O Censo sitúa por vez primeira o castelán como a lingua usada con máis frecuencia en Galicia

CC-BY-SA Xunta

O Instituto Nacional de Estatística (INE) segue a publicar os datos do Censo 2021, un amplo estudo que se actualiza cada dez anos e que inclúe informacións moi diversas sobre a situación social da poboación, a súa mobilidade, vivenda e uso do tempo. Neste senso, o Censo 2021 do INE incorpora un módulo dedicado ao "coñecemento e uso de linguas", que no caso de Galicia achega datos sobre o uso do galego, unha información que complementa as cifras que cada cinco anos ofrece o IGE, que publicou a súa última entrega no ano 2019.

Os datos do INE debuxan, ao igual que facía o estudo do IGE, unha Galicia bilingüe, na que unha ampla maioría da poboación é quen de entender, falar, ler e escribir en galego. En canto aos usos, galego e castelán empréganse case en igualdade, pero cunha certa vantaxe en favor do castelán, especialmente entre amizades e no ámbito laboral

Os datos do INE debuxan, ao igual que facía o estudo do IGE, unha Galicia bilingüe, na que unha ampla maioría da poboación é quen de entender, falar, ler e escribir en galego (aínda que con algunhas preocupantes excepcións entre os e as menores de 20 anos). Ademais, o Censo preguntou sobre a lingua usada con máis frecuencia á hora de comunicarse no ámbito familiar, coas amizades e no traballo. Aí atopamos que galego e castelán empréganse case en igualdade, pero cunha certa vantaxe en favor do castelán, especialmente entre amizades e no ámbito laboral.

Os datos non poden ser comparados cos que hai tres anos facía públicos o IGE, ao empregar distintas metodoloxías. Con todo, as cifras presentadas este martes polo INE son notablemente máis negativas que as da Enquisa Estrutural de Fogares sobre o coñecemento e uso do galego, que sinalaba que máis do 52% da poboación usa o galego sempre ou máis có castelán. Nos estudos dados a coñecer polo IGE o galego -aínda que en regresión e por escasa marxe- sempre aparecía como a primeira lingua de Galicia, mentres que o Censo do INE sitúa o castelán nesta posición.

Un 7,6% dos e das menores de 20 anos afirman non poder falar "nada" de galego e outro 21,7% di que o fala "con dificultade". O mesmo sucede coa escrita, cun 15,4% de mozos e mozas que non son capaz de escribir en galego e outro 17,4% que o fai "con dificultade"

En canto ao coñecemento do galego, as cifras son case unánimes: o 93% da poboación entende "ben" o galego e só un 1,5% di non entendelo "nada". De igual xeito, o 83% fálao "ben" e o 84% leo "ben", con apenas un 5% de persoas que afirman non poder falalo ou lelo. En canto á escrita, as porcentaxes descenden un chisco, pero mesmo así un 73% dos galegos e galegas afirman escribir "ben" en lingua galega e outro 17,5% pode facelo, aínda que "con dificultade".

Porén, se debullamos estes datos polo miudo, analizándoos por grupos de idade, vemos que un 7,6% dos e das menores de 20 anos afirman non poder falar "nada" de galego e outro 21,7% di que o fala "con dificultade"; en total, suman case un 30% de mozos e mozas con serias dificultades para empregar a lingua galega. O mesmo sucede coa escrita, cun 15,4% de mozos e mozas que non son capaz de escribir en galego e outro 17,4% que o fai "con dificultade"; en total, un 33%. Así mesmo, un 39% das persoas maiores de 60 anos afirman ter tamén dificultades para escribir en galego, pero por razóns distintas ás que presenta a mocidade.

En canto aos usos, o castelán é a lingua maioritaria en Galicia tanto no ámbito familiar, coma no laboral ou á hora de falar con amigos e amigas

En canto aos usos, o castelán é a lingua maioritaria en Galicia tanto no ámbito familiar, coma no laboral ou á hora de falar con amigos e amigas. A diferenza co galego non é grande, pero resulta significativa. Mesmo no ámbito familiar, un 43,4% di falar "sempre" en castelán, fronte a un 34,8% que o fai en galego. Se ademais sumamos as persoas que empregan cada lingua "frecuentemente", a diferenza segue a ser de máis de sete puntos: 64%-57%

No ámbito das amizades a fenda entre castelán e galego é aínda maior: un 65% usa o castelán "sempre" ou "frecuentemente" e un 54% faino en galego. 

No ámbito das amizades a fenda entre castelán e galego é maior: un 65% usa o castelán "sempre" ou "frecuentemente" e un 54% faino en galego

No ámbito laboral, os datos son semellantes: 63% de uso habitual do castelán e 52% de uso permanente ou frecuente do galego.

Ademais, en todos os ámbito son máis as persoas que afirman non empregar "nunca" o galego nas súas conversas.

Apenas o 35% dos mozos e mozas empregan o galego "sempre" ou "frecuentemente" coa súa familia e a porcentaxe cae ao 31% coas súas amizades

Por idade, a situación do galego é moito máis negativa entre os e as menores de 20 anos. Apenas o 35% dos mozos e mozas empregan o galego "sempre" ou "frecuentemente" coa súa familia e a porcentaxe cae ao 31% coas súas amizades.

O galego é claramente maioritario entre as persoas maiores de 60 anos, pero chama a atención que mesmo na xeración entre 40 e 59 anos o castelán comeza a aparecer tamén como a lingua máis empregada, especialmente no ambito laboral e coas amizades.

Este grupo de idade presenta un perfil de usos lingüísticos moi semellante ao da xeración anterior (20-39 anos) e con datos moi próximos á media xeral da poboación.

Entre os menores de 20 anos, as persoas que tiveron o castelán como lingua inicial son ampla maioría: 59% fronte ao 16% do galego. Con todo, tamén entre os grupos de idade de 20 a 39 anos e de 40 a 59 anos o castelán é maioritario

O Censo do INE preguntou tamén pola "lingua inicial" da poboación, referida ao idioma no que cada persoa comezou a falar. Neste caso, tamén o castelán aparece por diante, pero por unha marxe moi escasa: 39% fronte ao 38%, cun 19% de poboación que aprendeu a falar ao tempo nas dúas linguas. 

Por suposto, hai grandes diferenzas por idade: entre os menores de 20 anos, as persoas que tiveron o castelán como lingua inicial son ampla maioría: 59% fronte ao 16% do galego. Con todo, tamén entre os grupos de idade de 20 a 39 anos e de 40 a 59 anos o castelán é maioritario, aínda que por pouco. En cambio, os datos mudan por completo no caso das persoas maiores de 60 anos.

Gustouche esta información?

Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.