Os paxariños de Bibopalula volven voar nos teatros polo Nadal

A Banda do Bosque, na primeira temporada de Bibopalula - O espectáculo © Aigi Boga / Ainé

Tras o éxito da súa primeira xira, o espectáculo musical infantil producido por Ainé fai parada no Culturgal e, nas vindeiras semanas, en Vilagarcía, A Coruña e Vigo

Hai agora un ano as nenas e nenos comezaron a coñecer Bibopalula. A primeira serie musical de animación en galego puxo o foco nas fillas e fillos da Xeración Xabarín levou á plataforma dixital de contidos infantís da Galega as aventuras e as cancións da Banda do Bosque, que poucos meses despois deu o salto aos teatros cun ambicioso espectáculo.

Tras o éxito da súa primeira xira, que culminaba o pasado verán cunha parada moi especial no festival Castelo Conta, a produción de Ainé está a piques de lanzar a súa segunda temporada. Os paxariños de Bibopalula van voar cara aos teatros polo Nadal pero antes, xa esta vindeira fin de semana, vanse pousar no Culturgal.

Representación de Bibopalula - O Espectáculo © Aigi Boga / Ainé

Con funcións deseñadas para crianzas de entre 2 e 6 anos, a nova xeira de Bibopalula - O espectáculo comeza en Pontevedra este domingo, día 30, no Pazo da Cultura. Xa ás portas do inverno e do Nadal, o 20 de decembro, a Banda do Bosque porá rumbo ao Auditorio Municipal de Vilagarcía.

Lidia Veiga vólvese meter na pel de Ava, a observadora de paxaros que guía as nenas e nenos polas aventuras da Banda do Bosque ao son de doce cancións orixinais

Tamén chegarán os paxariños ás dúas principais cidades do país. Será o día 28 no Palexco da Coruña e xa en 2026, o 2 de xaneiro, no Teatro Afundación de Vigo. As entradas para todas as funcións xa están á venda a través do web oficial de Bibopalula.

Como no seu comezo, o espectáculo de Bibopalula está dirixido por Marta Lado. Lidia Veiga vólvese meter na pel de Ava, unha observadora de paxaros moi especial que guía as nenas e nenos polos segredos do bosque, a importancia de coidar a natureza, os fenómenos meteorolóxicos ou a vida que medra entre as árbores. Tamén polas aventuras dos paxariños, claro. Robin, Carpin, Pegui e Merli, interpretados por Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez, teñen unha  misión que cumprir seguindo as indicacións do sabio señor Moucho.

Lidia Veiga é Ava, a experta observadora de paxaros que guía as crianzas polas aventuras dos paxariños de Bibopalula © Aigi Boga / Ainé

As nenas e nenos que se acheguen á xira de inverno de Bibopalula atoparán no espectáculo doce cancións orixinais da produción, ben recoñecibles tanto se viron a serie como se escoitaron as súas músicas ou asistiron á primeira temporada da montaxe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.