As mulleres usan e transmiten menos o galego que os homes polos "prexuízos" que identifican o castelán como lingua de maior prestixio

Persoas camiñando pola rúa en Compostela, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Jose Luis Cernadas Iglesias

En 2018 a porcentaxe de persoas monolingües en castelán era dun 26% no caso das mulleres e dun 22,3% no dos homes. Á inversa, a porcentaxe de galegofalantes (sumadas as persoas só empregan o galego e as que o usan de forma maioritaria) é dun 49,7% nas mulleres e dun 54,2% no dos homes

Coñecida é a relevancia da idade ou do hábitat para os usos lingüísticos en Galicia: a mocidade fala menos galego e máis castelán, o mesmo que a poboación das zonas máis poboadas, ao contrario que as persoas de máis idade e os concellos con menos habitantes. Pero que pasa co sexo e o xénero? Ata agora a sociolingüística galega prestoulle pouca atención á pregunta de como inflúe este binomio no uso e na transmisión do galego. Porén, este martes a Real Academia Galega publicou o volume Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión, que asinan a académica María López Sández e os técnicos do Seminario de Sociolingüística da RAG Xaquín Loredo Gutiérrez e Gabino S. Vázquez-Grandío.

O informe, que se pode descargar de balde na web da institución e que contou co apoio da Deputación de Pontevedra, salienta o feito de que -segundo os estudos publicados nas últimas décadas- as mulleres falan menos galego que os homes, unha fenda de xénero que se ben non é "rechamante", si é significativa. Nos últimos datos do IGE, correspondentes ao ano 2018, a porcentaxe de persoas monolingües en castelán era dun 26% no caso das mulleres e dun 22,3% no dos homes. Á inversa, a porcentaxe de galegofalantes (sumadas as persoas só empregan o galego e as que o usan de forma maioritaria) é dun 49,73% nas mulleres e dun 54,19% no dos homes.

No informe analízase unha posible explicación para esta diferenza: os prexuízos que identifican o castelán como unha lingua máis "fina", o que unido ao "construto social que hai sobre a feminidade" provocaría unha menor transmisión lingüística interxeracional do galego no caso das mulleres

No informe analízase unha posible explicación para esta diferenza: os prexuízos que identifican o castelán como unha lingua máis "fina", o que unido ao "construto social que hai sobre a feminidade" provocaría unha menor transmisión lingüística interxeracional do galego no caso das mulleres. Os datos amosan que os avós falan máis galego que as avoas cos seus netos e netas e empregan menos a lingua propia coas cativas que cos cativos.

"Os colectivos subalternos tenden a procurar un reforzo simbólico a través da asimilación ao ámbito favorecido noutro campo da xerarquización social, de xeito que as mulleres amosan unha preferencia polas variantes lingüísticas máis prestixiosas", destaca o informe nas súas conclusións, que lembran que "a asociación da competencia e uso do castelán coa educación e o progreso social, tiveron un gran peso na construción dos preconceptos arraigados contra o noso idioma e que están moi relacionados cos procesos diglósicos"

"Ás veces un sector subalterno busca un reforzo a través de elementos que están prestixiados a outro nivel. Isto podería incidir na maior presión que reciben as mulleres cara ao uso do castelán, que se constata, por exemplo, no contexto laboral”, explica López Sández

María López Sández subliña que “non podemos esquecer que tanto o galego, na súa condición de lingua minorizada, coma a muller fronte ao home son realidades subalternas. E esta confluencia de subalternidades é relevante: ás veces un sector subalterno busca un reforzo a través de elementos que están prestixiados a outro nivel. Isto podería incidir na maior presión que reciben as mulleres cara ao uso do castelán, que se constata, por exemplo, no contexto laboral, segundo se ratifica en diversos estudos”.

A principal conclusión deste traballo, destácase no mesmo, é "a necesidade de deseñarmos estudos empíricos que corrixan a desatención que tradicionalmente a sociolingüística galega tivo cara ás cuestións de xénero".

A fenda detectada nos datos do IGE do ano 2018 vén manténdose estable nas últimas dúas décadas

A fenda detectada nos datos do IGE do ano 2018 vén manténdose estable nas últimas dúas décadas. Xa en 2008 había algo máis de tres puntos de diferenza entre as mulleres monolingües en castelán (21,68%) e os homes (18,29%), marxe que se ampliou en 2013 a case cinco puntos (28,24% fronte a 23,48%) e que nos últimos datos se reduciu un chisco.

