A nova investigación da RAG busca estudar o proceso de castelanización que se produce nos espazos menos formais e centra a análise nos nenos e nenas entre os 3 e os 12 anos
Nos últimos anos a Real Academia Galega está a analizar en profundidade o papel da escola no afastamento do alumnado da lingua galega a través de investigacións sucesivas que tomaron os centros de ensino do Concello de Ames como ámbito de estudo. Así, en 2018 concluíu que a educación formal nos colexios de Primaria actuaba como "axente desgaleguizador" e o pasado ano ampliou o foco, alertando de que este efecto de perda da lingua materna comezaba xa no ensino infantil e consolidábase na Secundaria.
Ese último estudo sinalaba xa que "o proceso de adaptación á lingua dominante", é dicir, o castelán, "refórzase especialmente naqueles contextos menos formais" e concluía que arredor do 25% do alumnado de primaria de Ames "nunca tivo presente a lingua galega en dous dos seus principais contextos de socialización: a relación entre iguais e as actividades extraescolares".
Foron entrevistadas, de forma individual e en grupos de discusión, familias, docentes persoas responsables de asociacións deportivas e empresas de ocio e mais axentes da administración local
Agora a RAG buscou afondar nesta análise, investigando como se produce este proceso de castelanización no espazo das actividades extraescolares, de conciliación e deportivas a través do libro Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización, xa dispoñible para a súa descarga na web da Academia. O traballo, responsabilidade do coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, e de Xaquín Loredo, Gabino S. Vázquez Grandío e Anik Nandi, centrouse nos concellos de Ames, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra.
Ata agora, a maior parte destas investigacións centráranse no uso curricular do galego nos centros de ensino e tamén nos usos lingüísticos que se dan no interior das propias familias. Porén, esta nova achega aposta por ver o que sucede nestes outros espazos menos formais, centrando a análise nos nenos e nenas entre os 3 e os 12 anos. Para a súa realización foron entrevistadas, de forma individual e en grupos de discusión, pais, nais e persoal directivo de centros de ensino, persoas responsables de asociacións e clubs deportivos, profesionais e persoas adultas usuarias de empresas que ofertan actividades de ocio e tempo libre para a rapazada e mais responsables da administración local, dende a que se adoita contratar este tipo de servizos.
O estudo subliña que “as condicións ambientais implican unha presión sobre os e as galegofalantes que fai que adoptar o castelán sexa a opción que lles resulta máis cómoda e natural”
O estudo confirma que se está a producir, xa dende os primeiros anos da infancia, un proceso "de substitución do galego polo castelán" na infancia nos contextos familiares e extrafamiliares dos ámbitos urbano e periurbano. E subliña que “as condicións ambientais implican unha presión sobre os e as galegofalantes que fai que adoptar o castelán sexa a opción que lles resulta máis cómoda e natural”
Ademais, incide en que ademais da importancia que pode ter a maior presenza do galego nos contextos do ensino formal (o reparto lingüístico das distintas materias), "as actividades de menor formalidade que ocorren dentro e fóra dos centros educativos resultan ser esenciais para que a rapazada incorpore en maior medida as ideas e as pautas sociais de comportamento lingüístico". O estudo conclúe que "a realidade demostra que nelas os nenos e nenas experimentan as presións que limitan o uso do galego e mesmo empurran ao seu abandono".
"O modelo lingüístico das actividades complementarias e extraescolares está pouco definido e tende a xerar dinámicas que reproducen as pautas sociais de comportamento"
Estas actividades extraescolares –sexan deportivas, culturais, de lecer ou de conciliación da vida familiar e laboral– teñen unha gran transcendencia para o modelamento dos seus comportamentos lingüísticos. Por este motivo, a Real Academia destaca que nestes ámbitos "unhas liñas de dinamización sociolingüística ben programadas e coherentemente son máis necesarias e se poden revelar máis eficaces”. Porén, engaden, moitas veces "o modelo lingüístico das actividades complementarias e extraescolares está moi pouco definido e tende case sempre a xerar dinámicas que reproducen ou reforzan as pautas sociais de comportamento".
As políticas municipais "son tamén fundamentais á hora de definir a experiencia lingüística dos cativos e cativas na súa socialización”, destaca a RAG
Neste senso, destaca a importancia da xestión municipal e das propias empresas e asociacións que traballan coa mocidade. “Cando falamos de política lingüística, adoitamos pensar na educación formal e nas políticas autonómicas. Non obstante, queda patente que as políticas municipais e, en menor medida, as propias políticas de empresas e asociacións son tamén fundamentais á hora de definir a experiencia lingüística dos cativos e cativas na súa socialización”, conclúen os responsables do estudo. Fan polo tanto, un chamamento aos concellos para que apliquen políticas de promoción da lingua galega nestas actividade que en moitos casos dependen da súa xestión directa ou de empresas e persoas contratadas por eles.
A porcentaxe de nenos e nenas que chegan ao primeiro ciclo de Infantil co galego como lingua habitual ou maioritaria (un 32%), descende en Primaria á metade (16%) e en Secundaria ata o 11%
Ao igual que fixo nos estudos anteriores, que tomaban como universo o Concello de Ames, a RAG destaca que as conclusións deste -que abrangue tamén outros concellos do ámbito periurbano de Santiago de Compostela e a súa contorna- poden ser estendidos a outras zonas de Galicia.
O datos da RAG, a partir das estatísticas do IGE e outras fontes, amosan que neste ámbito a porcentaxe de nenos e nenas que chegan ao primeiro ciclo de Infantil co galego como lingua habitual ou maioritaria (un 32%), descende en Primaria á metade (16%) e en Secundaria ata o 11%. En cambio, a proporción de alumnado monolingüe en castelán pasa de ser o 15% en Infantil a superar o 23% en Primaria e dispárase en Secundaria (43%).
Os estudos publicados pola RAG nestes últimos anos viñan xa incidindo na importancia dos espazo fóra do ensino formal, destacando que o castelán é a lingua habitual en Primaria nas actividades extraescolares deportivas (62%), artísticas (54%) ou de conciliación (45%), unhas porcentaxes que mesmo son maiores en Secundaria.