Ven cantar con 'Bibopalula', os paxariños que montaron unha banda para bailar en galego coa rapazada

Pegui, Robin e Merli, de Bibopalula © Undodez
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-bibopalula-0d7d6b3.jpeg

Este venres o Xabarín estrea 35 capítulos máis de Bibopalula, a serie que nas últimas semanas se converteu na produción máis vista na plataforma de contidos dixitais da CRTVG

"Se ti queres voar/ Se ti queres cantar (...) Escoita e canta comigo, es benvido, oh ooh / Escoita e canta comigo, es benvido, oh ooh". Así se presentou hai unhas semanas 'A Banda do Bosque', a formación musical integrada por catro paxariños -o paporrubio Robin, o merlo Merli, a pega Pegui e o picapau Carpin- que protagoniza Bibopalula, a serie de debuxos para nenos e nenas entre 3 e 6 anos que se pode ver na plataforma dixital do Xabarín.

Dende a estrea o pasado 29 de novembro dos 20 primeiros capítulos, a serie converteuse na produción máis vista na plataforma de contidos dixitais da CRTVG. Un éxito que xa se deixou ver no Culturgal, por onde pasaron os catro paxariños, os autores e autoras da serie e algunhas das súas voces. Este 20 de decembro, ás portas das festas de Nadal o Xabarín estrea outros 35 capítulos de cinco minutos, ata completar os 55 dos que consta de momento a serie.

A música é un dos elementos clave da serie. Os catro paxariños forman unha banda e cada capítulo remata cunha canción orixinal, cantada por eles, e composta por Santi Jul e Iván Laxe

Non será a única novidade, pois este venres tamén chega ás tendas un libro para a rapazada coas aventuras de Robin, Merli, Pegui e Carpin. Ademais, o equipo que produce Bibopalula está a traballar nun espectáculo en vivo cos protagonistas da serie, que dende a primavera percorrerá Galicia para que nenos e nenas poidan achegarse aos paxariños e cantar e bailar as súas cancións.

Porque a música é un dos elementos clave da serie. Os catro paxariños forman unha banda e cada capítulo remata cunha canción orixinal, cantada por eles, e composta por Santi Jul e Iván Laxe -responsables da música dun gran número de series e películas nos últimos anos, dende Cuñados a Era Visto, pasando por Los Argonautas y la moneda de oro-.

Falamos con Santi Jul sobre o reto que supuxo compoñer 55 cancións distintas, cada unha cun estilo, melodía e ritmo propio e con diferentes instrumentacións

55 capítulos son 55 cancións distintas, cada unha cun estilo, melodía e ritmo distinto e con distintas instrumentacións. Un reto maiúsculo que Santi Jul e Iván Laxe enfrontaron cunha vertixe, como conta Santi Jul en conversa con Praza.gal: "o traballo empezou co piloto, que incluía unha canción. Era un traballo bonito e complexo, pero que se solucionou máis ou menos rápido. Pero cando se plantexou o conxunto da serie, con 55 capítulos e cadansúa canción, iso xa foi outra cousa, parecía unha esaxeración". "Igual que no fútbol hai que ir partido a partido, nós fomos canción a canción e aí foi saíndo a cousa", engade.

Presentación de Bibopalula no Culturgal 2024 © Culturgal

O equipo proporcionáballe a letra, axustada ao tema do capítulo, e eles decidían o estilo, sempre tirando para o pop, pero con incursións máis rockeiras ("A poza", "A chegada dos birrios", "Bubi, a bubela rebelde", "O terremoto"), cara ao blues ("Onde está a miña voz?") ou cara á americana ("A néboa")

"A sorte foi que cando nos puxemos a compoñer, as primeiras cancións gustáronnos moito e así seguimos, pouco a pouco completando os temas", di. O equipo proporcionáballe a letra, axustada ao tema do capítulo, e eles decidían o estilo, sempre tirando para o pop, pero con incursións máis rockeiras ("A poza", "A chegada dos birrios", "Bubi, a bubela rebelde", "O terremoto"), cara ao blues ("Onde está a miña voz?") ou cara á americana ("A néboa").

