"O modelo do téxtil galego reproduciuse noutros países aproveitando as situacións de pobreza"

'Fíos Fóra' dálles voz ás costureiras, base da industria téxtil galega © Illa Bufarda

Amancio Ortega, el hombre más rico del mundo. A pasada semana moitos medios levaban a un lugar destacado das súas portadas a nova de que o propietario de Inditex superara durante unhas horas na lista Forbes a Bill Gates como a persoa con máis capital do planeta. Esta nova, lida case como unha competición deportiva ou un motivo de orgullo nacional, uníase a outras informacións que dende os anos noventa nos falan do milagre económico do téxtil galego, da expansión internacional de empresas nacidas en Galicia, que producen a maior parte das súas prendas en talleres diseminados por todos os continentes, sobre todo Asia, pero tamén o leste de Europa. Poucas veces estas análises afondan máis e van ás orixes desta industria, que nas décadas anteriores se construíu co traballo de milleiros de traballadoras en Galicia, das costureiras.

O documental Fíos Fóra, realizado por Illa Bufarda (Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva) tras unha encarga da ONG Amarante Setemdeita luz sobre unha realidade invisibilizada, mergullada, sobre a que non existen cifras oficiais ou certeiras que permitan datar con exactitude a súa dimensión económica e social. Durante décadas miles de mulleres galegas traballaron para as (daquela máis cativas) empresas galegas do téxtil, cunhas condicións laborais precarias, por salarios moi reducidos e nun labor que moitas veces nin sequera adquiría o recoñecemento de constituír unha actividade laboral. Este traballo feminino, ao igual que outros (o fogar, a leira...), non era un traballo, era como moito unha axuda económica que complementaba o salario gañado polo home da casa.

Esta realidade, cunha importancia capital en moitas comarcas galegas, permanece silenciada e, en ocasións mantense como un tema tabú, mesmo na actualidade, cando a meirande parte da actividade foi xa deslocalizada. Nas últimas dúas décadas as empresas do téxtil concentran a súa produción no sueste asiático, onde centos de milleiros de persoas (sobre todo mulleres) traballan en condicións moi precarias e por soldos de miseria, como foi denunciado en varias ocasións polos informes da Campaña Roupa Limpa na que participa Amarante Setem. Non só se trata de Asia: Bulgaria, Ucraína, Macedonia, Croacia, Romanía, Bosnia Herzegovina, Xeorxia, Moldavia, Eslovaquia, Turquía... reproducen o modelo. Países moi próximos (algún mesmo membro da UE) que funcionan como patio traseiro da industria téxtil, proporcionando man de obra barata ás marcas e empresas de roupa da Europa occidental. 50 anos despois, o modelo do téxtil galego, construído sobre o traballo precario de milleiros de costureiras, replícase en todo o planeta.

"Esa imaxe de éxito da 'moda galega' e da súa proxección cara ao exterior sepultou as historias de milleiros de mulleres traballadoras"

Iso é o que quere poñer de manifesto Fíos Fóra. Visibilizar, por unha banda, "o papel das traballadoras do téxtil en Galicia, a súa importancia na construción do sector, as condicións laborais e salariais que tiveron e tamén a deslocalización que se produciu nos últimos anos, con todo o impacto económico que tivo", explica Nanda Couñago (Amarante Setem). Pero tamén "analizar como ese modelo se externalizou e se reproduciu noutros países, aproveitando certas situacións, coma o difícil acceso das mulleres ao mercado laboral ou as condicións de pobreza ou subdesenvolvemento, para aplicar as condicións laborais e salariais tan baixas que se están reproducindo país por país".

"Queremos dignificar o traballo das costureiras, loitar contra esa situación de invisibilización", salienta. "Fálase moito da moda galega, do éxito de moitas empresas e empresarios, comezando evidentemente por Inditex. Pero nunca se falou do traballo destas mulleres, dunha economía somerxida ou non somerxida, porque tamén houbo numerosas cooperativas creadas no rural, en moitas ocasións con intermediación de curas e monxes", di. "Esquécese que moitas destas mulleres comezaron a traballar con 12 anos, ou que o fixeron sen estar dadas de alta á Seguridade Social, sen cotizar, ou que as deron de alta cando xa levaban moitos anos traballando", destaca Nanda Couñago. "Esa imaxe de éxito da 'moda galega' e da súa proxección cara ao exterior sepultou as historias de milleiros de mulleres traballadoras", engade.

