O devalo do galego na mocidade: pouca lingua de berce e cada vez menos de elección

Entre as persoas de 5 a 14 anos só o 11% aprendeu a falar só en galego, fronte a un 52% que o fixo só en castelán. Ademais, hai un 33% que aprendeu a falar nas dúas linguas por igual CC-BY-SA Alina Diaz

O estudo quinquenal sobre coñecemento e uso da lingua publicado hai uns días polo IGE certificou que o galego xa non é o idioma maioritario en Galicia. Un cambio de paradigma que hai ben tempo que se producira entre a mocidade, pero que nos datos correspondentes ao ano 2023 se afianzou e se acelerou, cunha porcentaxe cada vez máis cativa de nenos, nenas, mozos e mozas que falan galego habitualmente e mesmo unha proporción significativa que xa non é quen de falalo correctamente.

Entre as persoas de 5 a 14 anos só o 11% aprendeu a falar só en galego, fronte a un 52% que o fixo só en castelán. Ademais, hai un 33% que aprendeu a falar nas dúas linguas por igual

Nas últimas décadas foi moito o que mudou na propia transmisión interxeracional da lingua, de xeito que o castelán é dende hai tempo -e con moito diferenza- a lingua na que os nenos e nenas galegas aprenden a falar, é dicir, a súa lingua de berce, a súa lingua materna. Os datos de 2023 apuntalan esta realidade, cunha tendencia que mesmo se acelera.

Hai vinte anos eran xa moitos máis os nenos e nenas que aprendían a falar en castelán e non en galego. As cifras de 2023, coñecidas hai uns días, informan de que na actualidade entre as persoas de 5 a 14 anos só o 11% aprendeu a falar só en galego, fronte a un 52% que o fixo só en castelán. Ademais, hai un 33% que aprendeu a falar nas dúas linguas por igual e outro 5% doutras situacións, que inclúen dende outros idiomas ata a lingua de signos.

Mesmo se tomamos o conxunto da poboación, o número de persoas que tivo o galego como lingua inicial (33,9%) é case tan grande coma o que tivo o castelán (33,1%). Unha porcentaxe algo inferior (29,2%) tivo como lingua inicial os dous idiomas por igual

Mesmo se tomamos o conxunto da poboación galega, o número de persoas que tivo o galego como lingua de berce (33,9%) é case tan grande coma o que tivo o castelán (33,1%); unha porcentaxe algo inferior, pero semellante (29,2%) tivo como lingua inicial os dous idiomas por igual.

Por suposto, hai grandes diferenzas tanto en función da provincia de residencia (Lugo é o territorio con máis galegofalantes iniciais e Pontevedra é o que menos ten) coma sobre todo do tipo de concello no que se resida. Mentres que nos concellos de menos de dez mil habitantes o 55% da poboación aprendeu a falar en galego (e só o 14% en castelán), nas sete cidades as proporcións son inversas: o 51% da poboación aprendeu a falar en castelán e só o 17% en galego.

A outra diferenza evidente vai relacionada co lugar de nacemento. Entre as persoas nacidas en Galicia aínda son clara maioría os que teñen o galego como lingua inicial (40% fronte ao 27% que tivo o castelán como lingua materna), mentres que nas persoas nacidas noutra comunidade autónoma do Estado, o castelán foi a lingua inicial e nas persoas nacidas no estranxeiro as proporcións repártense entre os que aprenderon a ler en castelán (61%) e noutros idiomas (31%).

A lingua máis habitual empregada por nais e pais cos seus fillos e fillas é o castelán, aínda que son máis os casos en que os proxenitores lles falaban maioritariamente en galego (24%) que os nenos e nenas que finalmente teñen o galego como lingua inicial (11%)

Nenos e nenas aprenden a falar principalmente na casa, no ámbito familiar, aínda que outros espazos de socialización -escolas infantís, veciñanza, parques...- teñen tamén o seu peso. Así pois, en que lingua lles están a falar aos nenos e nenas cando comezan a dicir as súas primeiras palabras? En coherencia cos datos anteriores, a lingua máis habitual empregada por nais e pais cos seus fillos e fillas é o castelán, aínda que son máis os casos en que os proxenitores lles falan maioritariamente en galego (24%) nos seus primeiros anos que os nenos e nenas que finalmente teñen o galego como lingua inicial (11%).