Santi Jul e Iván Laxe teñen moita experiencia creando músicas para moitas series e películas, melodías ou sons que habitualmente se escoitan de fondo ou que serven para crear unha determinada ambientación, pero que normalmente non son protagonistas. "A música incidental que fas en series e películas está pensada para que non se note, é un pouco ingrato pero é así: ten que pasar desapercibida, para contar a historia, igual que a maquillaxe ou a iluminación", di Santi Jul. O traballo que fixeron en Bibopalula foi completamente distinta e permitiulles expremer a súa creatividade como compositores.

Jul explica que, en realidade, "compoñer para público infantil non é o mesmo que facelo para público adulto, pero parécese bastante", pois "a música popular é apta para todo o mundo e un neno pode escoitar unha canción de Nirvana ou de reguetón e bailala

"A idea sempre foi poñernos na posición de compoñer música para nenos, é dicir, directa e con métricas sinxelas, para que sexan accesibles. E ademais adaptaptarnos aos protagonistas, pois cada un toca un instrumento e tentamos axustarnos a iso, aínda que ás veces temos que facer algunha pequena trampa e incluír algúns instrumentos que non aparecen na serie", conta Santi Jul. 

Os músicos recibían a letra e a partir de aí imaxinaban a melodía e o estilo que podía encaixar, incorporando despois as voces dos paxariños, das propias dobradoras da serie -Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas ou Marita Martínez-, engadindo que "queríamos evitar o 'rollo Disney', con voces de nenos e nenas que cantan demasiado ben. Ao final queda un ornamento un pouco artificial. Isto é máis directo, máis natural, máis cercano, calquera pode cantalo sen complicacións".

Santi Jul ©

"Queríamos evitar o 'rollo Disney', con voces que cantan demasiado ben. Ao final queda un ornamento un pouco artificial. Isto é máis directo, máis natural e calquera pode cantalo sen complicacións"

Jul explica que, en realidade, "compoñer para público infantil non é o mesmo que facelo para público adulto, pero parécese bastante", pois "a música popular é apta para todo o mundo e un neno pode escoitar unha canción de Nirvana ou de reguetón e bailala. A música non ten unha idade concreta, aínda que igual hai letras que non son axeitadas. Hai música para bebés, en forma de nanas, pero a partir de aí todo o mundo, dende os dous anos ata os cen, pode gozar dunha canción dos Beatles", di.

"Os nenos son un público que podemos sacar da invasión das radiofórmulas", destaca Santi Jul, que cre que "coa música ao vivo en galego podemos achegarnos moito aos rapaces"

Finalmente, Santi Jul destaca o "importante papel" que a música pode ter no espectáculo en vivo que se está a preparar. "É unha posibilidade moi boa, porque hai moitas cancións e podes escoller as mellores ou as máis axeitadas para contar unha historia sobre o escenario e para que os rapaces as puidesen cantar e bailar", di.

Nos últimos anos está a producirse moita música para a rapazada en Galicia e en galego, con propostas variadas e de calidade, que tocan todos os paus e que, adaptadas aos nenos e nenas, os tratan como persoas con gusto e criterio. "Os nenos son un público que podemos sacar da invasión das radiofórmulas", destaca Santi Jul, que cre que "coa música ao vivo en galego podemos achegarnos moito aos rapaces".

Pegui, Merli e Carpin, de Bibopalula © Undodez

As cancións axudan a "estirar o target de idade" da serie, como pasaba nos inicios do Xabarín club, que "tiña este rollo, que axudaba a que varias xeracións conectasen co programa: as cancións eran boas, tiñan un pouco de gamberrismo e eran nosas"

O músico pensa, ademais, que no caso concreto de Bibopalula, as cancións axudan a "estirar o target de idade" da serie, con historias sinxelas pensadas para nenos e nenas entre 3 e 6 anos, pero con cancións que poden gustar a rapaces e rapazas de maior idade. "As cancións viven por si soas", destaca, lembrando o que pasou hai dúas décadas no inicio do Xabarín Club, no que a música foi unha das claves do seu éxito e da súa capacidade de conectar coa infancia e adolescencia do país: "O Xabarín tiña este rollo, que axudaba a que varias xeracións conectasen co programa. As cancións eran boas, tiñan un pouco de gamberrismo e eran nosas. Foi unha sorte moi grande para a nosa xeración poder vivir ese momento".

Os catro integrantes da 'Banda do Bosque', de Bibopalula © Undodez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.