"As mulleres tiñan unha dobre ou tripla tarefa: o téxtil, coidar da casa e dos fillos e coidar das leiras, porque a maioría eran mulleres do rural"

Couñago subliña a importancia do xénero nesta cuestión: "Non había esa conciencia de muller traballadora e conciencia de clase. Había un parternalismo e unha visión patriarcal que nin sequera consideraba o seu traballo e o que por el ingresaban un salario: era, en cambio, unha axuda para complementar o soldo dos maridos. Tentaron crear sindicatos, e foi moi difícil. As mulleres tiñan unha dobre ou tripla tarefa: o téxtil, coidar da casa e dos fillos e coidar das leiras, porque a maioría eran mulleres do rural. Todo isto dificultáballes moito o organizarse".

Dende Amarante, ao igual que tamén sinalaban as autoras do filme, destacan as dificultades que atoparon á hora de facer o documental: "Chámanos a atención que sexa un tema tabú en moitas vilas. Houbo moitas mulleres que non quixeron participar no documental e outras que si participaron, pero de forma anónima". "Tivemos dificultades con algunha empresa que non quixo participar, como Inditex ou Adolfo Domínguez, que non adoitan participar neste tipo de traballos. Pero tivemos máis dificultades coas traballadoras; non foi difícil saber onde había talleres, pero si que foi complicado conseguir que moitas destas mulleres falaran e explicaran o que viviran", comenta.

"Chámanos a atención que sexa un tema tabú en moitas vilas. Houbo moitas mulleres que non quixeron participar no documental e outras que si participaron, pero de forma anónima"

Houbo tamén dificultades á hora de atopar datos sobre esta parte da economía galega. "Está tan invisibilizado o tema que nin sequera existen datos oficiais de traballadoras e as súas condicións. Tivemos que tirar doutras fontes, de investigacións da universidade. É curioso que non haxa información da administración sobre este tema que foi tan importante", sinala Nanda Couñago. No filme, ademais das voces das empresas que aceptaron participar, pediuse a opinión dos representantes da administración, comezando pola Xunta e o IGAPE. "Da parte institucional sorprendeunos a súa franqueza á hora de aceptar con naturalidade ou xustificar algunhas das cousas que pasaron ou o modelo de produción de deslocalización", afirma a representante de Amarante.

"Esperamos que o documental sirva para valorizar o traballo das mulleres que aínda están en activo en Galicia", explica. "Non quixemos que o filme fose esaxerado ou vitimista. A crítica é palpable, pero sutil, porque as propias mulleres así o transmiten: 'así foi a miña vida e xa está', adoitan dicir. Pero si que che fai pensar e consegue que te fagas preguntas. É moi significativo cando as traballadoras amosan a súa reacción ao comprobar o prezo no que venden nas tendas as prendas que elas producen e polas que lles pagan tan pouco. É algo que nos debe facer reflexionar. O documental déixanos a pregunta de 'nós como consumidores e consumidoras que podemos facer ante isto'", di.

"O documental déixanos a pregunta de 'nós como consumidores e consumidoras que podemos facer ante isto'"

"Creo que o máis importante é como se liga esta historia a todo o que está pasando na actualidade, e ves que ao final non mudaron tantas cousas: séguese perpetuando un modelo de explotación, enfocado sobre todo ás mulleres, que se seguen utilizando como man de obra barata", engade. "No documental vaise poder evidenciar esa similitude, eses paralelismo, eses fíos que unen o que pasou aquí durante décadas e o que está a pasar noutros países. O modus operandi destas empresas non cambiou apenas nos últimos 50 anos, o modelo de produción do téxtil segue sendo o mesmo. Cambia a dimensión: en Galicia eran pequenos talleres, e en Asia son grandes espazos de megaprodución, pero a base, quen traballa e en que condicións, segue sendo a mesma. O modelo, que foi tan exitoso para os empresarios e que tantos beneficios lles reportou, reprodúcese", conclúe.

