Queremos Galego chama a manifestarse polos dereitos lingüísticos da cidadanía

Presentación da manifestación do vindeiro 17 de maio © Queremos Galego

A marcha quere ser "unha grande mobilización cidadá que enfronte a negativa da Xunta a garantir os dereitos lingüísticos da súa cidadanía coa forza, a unidade e o traballo conxunto dunha sociedade que defende o seu idioma porque sabe que é vital para a súa existencia"

Queremos Galego presentou este mércores a manifestación en defensa da lingua que percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro 17 maio baixo o lema "O galego, lingua vital". A marcha, que partirá ás 12 horas da Alameda, quere ser "unha grande mobilización cidadá que enfronte a negativa da Xunta a garantir os dereitos lingüísticos da súa cidadanía coa forza, a unidade e o traballo conxunto dunha sociedade que defende o seu idioma porque sabe que é vital para a súa existencia", destacou o voceiro da plataforma, Marcos Maceira. Haberá buses dende todas as comarcas.

En rolda de prensa, Maceira criticou que a Xunta sexa "incapaz de ofrecer máis alternativa á emerxencia lingüística que negarse a mencionala" e calificou a súa "incapacidade" para cumprir os prazos de renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que ela mesma fixou "non só de desleixo, senón de mostra do profundo desprezo que teñen por Galiza e o seu idioma". 

Catel da manifestación do vindeiro 17 de maio © Queremos Galego

Maceira criticou que a Xunta sexa "incapaz de ofrecer máis alternativa á emerxencia lingüística que negarse a mencionala" e destacou o Protocolo Lingua Vital, "unha alternativa sólida, nacida dun proceso amplo, participativo e plural sobre o que comezar a reverter a emerxencia lingüística"

Fronte a isto, Queremos Galego opón o Protocolo Lingua Vital, "unha alternativa sólida, nacida dun proceso amplo, participativo e plural sobre o que comezar a reverter a emerxencia lingüística", salientou Maceira, que destacou que este plan "é o primeiro resultado desa forza, unidade e traballo conxunto que se verá nas rúas o 17 de maio e que comezaremos a aplicar na parte que corresponde ás entidades sociais"

Pola súa banda, a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, lembrou a Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras deste ano, lendo un texto que a xornalista e escritora publicou no 2010, denunciando o uso de expresións como “bilingüismo harmónico”. "O termo bilingüismo harmónico, cuñado pola administración Fraga, foi se seu unha falacia, unha completa mentira; non podemos falar en termos de harmonía cando hai unha situación tan disimétrica entre o castelán e o galego", denunciaba Caamaño. 

A coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, lembrou a Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras deste ano, lendo un texto que a xornalista e escritora publicou no 2010, denunciando o uso de expresións como “bilingüismo harmónico”

E arremetía contra o decreto do plurilingüísmo, asegurando que con ese texto "van asinar non a defunción, senón a execución do galego". "Fraga pretendía que o idioma morrer ‘de morte morrida’, pero seica estes son máis impacientes e o galego estalles a resultar un moribundo demasiado lento e molesto" afirmaba Begoña Caamaño.

Armas agradeceu, así mesmo, a presenza na rolda e a colaboración no proceso Lingua Vital de entidades tan diversas como os sindicatos CIG, UGT, CCOO ou STEG, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Anpas Galegas, Confapa, Fapa Ourense, Fundación Galiza Sempre, Vía Galega, Galiza Nova, Avante LGBT+ ou BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.