A porcentaxe de nais e pais que lles falaban aos seus fillos en galego é cativa, menos do 24%, (o 16% empregan con eles e elas só o galego e outro 8% máis galego ca castelán) e ademais está en descenso. No ano 2018 a porcentaxe era moi superior (31%), aínda que os indicadores actuais non son moi distintos aos do ano 2013 (27%).

De igual xeito, son clara maioría os avós e avoas que lles falan (ou falaban) aos seus netos e netas maioritariamente en castelán (55%) fronte aos que o fan en galego (41%)

O IGE ofrece datos tamén sobre a lingua na que avoas e avós lles falan ou falaban aos nenos e nenas de 5 a 14 anos cando estes e estas eran pequenas. Os valores non son moi diferentes aos que se rexistran entre nais e pais, aínda que a porcentaxe que emprega o galego é algo superior. En calquera caso, son clara maioría os avós e avoas que lles falan (ou falaban) aos seus netos e netas maioritariamente en castelán (55%) fronte aos que o fan en galego (41%). En 2018, en cambio, os dous valores eran practicamente iguais.

O 77% dos nenos e nenas falan maioritariamente en castelán co seu pai e nun 81% coa súa nai

En consecuencia, a lingua na que nenos e nenas entre 5 e 14 anos se comunican coa súa familia é maioritariamente o castelán. É así cando falan co seu pai, conversas que nun 77% dos casos se desenvolven maioritariamente en castelán (nove puntos máis que hai cinco anos) e nun 61% de forma exclusiva nesta lingua.

E o castelán aínda domina máis cando falan nenos e nenas falan coa súa nai (81% maioritariamente en castelán, oito puntos máis que en 2018, e un 63,5% só nesta lingua). O IGE confirma unha vez máis a diferenza, pequena pero significativa, xa detectada noutras ocasións na lingua empregada por homes e mulleres. O pasado ano unha investigación de María López Sández, Xaquín Loredo Gutiérrez e Gabino S. Vázquez-Grandío concluíu que as mulleres usan e transmiten menos o galego que os homes polos "prexuízos" que identifican o castelán como lingua de maior prestixio.

A porcentaxe de nenos e nenas que falan en castelán cos seus avós e avoas é algo inferior pero non moito (72%). No caso dos seus irmáns e irmás (cando os houber) o dominio do castelán é aínda maior, cun 84%

Os datos de uso familiar do galego entre os 15 e 29 anos son superiores, pero tamén están en descenso, mesmo máis rápido que no caso dos nenos e nenas

Os datos de uso familiar do galego na xeración seguinte, entre os 15 e 29 anos, son superiores, pero tamén están en descenso, mesmo máis rápido que no caso dos nenos e nenas de 5 a 14. Neste caso, o castelán é empregado maioritariamente con pais (68%, once puntos máis que no 2018), nais (70%, dez puntos máis), avós/avoas (58%, oito puntos máis) e irmáns/irmás (73%, once puntos máis).

O 61% dos nenos e nenas de 5 a 14 anos fala sempre en castelán coas súas amizades e outro 24% fala máis castelán que galego

O uso do galego no ámbito familiar por parte da infancia e da mocidade é moi cativo, pero mesmo así é o eido no que a lingua resiste mellor. Noutros ámbitos sociais, comezando polo das súas amizades, o predominio do castelán é aínda máis grande, con datos moi semellantes aos que o estudo detecta tamén na comunicación entre irmáns/irmás.

Así, o 61% dos nenos e nenas de 5 a 14 anos fala sempre en castelán coas súas amizades e outro 24% fala máis castelán que galego. Un 85% de uso maioritario do castelán consistente co 84% de nenos e nenas que declaran que o castelán é a súa lingua habitual. Hai cinco anos a porcentaxe era do 74%. 