 

Iniciativa ante as autoridades europeas

"Cambia a dimensión: en Galicia eran pequenos talleres, e en Asia son grandes espazos de megaprodución, pero a base, quen traballa e en que condicións, segue sendo a mesma"

A Campaña Roupa Limpa, que en España coordina SETEM, analiza o trato que 50 das multinacionais máis importantes de Europa, entre elas Inditex, Desigual ou Mango, lles dan ás súas traballadoras, situadas principalmente no continente asiático. O informe concluía que a maioría das traballadoras da industria téxtil global non pode permitirse unha vida digna, xa que non gañan máis que 6 euros ao día (con xornadas por riba das 48 horas semanais) nunha industria que move máis de 34.000 millóns de euros en Europa.

Con todo, un informe publicado en xuño de 2014 salientaba que a explotación laboral non se produce só en Asia, e que tamén en países europeos, algúns mesmo pertencentes á UE, as mulleres que traballan nestas factorías teñen uns salarios e unhas condicións laborais moi lonxe dos niveis aceptables. En todos os países analizados, existe unha gran diferenza entre o salario mínimo legal e o salario digno mínimo estimado. Esta diferenza é aínda maior nos países europeos que ofrecen man de obra barata que en Asia, polo custe máis elevado da vida en Europa. A campaña esíxelles aos Gobernos destes países e ás institucións relevantes da UE que aumenten inmediatamente o salario mínimo legal até polo menos o 60% da media salarial nacional e que permitan unha suba progresiva do salario mínimo legal cara ao salario digno estimado.

O informe revela que os salarios mínimos legais soamente cobren entre o 14% (Bulgaria, Ucraína e Macedonia) e o 36% (Croacia) dun salario digno básico. E destaca que en moitos destes países se emprega o sistema Lohn, polo cal as traballadoras reciben as pezas precortadas, para ser cosidas e devoltas a Italia ou Alemaña, onde se rematan. Deste xeito, aprovéitanse os baixos salarios desta zona (que en moitos casos teñen unha longa historia no campo da produción téxtil e conta con man de obra altamente cualificada), pero se protexen as industrias propias e os beneficios dos territorios ricos.

A campaña esíxelles aos Gobernos destes países e ás institucións relevantes da UE que aumenten inmediatamente o salario mínimo legal até polo menos o 60% da media salarial nacional

"Con ese estudo conseguiuse desmontar a idea de que os salarios de miseria se daban só en Asia. Están tamén en Europa, en países da UE, ao lado da nosa casa", destaca Nanda Couñago. "A nosa reivindicación céntrase en conseguir salarios dignos para as traballadoras. Estamos facendo presión, en colaboración con europarlamentarias para tentar conseguir que se lexisle na UE sobre trazabilidade e a posible violación de dereitos laborais e dereitos humanos por parte das marcas. Queremos que se poida sancionar a estas empresas europeas pola violación dos dereitos humanos en terceiros países".

"O traballo téxtil está ligado moitas veces a procesos de empobrecemento e non de desenvolvemento", conclúe Couñago

A Campaña Roupa Limpa esixe que "se acabe co mito de que pagar máis pola roupa ou proverse en Europa garante unhas condicións laborais decentes". E sinala que "as marcas teñen que dar pasos claros e demostrar un compromiso real na súa propia cadea de subministración para garantir que todas as persoas que traballan para elas, indistintamente do lugar no que vivan, cobren un salario digno". "O traballo téxtil está ligado moitas veces a procesos de empobrecemento e non de desenvolvemento", conclúe Couñago.

Pura Rodríguez, unha das protagonistas do documental © Illa Bufarda
'Fíos Fóra' dálles voz ás costureiras, base da industria téxtil galega © Illa Bufarda
No filme participan tamén representantes da industria e das institucións © Illa Bufarda
María Almazán e Nanda Couñago, na presentación de MOV3 © MOV3
Cartel de 'Fíos Fóra' © Illa Bufarda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.