'Bibopalula': a aposta galega por un espectáculo infantil sen nada que envexar ás grandes producións de fóra

Presentación dos espectáculos ao vivo de 'Bibopalula' © Ainé
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-bibopalula-espectaculo-39fbb20.png

"A Galicia chegan habitualmente moitas producións de fóra, algunhas con calidade e outras sen ela. Pero ata agora non se fixera no país un espectáculo de gran formato coma este que, ademais, une a parte teatral coa musical, que en Bibopalula é fundamental"

Durante o mes de xuño teatros de cidades e vilas de toda Galicia converteranse nunha fraga, a fraga de Pegui, Carpin, Merli e Robin, os catro paxariños que forman a Banda do Bosque. Bibopalula, a serie de animación que a TVG estreou o pasado 29 de novembro é dende entón o contido máis visto na plataforma xabarin.gal e agora dá o salto para transformarse nun espectáculo musical de gran formato que nada ten que envexar ás grandes producións infantís que periodicamente chegan a Galicia dende fóra. Todo o contrario.

A produtora Ainé leva aos teatros a adaptación da serie producida por Undodez e a Televisión de Galicia. Marta Lado dirixe e é a autora da dramaturxia da obra, que conta co patrocinio de Deleite e está protagonizada por Lidia Veiga, que vén de facerse co Premio María Casares á mellor actriz protagonista por Iribarne. Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez completan o elenco, encargadas de dar vida aos paxariños.

Ava (Lidia Veiga), unha experta observadora de paxaros, exercerá de guía nesta aventura, condidando a nenos e nenas a adentrarse no bosque. Alí veremos o Señor Moucho, que coa súa habitual sabedoría encargará aos catro protagonistas a misión de atopar un misterioso tesouro. Pegui, Carpin, Merli e Robin deberán seguir pistas e superar atrancos diversos e polo camiño vivirán distintas aventuras e irán aprendendo cousas sobre o día a día da vida no bosque.

Presentación do espectáculo teatral 'Bibopalula' na Coruña © Ainé

Bibopalula visitará A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vilalba, Vigo, Cee, Ourense e Verín durante o mes de xuño

Bibopalula visitará A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vilalba, Vigo, Cee, Ourense e Verín, con funcións todas as fines de semana do mes de xuño. As entradas poden mercarse en www.bibopalula.gal e nas canles habituais de cada recinto.

Álvaro Pérez Becerra (Ainé) destaca o carácter pioneiro desta produción. "A Galicia chegan habitualmente moitas producións de fóra, algunhas con calidade e outras sen ela. E no país temos moita experiencia na produción de espectáculos musicais ou teatrais para a rapazada, pero ata agora non se fixera un espectáculo de gran formato coma este, que ademais une a parte teatral coa musical, que en Bibopalula é fundamental", explica.

"A xente só está afeita a pagar ben por un espectáculo infantil se vén de fóra. E a culpa pode ser tamén nosa, polo tempo que levamos aquí facendo teatro infantil cobrando moi pouco"

Pérez Becerra destaca neste senso que ás veces parece que "estamos máis dispostos a pagar 15 ou 20 euros por un espectáculo que vén de fóra e non por un feito aquí, cando a calidade ou o formato son os mesmas". "A xente só está afeita a pagar ben por un espectáculo infantil se vén de fóra. E a culpa pode ser tamén nosa, polo tempo que levamos aquí facendo teatro infantil cobrando moi pouco", di. 

Tamén salienta a dificultade engadida que atopa unha proposta infantil: "non entendemos como a xente non ten problema en pagar ese prezo por un espectáculo de Carlos Blanco ou Touriñán, cos que enchemos o teatro cinco días seguidos e en cambio parece que custa máis pagar por un espectáculo infantil, cando o traballo que hai detrás é o mesmo".

"Está pensado para que os nenos e nenas alucinen, porque é un tipo de espectáculo que en Galicia non se adoita ver"

As cancións que pechan cada un dos 55 capítulos da primeira tempada da serie, creadas por Santi Jul e Iván Laxe, estarán moi presentes nunha obra que, en esencia, é teatro musical. No espectáculo soarán doce cancións orixinais xa coñecidas polo público de Bibopalula, como 'O Terremoto', 'A Carriola' ou 'A Poza', que multiplicarán o seu atractivo con coreografías, efectos especiais e un espectacular deseño de iluminación.

"A diferenza entre Bibopalula e o teatro infantil que se pode estar facendo neste momento en Galicia é a música. Tamén o seu gran formato e espectacularidade", sinala neste senso Pérez Becerra, que conclúe: "está pensado para que os nenos e nenas alucinen, porque é un tipo de espectáculo que en Galicia non se adoita ver".

