17M: unha manifestación para "expresar cantando a forza do noso idioma"

Representantes das entidades que forman Queremos Galego © AMesa

Será unha "gran foliada pola lingua". Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego, pediu que a xente acuda con pandeiretas, percusión e con "ánimo" para "expresar cantando a forza do noso idioma"

A plataforma Queremos Galego presentou este mércores os detalles da manifestación pola lingua convocada para este sábado 17 de maio en Compostela baixo o lema "Lingua Vital xa". Será unha "gran foliada pola lingua", coa referencia tamén das cantareiras e da poesía popular que este ano protagonizan o Día das Letras. Neste senso, Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego, pediu que a xente acuda con pandeiretas, percusión e con "ánimo" para "expresar cantando a forza do noso idioma".

A marcha partirá ás 12 horas da Alameda, pasará diante do IES Rosalía de Castro e do IES San Clemente, irá pola rúa do Franco e a rúa Fonseca e rematará na praza do Obradoiro, onde a actriz Isabel Risco conducirá un acto no que intervirán a coordinadora e o voceiro de Queremos Galego. Ademais, presentaranse as entidades que participarán no proceso social Lingua vital para concretar e executar os acordos xa tomados en relación ao idioma. 

A manifestación do vindeiro 17 de maio está convocada baixo o lema "Lingua Vital xa" © Amesa

"A mobilización e a toma da iniciativa pola lingua pola sociedade galega é o único que pode facer mudar o rumbo do idioma e comezar a reverter a emerxencia lingüística", dixo Marcos Maceira

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, salientou que "este 17 de maio é imprescindíbel saír á rúa" pois "a Xunta está demostrando que só actúa se o pobo galego se mobiliza". Neste senso, Maceira asegura que "o medo á mobilización obrigou o PP a aparentar vontade de cumprir os acordos con supostas comisións, mais con límites estabelecidos para o ensino, a administración, os medios públicos ou mesmo os campamentos de verán". 

"A mobilización e a toma da iniciativa pola lingua pola sociedade galega é o único que pode facer mudar o rumbo do idioma e comezar a reverter a emerxencia lingüística", dixo, engadindo que "hai que obrigar o PP e a Xunta a reaccionar a favor do idioma perante a emerxencia lingüística". 

Maceira relacionou a "copia de iniciativas como un selo a empresas que usan o galego" coas mobilizacións sociais a prol da lingua, que -asegura- obrigaron a Xunta a "seguir os pasos de Queremos Galego" ao tempo que "continuaban coas accións contra o idioma, como a Lei da CRTVG ou a lei da Intelixencia Artificial. 

Percorrido da manifestación convocada por Queremos Galego © Queremos Galego

"Os nosos netos e as nosas netas poderán dicir que poden seguir falando galego porque os seus pais e nais, avós e avoas estiveron na rúa defendendo o idioma que é seu", engadiu Maceiras

O voceiro de Queremos Galego confía en que a mobilización deste 17 de maio será histórica, "decisiva para impulsar a mudanza de rumbo que o galego precisa". "Os nosos netos e as nosas netas poderán dicir que poden seguir falando galego porque os seus pais e nais, avós e avoas estiveron na rúa defendendo o idioma que é seu, porque miles e miles de persoas, toda a forza, apoio e músculo social a favor do galego saíu á rúa e actuou para eliminar os programas que propoñen a súa destrución", dixo.

Armas anunciou, así mesmo, que haberá buses a Compostela dende 30 localidades, unha información que se pode atopar na web da plataforma Queremos Galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.