O Concello do Barco de Valdeorras e a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) homenaxearán este sábado no Barco o médico Gonzalo Gurriarán. Gurriarán levou unha vida intensa, marcada pola súa exitosa dedicación á súa profesión, polo seu compromiso político e sobre todo humano, e pola súa afección ao montañismo. Unha combinación que, ademais, como lle sucedeu a toda a súa xeración, foi atravesada pola guerra civil. Na homenaxe do sábado Gurriarán será nomeado irmandiño de honra nun acto solemne, que pretende recuperar a súa figura en agradecemento "polo seu compromiso con esta terra e as súas xentes".
Os actos darán comezo ás 12 horas coa inauguración dunha placa en lembranza do Doutor Gurriarán, que será colocada na finca da rúa Manuel Quiroga onde se encontraba a súa clínica, no que falarán Xosé Luis Álvarez, da Xunta Directiva da ISAGA e o alcalde do Barco, Alfredo García. Seguidamente, ás 12.30, terá lugar un acto no salón de actos do Edificio Multiusos no que tomarán a palabra Ricardo Gurriaarán (fillo do doutor Gurriarán e historiador), Roberto Fernández (médico de familia), Carlos Eirea Eiroa (da Xunta Directiva da ISAGA) e de novo o rexedor da vila.
Gonzalo Gurriarán foi moito máis ca un médico, pero sobre todo foi un médico. Naceu no Barco en 1904 e estudou Medicina en Salamanca e na Universidad Central de Madrid, daquela contaba entre os seus profesores con Ramón y Cajal. Viviu na Residencia de Estudiantes durante anos, mentres facía a carreira, o doutoramento e completaba o servizo militar, e alí coñeceu o máis destacado da intelectualidade do momento, comezando por Federico García Lorca e por Juan Negrín, médico, cos que estableceu unha amizade duradeira. Nos anos seguintes realizou varías estadías de investigación no extranxeiro, sobre todo en Estrasburgo, e defendeu a súa tese de doutoramento, titulada: "Estudios experimentales sobre la obtención de la úlcera crónica gastroduodenal".
En 1932 a Academia Nacional de Medicina concédelle o premio bianual de investigación Rodríguez Abaytua, unha das máis altas distincións desta institución, que tamén recibiría na edición de 1934. En 1935 integrouse no equipo do doutor Negrín, anos despois Xefe de Goberno con Azaña, e do que tamén formaba parte un antigo compañeiro de residencia, Severo Ochoa, anos máis tarde Premio Nóbel. En 1936 é nomeado Xefe Provincial de Sanidade de Madrid. Porén, a Guerra Civil acabou con todo.
En 1935 integrouse no equipo do doutor Negrín, anos despois Xefe de Goberno con Azaña, e do que tamén formaba parte un antigo compañeiro de residencia, Severo Ochoa, anos máis tarde Premio Nóbel
Gurriarán non tiña unha especial actividade política, ainda que nas terras de Valdeorras era alcumado Negrín, pola amizade que os unía, e si defendía unha ideoloxía liberal e prograsista. A sublevación militar sorpréndeo no Barco, en zona nacional. Durante a guerra, despois de vivir agochado un tempo, serve como médico na fronte de Madrid para as tropas de Franco, pero os golpistas non lle agradecen este servizo: abríronlle un expediente de depuración, impedíronlle continuar co seu traballo de investigador e non puido exercer a profesión na sanidade pública ata 1948, cando obtivo unha praza de médico de cabeceira en Sobradelo de Valdeorras. Máis adiante, abriu unha clínica cirúrxica no Barco.
En 1944 crea o Club de Montaña Pena Trevinca - Montañeiros de Galicia, que protexía as súas frecuentes visitas á montaña da constante vixilancia da Garda Civil e dos falanxistas
Porén, até ese ano seguiu exercendo a medicina, axudando os maquis, guerrilleiros e fuxidos nos montes e terras próximas a Valdeorras. Neses anos atopa a forma de que as súas dúas paixóns se complementasen: o montañismo e a medicina e o compromiso de emprestar atención sanitaria a quen o necesitase. En 1944 crea o Club de Montaña Pena Trevinca - Montañeiros de Galicia, que protexía as súas frecuentes visitas á montaña da constante vixilancia da Garda Civil e dos falanxistas. Xa en 1927 estaba afiliado ao Club Alpino Español e no Club de Montaña, dende os anos 40, ademais de ocuparse das tarefas organizativas e burocráticas, Gurriarán coordinou e guiou aos excursionistas de fóra da bisbarra, impulsou a construción do refuxio da Fonte da Cova, dotou ao local social do Barco dunha biblioteca con libros do montañismo complementados con outros sobre xeoloxía, flora, historia e xeografía de Galicia e promoveu actividades relacionadas coa reforestación da serra e a sensibilización sobre a masa arbórea en extinción. Mesmo dirixiu a primeira e única selección galega de esquí, que debutou na serra do Guadarrama cun xersei que levaba bordado o nome de Galicia.
Pouco a pouco foi deixando de lado a súa participación activa na organización do montañismo na zona e na promoción do esquí, pero nos últimos anos participou, a través da organización da cidadanía e da publicación de artigos en prensa, na campaña de defensa do Lago de Sanabria que as empresas Ideam e Iberduero querían aproveitar para os seus intereses hidroeléctricos. Morreu novo, cando aínda mantiña unha intensa actividade en todos os eidos, vítima dun accidente de tráfico en Catalunya en 1975.
O seu fillo, o historiador Ricardo Gurriarán, nunca chegou a escoitar de boca de seu pai boa parte de toda esta historia, sobre todo aquela máis ligada á súa relación cos políticos da República, a guerra civil e a súa axuda aos maquis
O seu fillo, o historiador Ricardo Gurriarán, nunca chegou a escoitar de boca de seu pai boa parte de toda esta historia, sobre todo aquela máis ligada á súa relación cos políticos da República, a guerra civil e a súa axuda aos maquis. Impúxose o muro de silencio que tamén marcou toda a xeración de Gonzalo Gurriarán. E só a través da lectura das ao redor de cinco mil cartas que del se conservaron (entre elas unha frecuente correspondencia con Ramón Otero Pedrayo) puido Ricardo Gurriarán coñecer toda a verdade sobre seu pai, publicada en 2005 polo Instituto de Estudios Valdeorreses en forma de biografía. A historia dun médico e do seu compromiso.