Clamor masivo por un galego "vital"

220225 Queremos Galego remate da manifestación na praza do obradoiro 23 de febreiro CC-BY-NC-SA Ana G. Liste

Queremos Galego volve xuntar milleiros de persoas a prol do idioma: "Fronte á emerxencia lingüística, a sociedade está disposta a actuar e cómpre que o Goberno galego tamén o estea"

Son Goku saíu manifestarse este domingo en Santiago. Foron diversas as imaxes do protagonista d'As bólas máxicas que puideron vese ao longo da manifestación da plataforma Queremos Galego, convocada baixo un lema inspirado no popular personaxe de Akira Toriyama, que no noso país é tanto como dicir no Xabarín Club, o espazo televisivo que para toda unha xeración significa pasalo ben en galego. Normalizalo no sentido máis amplo do termo. Sentilo vivo, ao cabo: "Lingua vital xa!", reformularon a mítica "onda vital" fronte á "emerxencia lingüística".

As nenas e nenos da xeración Xabarín  roldan agora os 40 anos. Son as nais e pais da infancia que, din os datos do IGE, medra nunha Galicia na que o galego xa non é a lingua predominante, na que diminúe o seu uso como lingua materna e onde ademais é, cada vez menos, lingua de elección. Onde aínda se fala algo algo ou bastante galego na casa, sobre todo nalgunhas comarcas, pero  moito menos ao chegar á escola. "Polas fillas dos nosos fillos", podíase ler nunha das pancartas situadas no escenario do acto final, nunha ateigada Praza do Obradoiro.

Varios momentos da manifestación de Queremos Galego e do acto final na Praza do Obradoiro, coa intervención de Xurxo Souto CC BY-NC-SA Praza.gal

Foi abondosa a representación desa xeración este Día de Rosalía de 2025 nas rúas da capital. Con moitas nenas e nenos, con xente maior, con representantes dos múltiples colectivos sociais, dende sindicatos a asociacións, que se adheriron á convocatoria. Tamén con concorridas comitivas das dúas forzas da oposición parlamentaria, BNG e PSdeG, encabezadas respectivamente por Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, presentes na segunda pancarta, a dos colectivos que impulsan a plataforma, dunha manifestación alentada dende o inicio polo torrente de enerxía de Xurxo Souto.

A asistencia foi equiparable a doutras manifestacións masivas na defensa da lingua. Cun ambiente tan reivindicativo como festivo e o sinal, cando faltaban cinco minutos para a unha da tarde, do éxito da convocatoria: aínda había xente saíndo da Alameda, anunciou Souto entre o aplauso da concorrencia. 

"No Obradoiro hoxe non vai haber espazo vital, o que hai é lingua vital!", engadiu alentando, co son da caracola, a clamar "lingua vital xa!" nun "día histórico". Máis aínda, nun  día de compromiso, de loita e de luz" acrecentou Xurxo Souto antes de recitar a Alborada de Rosalía dende o escenario coa música dos Carapaus.

O ambiente foi semellante ao de mobilizacións anteriores pero o contexto político é diferente. Fronte á aberta belixerancia da Xunta nos primeiros tempos de Feijóo, coa primeira aposta explícita por reducir a protección do galego dende o Goberno que ten estatutariamente encomendado protexelo, a mobilización deste 23 de febreiro desenvolveuse nun marco no que o actual Executivo asegura estar disposto a pactar un novo Plan Xeral de Normalización. Un acordo que, teme Queremos Galego, pode ser en realidade "un pacto do enterro do galego".

A propia plataforma Queremos Galego e organizacións que a compoñen, caso da Mesa pola Normalización Lingüística, lembraron tamén este domingo, levan anos brindándose a colaborar na reformulación e impulso das medidas do PXNLG de hai vinte anos. Os "puntos mínimos", as "medidas urxentes" levan vinte anos pactadas, subliñou o voceiro da organización, Marcos Maceira.

"Se a Xunta quere reaccionar, sabe o que ten que facer"

Pero os primeiros pasos da redacción do novo, lamenta, falan de mantemento de medidas coma o decreto que recortou o galego no ensino e desenvólvense mentres, consideran, a propia Xunta dá pasos contrarios á protección do idioma con medidas como a nova lei dos medios públicos. "Fronte á emerxencia lingüística, a sociedade está disposta a actuar e cómpre que o Goberno galego tamén o estea" e non se limite a "reaccionar só en aparencia" á "lección de dignidade" que, defende Maceira, supoñen mobilizacións como a deste domingo.

Porque se o Goberno "quere reaccionar e tomar medidas, sabe moi ben o que ten que facer". Pero, lamenta Maceira, prefire "chamarlle bilingüismo cordial a que, segundo os datos oficiais, o 32% de menores de 15 anos non saiban falar en galego" ou a que "o 70% das crianzas que entran na escola falando galego saian falando español". Circunstancias coma estas, engadidas á "opacidade" que, a xuízo da plataforma, está marcando o inicio dos traballos para renovar o Plan Xeral, levan a Queremos Galego a concluír que "o verdadeiro pacto pola lingua está hoxe aquí".

Reclamacións de BNG e PSdeG e mofas do PP

Pontón pide que a manifestación sexa "un punto e aparte nas políticas lingüicidas do PP". Besteiro pide atender a "Mensaxe clara de que hai que protexer a nosa lingua, sen ela non hai país"

As apelacións á Xunta estiveron tamén na cerna das palabras de Pontón e Besteiro durante a manifestación. A portavoz nacional do BNG agarda que a mobilización supoña "un punto e aparte" para "deixar atrás as políticas lingüicidas do PP", a comezar por "deixar de manipular os datos oficiais sobre a situación de emerxencia do galego". "Pedimos ao PP que volva ao consenso e que garanta que esta vai seguir sendo a lingua dos nosos fillos e das nosas netas" porque en Galiza hai miles de persoas que queren o galego, falen o que falen, e ese sentir social tamén ten que ser escoitado pola Xunta", resalta a líder do Bloque.

O secretario xeral do PSdeG tira da manifestación unha "mensaxe clara": "Hai que protexer a nosa lingua porque sen lingua non hai país". Faino, di Besteiro, nunha mobilización que "non é contra ninguén", senón "a prol da lingua" e por iso se dirixe ao goberno "con competencias na materia". O Goberno do PP debe "escoitar" no canto de "tentar ridiculizar" a protesta e "protexer o noso idioma". O idioma, agrega Besteiro, é "de todos e de todas, é un dereito" e por iso o PSdeG aposta por defendela "con orgullo e sen medo", sen virala en "ferramenta de confrontación".

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, na manifestación de Queremos Galego este 23 de febreiro de 2025 CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

A música de Mondra serviu para pechar en clave de festa a manifestación antes do himno galego. "Se non actúa o presidente da Xunta, aí estará Queremos Galego para facelo", resumen dende a plataforma, que culminou a protesta pedindo desculpas ás persoas que non deron chegado a entrar no Obradoiro por mor da multitude.

Unhas oito horas despois da manifestación, pasadas as dez da noite, o PP de Galicia emitiu a súa primeira reacción oficial á protesta a través das redes sociais. Foi para publicar unha fotografía da parte traseira do escenario instalado pola organización no Obradoiro para suxerir un fracaso da convocatoria pola ausencia de manifestantes nesa zona -uns 1.500 metros cadrados dos arredor de 6.000 que ten a praza- no momento de captar a imaxe. "A onda vital quedou polo camiño", afirmaron os conservadores sobre unha mobilización que, a primeiras horas da xornada, o conselleiro de Lingua, José López Campos, xa identificara co "extremismo".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.