O theremín foi un dos primeiros instrumentos musicais electrónicos que se controla sen necesidad de contacto físico. Acariciando o aire, poderiamos dicir. Foi creado polo inventor soviético Léon Theremin nos anos 20 do pasado século e dende entón desenvolveuse e popularizouse como acompañamento a outros instrumentos ou para facer ambientacións (é habitual escoitalo en bandas sonoras de películas por exemplo), pero tamén como instrumento protagonista de moitas cancións. Mesmo así non hai moitos intérpretes de theremín. De feito, o medio especializado Theremin Times, dirixido polo neto do propio inventor, apenas destaca unhas poucas ducias de especialistas en todo o mundo e só catro deles no Estado Español.
Paulo Pascual (ex Camarada Nimoy) é un deles e está a piques de publicar Planeta Theremin, o primeiro LP dun thereminista gravado en Galicia, nove temas que presenta nunha coidada edición en vinilo baixo o nome de Modulador de Ondas. O disco chegará en outubro, pero xa se pode escoitar o primeiro tema, "Cefalú", que inclúe tamén un videoclip gravado en Alcabre (Vigo). Ao igual que nas restantes cancións, o Theremin leva o peso das melodías, acompañado por outros instrumentos, coma o chelo ou a guitarra eléctrica.
Foi o pasado ano cando Paulo Pascual iniciou un camiño en solitario tras formar parte de varios proxectos grupais. Ofreceu 30 concertos co theremin como protagonista, ademais de complementalo con sesións de cinema musicado en directo e obradoiros de achegamento a este instrumento, un labor divulgativo co que busca que o número de intérpretes se multiplique en Galicia, formando comunidade.
"A primeira vez que o escoitei con atención foi vendo Ed Wood. Xa me soaba máxico e intrigantemente familiar"
Cando foi a primeira vez que escoitaches un theremin? Cando decidiches que sería o teu instrumento?
Moitos de nós temos na cabeza o son do instrumento polo seu uso en películas de ciencia ficción dos 50 ou revivals e non sabemos que instrumento exactamente é. Penso que me pasaría algo similar, posto que a primeira vez que o escoitei con atención foi vendo Ed Wood. Xa me soaba máxico e intrigantemente familiar. No 2003 comprei un modelo pequeno dunha antena e inicieime a facer moitas experimentacións con el nunha banda que tiña chamada Trem fantasma. Cando me metín na música instro, surf psicodelia e demais con Camarada Nimoy (2012) arranquei xa cun theremin Moog standard e empecei a traballar co seu lado melódico. Usábao puntualmente e pouco a pouco cada vez fun precisando usalo máis.
"É un instrumento no que facer ruidismos curiosos aleatorios é moi doado, traballar melodicamente con el en cambio require moita dedicación"
E difícil aprender a tocalo, a dominalo?
É un instrumento no que facer ruidismos curiosos aleatorios é moi doado, traballar melodicamente con el en cambio require moita dedicación. Hai que traballar moito o oído para afinar correctamente coa man dereita, traballar moito coa man esquerda, que é a que achega a expresividade... Hai que controlar a posición do corpo, a respiración, traballar o instinto para calibralo en diferentes espazos (en cada sitio a afinación é distinta), etc... Despois, coller todas esas experiencias e zas! deixalas de lado para sentir simplemente que o teu corpo debuxa a música no aire, no radio de acción das antenas, dun xeito fluído, con sentimento. Achega moitísimo facer melodías acariñando o aire, é algo diferente, é máxico, sinestésico.
Non todo o mundo coñece o theremin e, sobre todo, poucos o tocan habitualmente. Cantos thereministas hai en Galicia nestes momentos?
Dou clase e vexo momentos nos que a xente lle saca son; pero instrumentistas con soltura para facer melodías como se se tratase dunha voz ou outro instrumento en Galicia somos só dous. Está o compañeiro Uxo Pousa, que é un thereminista de Tomiño novo e prometedor que en moi pouco tempo fai cousas incribles, e eu. Aproveito sempre para buscar e saber se hai alguén máis, posto que é moi enriquecedor. Se alguén máis de Galicia le isto sería un pracer contactar e agrandar a listaxe. Pero non é que en Galicia haxa poucos, no Estado español cóntanse cos dedos dunha man, ou sexa que en proporción non estamos tan mal.
Un dos teus obxectivos é popularizalo en Galicia, formar comunidade?
Si, a idea é difundir como é este instrumento e que a xente se achegue a el como aos demais. Que non se vexa como un "xoguete" ou unha "cousa rara", e se teñan en conta as súas posibilidades. Para isto o primeiro é que a xente vexa o que se pode facer con el. É incrible que non haxa thereministas por aquí e en cambio moita xente teña un theremin de calidade para facer "espectáculo" con el no seu grupo.
"A idea é difundir como é este instrumento e que a xente se achegue a el como aos demais. Que non se vexa como un xoguete ou unha cousa rara, e se teñan en conta as súas posibilidades"
É importante a calidade do instrumento neste caso? Hai moitas diferenzas entre uns e outros?
Claro, si, como en calquera instrumento non podemos confundir unha guitarra de xoguete cunha de verdade, e o mesmo co theremin. Un erro moi habitual é tamén pensar no theremin como algo moi doado de fabricar, e nada máis lonxe da realidade, poucos luthiers hai en Europa. Fanse tamén as veces obradoiros onde aprender a fabricar un, pero temos que ser conscientes que eses experimentos divertidos e interesantes non xeran instrumentos en condicións para interpretar melodías.
Como vai ser ese LP? Entendo que o theremin é o gran protagonista en todos os temas, non si?
Pois vai ser un LP en vinilo de nove temas moi variado e sinxelo onde o theremin vai levar a melodía principal, si. Vai convivir (como no caso do vídeo de presentación) cun chelo, con guitarra e algún outro instrumento. Non coñezo no Estado español ou en Portugal ningún thereminista que fixera un LP deste tipo, tan só un disco do madrileño Javier Diaz Ena que editou o ano pasado, aínda que é un estilo moi diferente, máis electrónico e experimental. Gustaríame tamén que se entendese que o disco tería valor en si mesmo polas composicións e sons aínda que existiran millóns de discos feitos por thereministas. Ese foi o meu traballo, que non quedara simplemente en algo anecdótico, como se pode apreciar no tema de adianto "Cefalú". Que a musicalidade transcenda a este tipo de peculiaridades.
"Mandas correos a festivais da túa zona e non te respostan, en cambio falas con xente de máis lonxe que supostamente é menos accesible por ter propostas de todo o mundo e levas sorpresas agradables"
Theremin Today recoñeceu o teu traballo, nunha listaxe na que apenas hai unhas poucas ducias de músicas de todo o mundo, só 4 do Estado Español. Que significa isto para ti?
Fíxome ilusión ver que o neto do inventor, o soviético Leon Theremin me tivera en conta, si. É como de película, mandas correos a festivais da túa zona e non te respostan, en cambio falas con xente de máis lonxe que supostamente é menos accesible por ter propostas de todo o mundo e levas sorpresas agradables. O Festival Internacional Electromanética en Chile por exemplo, publicou cunhas formidables palabras o noso vídeo na súa rede, ademais de responder con moito interese cando lle escribimos.