Pakolas : "O rock, como di o malo de Marvel, é inevitable"

Paco Cerdeira, Pakolas, colabora no álbum ilustrado 'Unha animalada de colexio', escrito por Xabier Domínguez. CC-BY-SA Cedida

Pakolas é o responsable dos arranxos musicais do libro infantil 'Unha animalada de colexio',  escrito por Xabier Domínguez e ilustrado con moito xeito por Dani Padrón

O compositor, guitarrista e produtor Paco Cerdeira, Pakolas colabora cos arranxos musicais do libro infantil musicado Unha animalada de colexio (Edicións Embora), escrito por Xabier Domínguez. Dani Padrón é o responsable das fermosas ilustracións. 

O álbum musicado vén de saír do prelo co obxectivo de achegar a música tradicional galega aos máis cativos da casa, pero co aire rockeiro propio do popular músico. Pakolas defende o rock para todas as idades. “Moita xente di que o rock está desaparecendo ou que morre… O rock, como di o malo de Marvel, é inevitable”, sentencia Paco Cerdeira. Pakolas lembra que os artistas de calquera estilo adoitan recorrer ao rock para acadar “un momento potente”. “É inevitable e eu eu creo que esa potencia é o que o fai atractivo para toda a xente, miúda e non míuda”, argumenta.

A capa do libro 'Unha animalada de colexio'. CC-BY-SA Cedida

O libro musicado é un formato galego que leva funcionando máis de vinte anos con moito éxito. Mesmo Galaxia ten unha colección propia, Sonárbore, cun repertorio inmenso de música infantil galega

Ven Bailar Carmiña, Eu Chorar Chorei, O paraugas do Xosé, O gato, A saia da Carolina, A raíz do Toxo Verde, A Rianxeira e o Pousa, son ben recoñecibles nas adaptacións guitarreiras que contén Unha animalada de colexio. As letras, ademais, teñen mensaxes pensadas para a cativada: o ecoloxismo, a alimentación saudable, a igualdade ou a amizade están moi presentes nas creacións de Xavier Domínguez para este libro ilustrado por Dani Padrón con nenas e nenos disfrazados de animaliños. 

O proxecto contén un código QR para escoitar as cancións, na voz de Pakolas, Domínguez ou dos dous. Pakolas explica que o libro musicado nos seus diferentes formatos ao longo da historia (libro disco, libro cd, agora con QR), é un formato galego que leva funcionando moitos anos –xa se facía cando tocaba con Mamá Cabra hai 20 anos- e que ten a súa orixe nun motivo pouco poético pero moi entendible. “O asunto era que o IVE por un libro era moito menor que por un cd de música. Coa xustificación de que se vendía un libro, o beneficio para o editor era moito maior. Entón, por ese motivo máis mecanicista xurdiu un formato moi bonito e que ademais é ex profeso de aquí, de Galicia”, indica o músico e tamén produtor galego.

O formato é tan exitoso que existe unha colección na editorial Galaxia, Sonárbore, na que aparece un repertorio enorme de todo o que é a música infantil galega. Coas excepcións de Paco Nogueiras, que está en Kalandraka, ou Uxía Lambona, que autoedita, o abano desde repositorio é enorme. “E logo moitas outras editoriais sumáronse a este tipo de formatos, como é o caso de Embora, que acolleu este proxecto con moito sentidiño”, subliña Pakolas.

Non é a primeira vez que Pakolas colabora con Xabier Domínguez, autor de literatura infantil e xuvenil e mestre de música cunha boa lista de títulos ás súas costas, escritos xunto a Alba de Evan, desde A superavoa de Antón (2017) ata A bruxa Selana (2021) , pasando pola Serie Naturizo, de temática medioambiental. 

Xabier Domínguez, autor de 'Unha animalada de colexio' e moitos outros títulos infantís e xuvenís. CC-BY-SA Cedida

Os autores coñecéronse grazas a unha versión da Dolores se llamaba Lola que Domínguez subiu ás redes pero cunha letra aquelada para explicar as matemáticas

Pakolas lembra que a primeira colaboración con Xabier Domínguez vén de lonxe –“antes da pandemia”, di- para poñerlle música no Naturizo, mais xa coñecía o autor de Vilar de Barrio grazas a algunha canción subida ás redes sociais. Concretamente foi por unha versión da Dolores se llamaba Lola, dos Suaves, ideada por Domínguez para axudar coas matemáticas aos seus alumnos.

“No cole que estaba ese ano era titor de matemáticas e un xeito de achegalos a esta materia foi facer un proxecto anual con cancións que modificaban a letra dun tema de pop rock coñecido. Gustárame especialmente como quedara a dos Suaves e por estas cousas que teñen as redes sociais, chegou a Pakolas”, explica Domínguez. 

Nunca se sabe se as letras de Xabier e a música de Pakolas volverán atoparse pero tanto un como o outro avanzan xa en novos proxectos, pensados para os máis pequenos e non tanto. Domínguez, por unha banda, está a escribir a segunda parte do cómic para primeiros lectores  Miquids.

E Pakolas, por outra banda, atópase neste momento ultimando un proxecto co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica  de Galicia baixo o nome Ecoralia, a meiga ecolóxica. Ademais, xunto á Gramola Gominola xa anda a preparar unha sorpresa para o Nadal e participa na celebración dos 35 anos de Zënzar, banda na que tamén toca. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.