Foliada masiva con Queremos Galego a prol dunha "lingua vital"

Un intre da mobilización de Queremos Galego este 17 de maio coa manifestación derivando en foliada CC-BY-NC-SA Eva Fernández Prieto / Queremos Galego

A reivindicación fúndese coa homenaxe ás cantareiras nun Día das Letras que a plataforma ve "histórico e decisivo": "Só a toma de iniciativa pola sociedade pode mudar o rumbo do idioma e reverter a emerxencia lingüística"

O son das ferreñas ecoou no Obradoiro para acompañar a foliada masiva na que Queremos Galego quixo converter este 17 de maio a súa manifestación. Fíxoo baixo o lema "lingua vital xa", co que a plataforma acompaña o "proceso social" mediante o que procura propoñer unha batería de "accións concretas" para o cumprimento dos acordos e plans xa existentes a prol do uso normal do idioma, moi especialmente do Plan Xeral de Normalización abeirado en 2004 na unanimidade do Parlamento.

Esa reivindicación fundiuse na manifestación coa homenaxe ás cantareiras que protagoniza este Día das Letras. Porque o chamamento non era outro que "expresar cantando a forza do noso idioma" e así, din, premer para que as institucións públicas en xeral e a Xunta en particular "mude o rumbo" e "comece a reverter a emerxencia lingüística", en verbas de Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego e presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística.

Vista xeral do Obradoiro ao remate da manifestación de Queremos Galego, este 17 de maio CC BY-NC-SA CIG

"A mobilización e a toma da iniciativa pola lingua pola sociedade galega é o único que pode facer mudar o rumbo do idioma e reverter a emerxencia lingüística", sintetizou Maceira no seu discurso no Obradoiro nun 17 de maio "histórico e decisivo". É tal, mantén, porque "os nosos netos e netas poderán dicir con orgullo que viven en galego porque os seus pais e nais, avós e avoas defenderon o idioma que é seu e fixeron todo o posíbel e o imposíbel para restituílo e derrotar os programas de destrución".

"Quérennos calados, tentaron desactivarnos", afirma Maceira, quen advirte de que a "forza" da protesta se vai "concretar" nas "alternativas dun novo rumbo" que sairán do "proceso Lingua Vital, participativo e plural"

Coa elaboración do novo Plan Xeral de Normalización lanzada pola Xunta como inevitable pano de fondo, o voceiro de Queremos Galego advirte de que na Xunta "quérennos calados e inmóbiles". "Tentaron desactivarnos" con "insistencia" pero "non conseguiron paralizarnos". "Aquí está a forza do pobo galego" que se vai "concretar", avanza, nas "alternativas dun novo rumbo" co "proceso Lingua Vital, participativo e plural".

Porque, resaltou Maceira nun acto conducido pola actriz Isabel Risco, "non nos resignamos á situación de emerxencia lingüística extrema á que chegamos" nin á "expulsión do galego de todos os ámbitos da vida social". "Calquera pegada, calquera presenza de galego é demasiado para quen só é capaz de desprezalo" e por iso, lamenta, "antes de pór remedio", no Goberno do PP "prefiren mentir, manipular, anunciar pactos fraudulentos e vetar calquera participación das entidades sociais para agochar mellor a realidade".

Vista da Praza do Obradoiro no remate da manifestación de Queremos Galego CC-BY-NC-SA Eva Fernández Prieto / Queremos Galego

Tras a intervención en clave política chegou a foliada. Nese punto, centos de pandeiretas bateron ao aire do Obradoio e bailadoras e bailadores tomaron o protagonismo ante as faixas das diversas organizacións que se uniron á protesta.

Apoio de BNG e PSdeG

Como anteriores mobilizacións, a manifestación de Queremos Galego foi secundada neste Día das Letras por senllas comitivas das dúas forzas da actual oposición parlamentaria. Á fronte da do BNG estivo a súa portavoz nacional, Ana Pontón, quen coida que existen "condicións para reverter" a "situación crítica" para o galego á que "puxeron cifras os propios datos oficiais da Xunta"  sempre e cano "o Goberno do señor Rueda deixe de traballar en contra da lingua".

Participantes na foliada coa que culminou a manifestación de Queremos Galego CC-BY-NC-SA Eva Fernández Prieto / Queremos Galego

Urxe, di Pontón, "unha nova etapa" na que "se apliquen os consensos que xa temos",a comezar por poñer "orzamentos e prazos" para aplicar o "gran acordo en torno á lingua" que "xa temos", o Plan Xeral de Normalización do ano 2004. E a seguir por "modificar o decreto da vergoña" baixo o que estudou, lamenta, a "xeración que menos galego fala da historia". "Que o orgullo que vemos reivindicado nas cantareiras e na música tradicional sexa a base sobre a que construamos o futuro" para o idioma, desexa a líder do Bloque.

A representación do PSdeG na manifestación estivo encabezada pola súa secretaria de organización, Lara Méndez, mentres o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, asistía en Malpica ao plenario extraordinario da RAG polo Día das Letras. Para Besteiro, a reivindicación central deste 17 de maio debe ser esixir "vontade política" á Xunta para "recuperar falantes".

"Hai que ir máis alá do uso familiar, do docente, da vida diaria, do ocio", di o secretario xeral socialista nun contexto no que "defender o noso idioma" é tanto como "defender o noso país". E o PP e o Goberno de Rueda, lamenta, "non están a poñer todo enriba da mesa para reverter a situación". Para facelo, conclúe, cómpre "decisión e traballo todos os días, non só o Día das Letras".

Cabeceira da manifestación de Queremos Galego CC-BY-NC-SA Eva Fernández Prieto / Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.