O 73% de mozos e mozas fala só ou maioritariamente en castelán, oito puntos máis que hai cinco anos. Nunca antes o castelán avanzara tan rapidamente

No caso dos mozos e mozas de 15 a 29 anos, a porcentaxe que fala sempre en castelán é do 49%, xunto con outro 24% que emprega maioritariamente esta lingua. En total, un 73% que supera en oito puntos o 65% rexistrado en 2018. 

No ano 2003 as porcentaxes de uso de galego e castelán entre a mocidade estaban aínda igualadas, cunha pequena vantaxe para o castelán (55%-45%). Dende entón, o castelán foi avanzando (catro puntos en 2008, cinco máis en 2013) pero nunca tanto como nesta ocasión.

Infancia e mocidade ten hábitos moi distintos en función de onde viva. Nas cidades tan só o 7% do estudantado fala en galego cos seus compañeiros e compañeiras. Nos concellos de menos de 10.000 habitantes a porcentaxe é do 44%

O IGE ofrece datos moi semellantes para a lingua empregada pola infancia e a mocidade cos seus compañeiros e compañeiras de clase (enténdese que coincidentes cos seus amigos e amigas). Porén, nesta ocasión o instituto público ofrece información segmentada non só por idade, senón tamén polo tamaño do concello no que residen e pola lingua habitual de uso dos nenos, nenas, mozos e mozas.

O uso do castelán é maioritario en todo o estudantado, especialmente entre os menores de 16 anos, pero tamén entre os maiores de 17. Ademais, obsérvanse claras diferenzas en función do lugar no que vivan; así, o alumnado (de calquera idade) de concellos de menos de 10.000 habitantes fala maioritariamente en galego cos seus compañeiros e compañeiras nun 44%, unha porcentaxe que cae ao 27% nas vilas entre 10.000 e 20.000 habitantes e ao 11% nas vilas de máis de 20.000 habitantes. Nas cidades tan só o 7% do estudantado fala en galego cos seus compañeiros e compañeiras.

O 19% do alumnado galegofalante emprega máis o castelán cos seus compañeiros e compañeiras de clase. Á inversa, só o 1% dos castelanfalantes cambian habitualmente de lingua

Os nenos, nenas, mozos e mozas que habitualmente falan en galego empregan tamén esta lingua de forma habitual cando falan cos seus compañeiros e compañeiras de clase. É así nun 81% dos casos. Porén, hai tamén un 19% de alumnado galegofalante que cambia ao castelán nestes contextos.

En cambio, o alumnado castelanfalante emprega o castelán a maior parte do tempo para falar cos seus compañeiros e compañeiras de clase nun 98,6% dos casos. A porcentaxe dos que mudan ao galego neste ámbito é case insignificante.

Hai un proceso de progresiva desgaleguización que avanza no tempo e que se estende ao longo da vida dunha persoa. As familias transmiten cada vez menos o galego aos nenos e nenas e a medida que estes pasan polos distintos niveis do sistema educativo, o seu uso da lingua vai decrecendo

Os datos feitos públicos polo IGE hai unha semana amosan un proceso de progresiva desgaleguización que avanza no tempo e que se estende ao longo da vida dunha persoa. O punto de partida é cada vez menos o galego. Pais e nais, avós e avoas transmiten cada vez menos o galego aos nenos e nenas que nacen, de xeito que as crianzas que teñen como lingua inicial o galego son hoxe clara minoría.

Cando chega ao ensino infantil, esa minoría aínda se reduce máis, como destacaba a RAG neste informe, e vai minguando a medida que o alumno ou alumna avanza polos distintos niveis do sistema educativo, da Primaria á Secundaria. Neste proceso entran en xogo non só os ámbitos formais (a lingua na que se imparten as clases ou a que emprega o mestre ou mestra), senón tamén os informais: a relación cos seus compañeiros e amizades, os xogos dos recreos e parques, as actividades extraescolares..., como tamén salientaba a Academia.

O galego xa non é unha lingua de berce. Será unha lingua de elección? Nesta entrevista Pilar Ponte salientaba xa hai un tempo que "o paso entre non ser galegofalante e selo é unha cuestión de actitude, non de coñecemento" Pero a mellor actitude non o pode todo cando o contexto é abafador.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.