Alumnas de diversas procedencias adquiriron "léxico e nocións básicas de gramática" do galego e tamén se achegaron á toponimia, á música ou á gastronomía galegas
Marbelys, Desireth, Nohely, Carmen, Yanira, Susana, Judith e María Eugenia naceron en Venezuela. Kailza, Celia, Josslyn e Tania chegaron dende Cuba. Jimena veu de Colombia. Pilar, dende Puerto Rico; Raysa, de Santo Domingo e Vanesa, de Elx. Ningunha delas ten o galego como lingua materna, pero todas viven en Galicia. Concretamente, no Concello de Ames, onde veñen de achegarse ao idioma galego e dar os seus primeiros pasos nel.
O obradoiro de acollemento lingüístico En galego, co teu acento, organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística e a Oficina de Atención ao Migrante de Ames , impartido nesta edición por Antía Rei, serviu ás participantes para "adquiriren léxico e nocións básicas de gramática", mais tamén para coñeceren "versos e cancións", toponimia ou gastronomía. Algúns destes coñecementos amosáronos este venres, na clausura do obradoiro.
"Nocións de xeografía" ou "coñecemento polo miúdo do concello no que viven" foron algúns dos contidos dun curso que, explicaron as asistentes, xa lles serve para levar á práctica na vida diaria. "Encántame falar co meu fillo en galego", comentou Josslyn nun acto de clausura na que Nohely, outra das alumnas, interpretou a versión musicada de Lela, de Castelao.
"Non teñades vergoña, falade", animou a edil de Normalización Lingüística na clausura do curso
"Non teñades vergoña, falade", animou no acto a concelleira de Normalización Lingüística do consistorio amiense, Escarlata Pampín, quen agarda que as mulleres asistentes "se sintan un pouco máis galegas" tras este achegamento á lingua propia de Galicia. "Será un pracer escoitar o noso idioma coa música dos vosos", agregou Luísa Feijóo, concelleira de Igualdade, quen sinalou que "falo en galego" no acto "porque sei que agora me entendedes mellor.
A pronuncia de fonemas que non están tan presentes na lingua castelá ou a elección dalgunhas palabras que as alumnas sinalan como "preferidas" tras algo máis dun mes de curso serviu tamén para botar a o peche a unha nova edición desta iniciativa. No Concello de Ames, un dos municipios demograficamente máis dinámicos do país, viven unhas 1.800 persoas de orixe estranxeira.