A serie musical 'Bibopalula' estrea o seu espectáculo teatral cunha xira por Galicia no mes de xuño

Presentación do espectáculo teatral 'Bibopalula' na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

O espectáculo teatral, dirixido por Marta Lado e protagonizado por Lidia Veiga, estréase na Coruña o 7 de xuño

Bibopalula chega ao teatro. A primeira serie musical de animación en galego, creada por Laura Mahía e Andrés Mahía e producida por Undodez e a TVG, iniciou as súas emisións o pasado 29 de novembro en xabarin.gal e na app para dispositivos móbiles do Xabarín. Axiña se converteu  na produción máis vista na plataforma de contidos dixitais e confirmou o seu éxito no Culturgal. Agora, a produtora Ainé presenta o espectáculo infantil dos catro paxariños (Robin, Merli, Pegui e Carpin), que estreará no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 7 de xuño, mes no que xirará por varias vilas e cidades de Galicia. 

A peza está dirixida por Marta Lado e protagonizada pola actriz Lidia Veiga e forma parte dunha "proposta inédita", como lembra Ainé. Pensada para cativas e cativos de entre 4 e 8 anos, conta cunha produción "de gran formato, musical" e con "moitas sorpresas para as pequenas e pequenos espectadores desde o momento no que ocupen a súa butaca".

Presentación do espectáculo teatral 'Bibopalula' na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Así o explicou tamén Xosé A. Touriñán, produtor do proxecto, no acto de presentación que tivo lugar este sábado na Coruña e que contou coa presenza de Pedro González, responsable de Deleite, patrocinador de Bibopalula; Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, que apoia a produción coa estrea no Teatro Colón; e Jacobo Sutil, director da Agadic, que colabora no proxecto desde os seus inicios. 

Tamén estiveron presentes as actrices do espectáculo —Graciela Carlos, Sara Ferro, Nerea Fernández e Cristina Andrade—, así como os creadores de Bibopalula, Laura Mahía e Andrés Mahía.

Será unha obra "de gran formato, musical" e con "moitas sorpresas para as pequenas e pequenos espectadores"

"É unha honra que a primeira función deste novo e ambicioso espectáculo teña lugar na nosa cidade, o que reforza o noso estatus como gran referente cultural de Galicia", indicou o concelleiro Gonzalo Castro durante a súa intervención nun acto celebrado nos Xardíns de Méndez Núñez, moi preto do Teatro Colón onde botará a andar o espectáculo o vindeiro sábado 7 de xuño. 

Bibopalula chegará logo a Santiago de Compostela (Auditorio Abanca, 8 de xuño), Pontevedra (Auditorio Sede Afundación, 14 de xuño), Vilalba (Auditorio Carmen Estévez Eguiagaray, 15 de xuño), Verín (Auditorio Municipal, 21 de xuño), Vigo (Teatro Afundación, 22 de xuño), Cee (Auditorio Baldomero Cores, 28 de xuño) e Ourense (Auditorio Municipal, 29 de xuño).

Presentación do espectáculo teatral 'Bibopalula' na Coruña CC-BY-SA Ainé

A Xunta, que xa apoiara a produción audiovisual orixinal, achega preto de 42.000 euros, á súa adaptación para as táboas a través da convocatoria anual de subvencións á creación escénica, no marco da que acaba de resolver a concesión de 870.000 euros a 25 novos proxectos galegos de teatro, danza e circo, tal e como destaca a Administración autonómica nun comunicado. 

Jacobo Sutil, director da Agadic, puxo a proposta de Ainé como "exemplo da capacidade da industria cultural galega para xerar sinerxías transmedia que conectan diferentes sectores e redundan moi positivamente na proxección e rendibilidade dos produtos culturais". 

A dramaturxia das aventuras destes catro paxariños supón a primeira incursión no teatro infantil da produtora Ainé. Ademais dos xa citados, o equipo da obra complétase con Martina Cambeiro no deseño de vestiario e o apoio á dirección, Santi Jul e Iván Laxe na musicalización e ambientación sonora, Gonzalo Porteiro no deseño de iluminación, e Laura Mahía e Banale na dirección de arte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.