A difenrenza na porcentaxe de homes galegofalantes en 2008 (58,63%) fronte ao de mulleres (54,33%), en cambio, tamén se mantén inalterada unha década despois: 54,19% fronte a 49,73%.

Avós e avoas empregaban máis o galego cos netos que coas netas e o mesmo sucedeu no caso dos pais e nais, que en maior medida empregaron o castelán coas fillas que cos fillos. Estes hábitos lingüísticos mantivéronse e os pais usan o galego cos fillos e fillas máis que as nais

O estudo afonda especialmente, nas diferenzas que se producen na chamada transmisión interxeneracional da lingua, é dicir, a lingua que unha persoa emprega cos seus fillos e fillas e netos e netas, ou que recibiu dos seus pais, nais, avós e avoas. Os datos dispoñibles amosan que as mulleres galegas aprenderon a falar máis en castelán que os homes (38,1% elas, fronte a 32,2% eles).

A explicación pode estar noutros indicadores, que amosan que os avós e avoas empregaban máis o galego cos netos que coas netas. E o mesmo sucedeu no caso dos pais e nais, que en maior medida empregaron o castelán coas fillas que cos fillos. Estes hábitos lingüísticos mantivéronse nas persoas que no último estudo do IGE tiñan entre 25 e 54 anos, que usan máis o galego cos fillos e fillas no caso dos pais e menos no caso das nais.

As diferenzas entre homes e mulleres nos distintos usos lingüísticos son máis reducidas no ámbito familiar e aumentan nos ámbitos máis "públicos", cun menor uso do galego nas mulleres, especialmente no traballo

O informe da RAG destaca, finalmente, que o lugar en que se vive determina tamén estes comportamentos, pois "nas pequenas localidades non se marcan as diferenzas na transmisión segundo o xénero de xeito evidente, mentres que nas localidades urbanas e mesmo periurbanas e vilegas a transmisión do galego aos homes é significativamente maior ca no caso das mulleres", ampliándose polo tanto as fendas de xénero nas zonas urbanas e sendo menos importantes nas rurais.

O traballo analiza, ademais, as diferenzas entre homes e mulleres nos distintos usos lingüísticos, destacando que no ámbito máis familiar é onde menos disimilitudes se producen entre os dous sexos, mentres que nos ámbitos máis "públicos" aparecen as maiores fendas, cun menor uso do galego nas mulleres, especialmente no traballo, tanto con compañeiros e compañeiras, con superiores coma con clientes e clientas.

No rural "non se marcan as diferenzas na transmisión segundo o xénero de xeito evidente", mentres que nas localidades urbanas, periurbanas e vilegas "a transmisión do galego aos homes é significativamente maior ca no caso das mulleres", destácase

O equipo responsable do estudo tamén salienta que a devandita subalternidade social das mulleres, que pode estar detrás das diferenzas na frecuencia de uso da lingua tamén pode ser en ocasións “un factor de sensibilización lingüística”. Así, sinalan, "de igual maneira que o feito de ser muller pode contribuír a unha maior consciencia feminista, e esta á súa vez favorecer a loita contra a dobre discriminación que sofren as mulleres racializadas, en ocasións desde o activismo feminista tamén se amosa unha maior sensibilidade cara á defensa do galego". 

"A lingua e o xénero interseccionan nas prácticas sociais e, mesmamente por iso, cómpre procurarmos o espazo iluminador no que conflúen a teoría de xénero e a sociolingüística. Ambas as disciplinas afondan na desigualdade social e denuncian a distribución xerárquica do poder", sinálase nas conclusións.

O Seminario de Sociolingüística destaca o potencial que presenta a procura dunha “alianza entre a loita feminista pola igualdade de xénero e a normalizadora da preservación do idioma galego”

O Seminario de Sociolingüística destaca nesta liña o potencial que presenta a procura dunha “alianza entre a loita feminista pola igualdade de xénero e a normalizadora da preservación do idioma galego”. “Ambas as causas amosan evidentes e suxestivos paralelismos", din e os datos analizados neste estudo indican "que a erradicación da discriminación de xénero sería, de feito, beneficiosa para combatermos a diglosia e que os dous procesos, o da conquista da igualdade entre mulleres e homes e o da preservación da lingua propia, poden actuar en sinerxía ao se atoparen interdeterminados e relacionados de múltiples xeitos”.

Cuberta do informe sobre lingua e xénero © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.