacoloxía era tal que sobre todo nos anos 50, nun momento en que escaseaba a nivel mundial, chegou a existir unha febre do caruncho en Galicia, con prezos moi elevados e a exportación de grandes cantidades. De feito, hai quen denominou ao cornecho “volframio vexetal”, pola importancia económica que neses anos tivo para determinadas zonas rurais galegas.
Chegou a existir unha febre do caruncho en Galicia, con prezos moi elevados e a exportación de grandes cantidades
O Dentón conta co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, do Museo do Pobo Galego, a Sociedade Antropolóxica Galega e a Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume. O proxecto, que se presentará este mércores ás 18 horas no Museo do Pobo Galego, iniciou esta semana unha campaña de crowdfunding para financiar a realización do documental. O obxectivo é obter cando menos 8.800 euros para facelo posible, fixándose a contía ideal nos 14.250. A gravación do filme podería comezar no mes de xuño e a súa banda sonora será realizada por Paulo Pascual (Modulador de Ondas), un dos maiores expertos mundiais no theremín.
“Chamábanos a atención o pouco que se coñece esta historia. Pero tamén vimos que aínda que non se fale moito deste tema, todas as persoas de 60 ou 70 anos coas que falamos coñecían o dentón e tiveron relación con el”, comentan as autoras, que subliñan a relevancia de rexistrar este coñecemento e a experiencia directa que moitas xeracións tiveron co caruncho e coa súa venda: “Algunhas testemuñas daquelas persoas que comerciaron co caruncho do centeo aínda están vivas e poden falar e contar. Pero por pouco tempo. A posibilidade de recuperarmos en voz das persoas protagonistas estas experiencias é un agasallo para o arquivo audiovisual galego ademais de ser unha contribución á nosa historia como pobo no mundo, como pobo conectado, aberto e cheo de recursos”.
Destacan a importancia do dentón na saúde das mulleres, pois os seus usos medicinais tradicionais máis estendidos estiveron na obstetricia
Salientan, igualmente, a necesidade de relatar a importancia histórica do dentón na saúde das mulleres, pois os seus usos medicinais tradicionais máis estendidos estiveron centrados na obstetricia, un labor que era igualmente realizado por mulleres. “Tal e como había mulleres que a che axudaban a parir o crío tamén había outras que che axudaban a desfacelo”, contan algunhas das entrevistadas coas que xa contactaron Sabela Iglesias e Adriana Villanueva. “Nalgún parto na aldea recollían o caruncho, cocíano e despois dábanlle a beber aquela auga e axudaba ás contraccións do útero”, relata outra.
A presenza na cultura popular e na vida cotiá é evidente. O cornecho está ligado ao cultivo e á recolleita de cereal para a elaboración do pan, a base da alimentación e a súa existencia e efectos coñécense dende antigo. “Había que sacalo porque senón o pan saía escuro. Escollíase para que non fora. Cando chovía era cando facíamos iso”, comenta unha das mulleres entrevistadas na fase de documentación. Sabidos eran tamén os seus efectos alucinóxenos: “Como non había televisión nin sofá, había que sentar nun banco cativo e daba para barrenar”. E públicas eran tamén as consecuencias negativas da súa inxesta excesiva, o ergotismo ou gangrena, tamén coñecido como fogo sagrado, fogo de Santo Antón, ou mal do pan maldito, denominacións que recolleu Albert Hoffman, o químico suízo que estudou a composición do cornecho e que en 1943 descubriu o LSD e os seus efectos.
O caruncho estivo tamén na base do nacemento da industria farmacéutica galega, a través de Zeltia
O documental afondará na importancia económica do dentón para Galicia. Xa no ano 1912 a revista de farmacoloxía American Druggist publicaba que “o ergot do centeo de maior calidade é o producido nas provincias do noroeste de España. Envíase en barco a Londres dende Vigo ou Lisboa e case todo é consumido nos Estados Unidos”. Descubriuse que tiña propiedades farmacolóxicas, principalmente vasoconstritoras e foron os laboratorios alemáns os que máis investigaron. Porén, tamén en Galicia houbo un desenvolvemento industrial e científico a partir deste material que aquí tanto abundaba
Como contaba Gciencia nesta reportaxe, en 1936 apenas dous meses antes da Guerra Civil, o médico Ramón Obella Vidal e o farmacéutico Francisco Rubira fundaron en Vigo o Instituto Bioquímico Miguel Servet, no que tamén traballaron Alexandre Bóveda e o químico Fernando Calvet. Lanzan o Pan Ergot, producido a partir do caruncho, como remedio contra as xaquecas e o glaucoma. A Guerra Civil corta este proceso, pero en 1939 xorde a empresa Zeltia a partir do que fora o Instituto Miguel Servet. Zeltia desenvolverá novos fármacos, aproveitando a riqueza da flora medicinal galega e chega a realizar plantacións de centeo para producir cornecho de forma industrial.
“O seu mercado central atópase en Galicia, ata o extremo de que un telegrama de Dacón, aldea próxima ao Carballiño, modifica os prezos en Xapón o nos Estados Unidos”, destacaba un xornal en 1954
A comezos dos anos 50 houbo, ademais, unha febre do caruncho, nuns anos no que o quilo chegou a valer 1.000 pesetas da época. As zonas do planeta nas que había máis caruncho eran Rusia, Portugal e Galicia. E nese momento (ao igual que xa sucedera durante a Revolución de 1917 ou a guerra civil posterior) o subministro ruso escaseaba. En 1954, de feito, un xornal destacaba a importancia de Galicia na produción do cornecho: “O seu mercado central atópase en Galicia, ata o extremo de que un telegrama de Dacón, aldea próxima ao Carballiño, modifica os prezos en Xapón o nos Estados Unidos”, subliñaba a noticia.
“Ás mulleres non nos pagaban nada e foi moita cousa o caruncho. Arredemo! Ver o caruncho nos prados era boa noticia”
Deste xeito, o diñeiro que se pagaba polo fungo foi unha achega moi importante para as economías familiares. “Era nas feiras onde había máis trafego de compra-venta de cornello, sobre todo nos anos 50 cando comezou a faltar o subministro ruso”, comenta unha das entrevistadas. “Ás mulleres non nos pagaban nada e foi moita cousa o caruncho. Arredemo! Ver o caruncho nos prados era boa noticia”, explica outra.
“Ter a oportunidade de contar historias que nacen de algo tan próximo e familiar como é este cereal e o seu derivado fai que conectemos coa historia de inmediato. Non falamos de historias afastadas procedentes de selvas amazónicas, non. Falamos do centeo que medra ao carón das nosas casas e dos negocios que financiaron as economías familiares dos nosos avós e avoas e do que tan pouco fala e se sabe”, conclúen Sabela Iglesias e Adriana Villanueva, autoras do documental en produción.