A "romaría diúrna e familiar" do Revenidas Miúdo xunta no Monte do Gozo o mellor da música infantil galega

Cartel do Revenidas Miúdo © Festival Revenidas

O Revenidas Miúdo contará con Uxía Lambona e a Banda Molona, Peter Punk, Pakolas, Paco Nogueiras e Cé Orquestra Pantasma nun evento que terá entrada de balde

O mellor da música infantil galega reunirase o vindeiro domingo 16 de xullo no Monte do Gozo nunha versión do festival Revenidas pensada na rapazada. O Revenidas Miúdo contará con Uxía Lambona e a Banda Molona, Peter Punk, Pakolas, Paco Nogueiras e Cé Orquestra Pantasma nun evento que terá entrada de balde e que se desenvolverá entre as 12 e as 19 horas.

O festival nace "cun espírito de romaría diúrna de carácter familiar", destacan os seus organizadores, que o definen como un "All Star da música infantil e as artes escénicas galegas". Ademais destas actuacións, ao longo da xornada realizaranse diversos obradoiros, non faltarán os xogos populares e outras sorpresas. 

Cartel do Revenidas Miúdo ©

A cita é o domingo 16 de 12 a 19 horas

O espazo do Monte do Gozo conta instalacións hostaleiras e zonas de restauración e tamén con piscinas públicas para o goce dos nenos e nenas (e dos non tan nenos nin nenas) que se acheguen ao festival, que conta coa colaboración coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e Deleite.

As artistas

Uxía Lambona e a Banda Molona recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, tinguíndoos de ska, reggae, klezmer ou tango. Desde A Carolina rapeada ata O Jato rockeiro, pasando por outros moitos temas tradicionais e algún propio. O conxunto conforma un espectáculo moi dinámico, no que nenos e nenas e todo tipo de públicos acaban sendo parte do seu des-concerto cheo de bailes, xogos, coreografías e sorpresas.

Peter Punk é un dos pallasos máis programados e destacados en Galicia. Conta con máis de mil funcións ás súas costas en diversos países, programacións e espazos. Os seus espectáculos, fieis reflexo da súa personalidade divertida e irreverente, gozan dunha grande acollida por parte do público cativo e adulto. 

Pakolas é Paco Cerdeira, autor e compositor, músico guitarreiro, e tamén produtor de música pensada para os mais cativos e cativas. Pakolas leva dedicándose ao público infantil dende hai máis de 16 anos, comezando os seus pasos como membro do grupo Mamá Cabra. Hai uns meses presentou o seu último libro, A Ramona pequena vai á Lúa, editado por Galaxia e ilustrado por Laura Romero

Paco Nogueiras é músico e actor, formou parte nos seus inicios das compañías Els Comediants e Os Quinquilláns. Nestes momentos desempeña a súa actividade cos espectáculos dirixido ao público familiar Brinca Vai!, Radio Bulebule e Extra!, baseados nos seus libros editados coa Editorial Kalandraka.

Cé Orquestra Pantasma é o nome artístico do vigués César Freiria, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais. Desde o ano 2008 leva percorrendo toda a xeografía galega a un ritmo de máis de 150 concertos ao ano coa súa proposta: un proxecto musical unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.