Así, aproveitando a propia experiencia de Ainé na produción de espectáculos dirixidos ao gran público -como Somos criminais ou Corentena- e a calidade contrastada do teatro e a música feita en Galicia para a cativada, Bibopalula lánzase a facer algo novo: encher teatros cun espectáculo infantil feito en galego e, ademais, con referentes galegos.

"O noso interese sempre é darlle o carácter galego, comunicando con proximidade, falándolles ás nenas e nenos das cousas de aquí, dos paxaros e árbores que poden ver no monte ou nos parques", explica a directora Marta Lado

"O noso interese sempre é darlle o carácter galego, comunicando con proximidade, falándolles ás nenas e nenos das cousas de aquí, dos paxaros e árbores que poden ver no monte ou nos parques", explica a directora Marta Lado, que destaca que unha das claves da produción "é a coordinación". Cómpre ter en conta que as voces que escoitaremos no teatro son as das dobradoras e dobradores da propia serie -que nenos e nenas xa coñecen- e non as das actrices que dan vida aos paxariños enriba do escenario. "As actrices están traballando moito coa xestualidade, dentro do que permiten os traxes, para acompañar expresivamente as voces", destaca a directora.

Marta Lado explica que o espectáculo está pensado para un abano de idades moi amplo, dende os 3 aos 8 anos, aínda que cada neno ou nena, dependendo de se é máis ou menos maior, atopará distintas lecturas na obra. 

Presentación do espectáculo teatral 'Bibopalula' na Coruña CC-BY-SA Ainé

As datas

  • Sábado 7. A Coruña. Teatro Colón, 17:30
  • Domingo 8. Santiago. Auditorio ABANCA, 17:00
  • Sábado 14. Pontevedra. Auditorio Sede Afundación, 17:30
  • Domingo 15. Vilalba. Auditorio Municipal Carmen Estévez, 17:00
  • Sábado 21. Verín. Auditorio, 17:30
  • Domingo 22. Vigo. Teatro Afundación, 17:00
  • Sábado 28. Cee. Casa da Cultura, 17:30
  • Domingo 29. Ourense. Auditorio Municipal, 17:00

O futuro de Bibopalula

"Chéganos feedback de que a serie gusta aos pequenos, de que gusta a pais e nais e de que gusta ao profesorado", comenta Pérez Becerra, que engade que "nos chegan avisos de que nalgúns coles se está traballando coa serie, mesmo sen ter aínda os materiais"

Os responsables do proxecto de Bibopalula valoran "moi positivamente" os primeiros meses de andaina da serie musical, convertida agora nun espectáculo teatral. Dende a súa estrea en novembro, converteuse no contido máis visto na plataforma do Xabarín e a recepción do seu público obxectivo -a rapazada-, das súas familias e mesmo de mestres e mestras foi moi boa. A popularidade dos paxariños de Bibopalula puido comprobarse, ademais, na cabalgata de Reis da Coruña, onde tiveron o seu espazo nunha das últimas carrozas.

"Chéganos feedback de que a serie gusta aos pequenos, de que gusta a pais e nais e de que gusta ao profesorado", comenta Álvaro Pérez Becerra, que engade que "nos van chegando avisos de que nalgúns coles se está traballando coa serie, mesmo sen ter máis materiais que o que está publicado na web: os vídeos e as cancións".

O equipo que está detrás de Bibopalula está a traballar dende hai meses nunha unidade didáctica específica con contidos para ser traballados nas aulas sobre os ciclos da natureza, os paxaros e árbores de Galicia, para que estea lista para o vindeiro curso, con materiais gráficos, textuais e de audio.

En paralelo coa estrea do espectáculo, lanzarase unha aplicación para dispositivos móbiles. E nestes momentos trabállase para que a serie chegue a novos territorios en distintos idiomas. Ademais, no horizonte está a realización dunha longametraxe

Ademais, en paralelo coa estrea do espectáculo, lanzarase unha aplicación para dispositivos móbiles que permitirá aos nenos escoitar como canta un paporroibo, unha pega e outros paxaros e tamén para que escoiten alí as cancións da serie. Nas últimas semanas Bibopalula presentou tamén a súa primeira colección de ropa, que ampliará coa chegada do espectáculo, e un conto infantil que vai camiño de esgotar a súa primeira edición.

O futuro de Bibopalula pasa pola expansión a novos mercados e a novos formatos. Undodez traballa nestas semanas da man de distribuidoras internacionais para que a serie chegue a novos territorios en distintos idiomas, logo de ser un dos contidos mellor valorados na Kidscreen Summit, un dos mercados de animación infantil máis relevantes do mundo. Ademais, adianta, Pérez Becerra, estase a traballar igualmente na realización "do guión dunha longametraxe". Pero iso xa sería para comezar dentro dun ano. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.