'Bibopalula': música pop e en galego para "mudar o mundo" da infancia

Presentación de Bibopalula no Culturgal 2024 © Culturgal
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-bibopalula-espectaculo-39fbb20.png

Teatros de cidades e vilas de Galicia prepáranse estes días para acoller durante o mes de xuño o espectáculo musical de gran formato de Bibopalula, as aventuras de Carpin, Merli e Robin, os catro paxariños que forman a Banda do Bosque. Estreada o pasado 29 de novembro na TVG e convertida no contido máis visto na plataforma xabarin.gal, a serie de animación virou nun fenómeno único. Pola novidade, polo que supón para o idioma e por un formato multiplataforma que agora dá o paso aos escenarios, que aspira a ser tamén longametraxe e que prevé máis sorpresas futuras. 

A produtora Ainé é quen leva aos teatros a adaptación de Bibopalula, producida por Undodez e a Televisión de Galicia. A serie de animación da que é guionista e produtor executivo Andrés Mahía e a súa filla, Laura Mahía, directora, ilustradora, parte do equipo de animación e unha das voces dos paxariños. 

Andrés, pasados xa algúns meses desde a estrea e confirmado o éxito, di ter "a sensación do traballo feito, de termos chegado a bo porto nunha travesía difícil e incerta". "Non sabiamos moito sobre o proceso de animación, pero fomos aprendendo e poñendo moitas cousas da nosa parte", explica Mahía, que lembra o ambicioso proxecto que supuña "facer unha serie así, con 55 capítulos e as súas 55 cancións orixinais correspondentes e cun orzamentos limitado". 

"O audiovisual galego é moi rico, pero faltaban producións ambiciosas para os máis pequenos; son fundamentais, máis cando hai un compromiso coa lingua", di Andrés Mahía

O guionista e produtor, en conversa con Praza.gal, amosa a súa satisfacción polo bo resultado dunha "aventura" que tiña tamén un propósito claro desde o inicio. "Había un déficit de producións deste tipo; o audiovisual galego é moi rico, moito máis que o doutros territorios, pero faltaban producións ambiciosas para o primeiro público, para os máis pequenos; son importantes sempre, pero máis cando hai un compromiso cultural coa lingua", explica Mahía, que cre "fundamental" a atención ás crianzas e á posibilidade de que gocen de contidos de calidade, en galego e para a súa franxa de idade. 

Así, explica que "máis aló dos datos de audiencia" —difíciles de conseguir no que teñen que ver coas visualizacións, aclara—, a satisfacción chega cando comproban "que as cancións de Bibopalula existen, que o público máis pequeno as recoñece e as canta". "Foi aí cando tivemos esa sensación, difícil de describir, de que todo saíra ben", engade. Foi o primeiro paso, di. 

"A partir de aí, chega o éxito comercial, a verdadeira penetración dun produto que vai máis aló dunha serie de televisión porque tamén virou en lista de cancións, en obra de teatro, na posibilidade dunha longametraxe, en unidade didáctica para os colexios... Son etapas novas dun soño, pero a primeira, a máis difícil, xa está conseguida", resume Andrés Mahía. 

Presentación do espectáculo teatral de 'Bibopalula' na Coruña CC-BY-SA Xunta

Precisamente, insiste, que mestres e mestras contactasen cos impulsores de Bibopalula para advertirlles do uso que dalgúns capítulos facían para aprenderlles sobre a natureza, as estacións ou os animais fixo que o equipo incrementase a súa "satisfacción e esperanza". "Non sabemos onde vai acabar isto e hai que ir paso a paso, pero se polo momento xa serve para abrir unha porta máis grande ao teatro infantil en Galicia, benvido sexa", engade. 

"Porque Bibopalula é un musical con ánimo de ser musical e para nenos e nenas, algo que non se fixo nunca", di Mahía, que lembra o ambicioso que supón apostar por teatros grandes, en cidades e grandes vilas. "Hai que vender entradas, aquí non se regala nada", di entre risas. 

Sobre o éxito entre a cativada das aventuras dos catro paxariños e o pulo que supón para a lingua, Mahía cre que a clave é ter "unha ferramenta que, se non é a mellor, é das mellores posibles: a música pop". "Pode mudar o mundo: se hai unha canción pop en galego que chega a unha xeración que a comparte e que a escoita, ese tema quedará para sempre", di. "Do mesmo xeito que a miña filla, con case 30 anos, segue cantando a sintonía de Doraemon", recalca. 

"Se hai unha canción pop en galego que chega a unha xeración, ese tema quedará para sempre"

Porque, para Mahía, "a proximidade que proporciona o pop é inigualable", un estilo que chega e que foi o elixido "para falar de natureza, de paxaros e de bosque". "Máis próximos aos Beatles que a reggaeton", aclara quen ten o soño de que algunha das pezas de Bibopalula acabe "converténdose en clásico". Como a sintonía de Doraemon ou algunha das cancións que popularizou o Xabarín. 

O futuro

Pero a aventura de Bibopalula tan só acaba de comezar. En próximas datas hase lanzar unha aplicación para dispositivos móbiles que permitirá ás crianzas escoitar como canta un paporroibo, unha pega e outros paxaros e tamén para que escoiten alí as cancións da serie. Nas últimas semanas, o proxecto presentou tamén a súa primeira colección de roupa, que ampliará coa chegada do espectáculo, e un conto infantil que vai camiño de esgotar a súa primeira edición.

Tamén se prevé a expansión de Bibopalula a novos mercados e a novos formatos. Undodez traballa da man de distribuidoras internacionais para que a serie chegue a novos territorios en distintos idiomas, logo de ser un dos contidos mellor valorados na Kidscreen Summit, un dos mercados de animación infantil máis relevantes do mundo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.