Chega 'Bibopalula', a primeira serie musical de animación en galego para os fillos e fillas da Xeración Xabarín

Unha imaxe de 'Bibopalula' © Undodez
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-bibopalula-0d7d6b3.jpeg

O 29 de novembro estréase a serie, protagonizada por Robin, Merli, Pegui e Carpin, catro paxariños -un paporrubio, un merlo, unha pega e un picapau- que forman "A Banda do Bosque" 

Robin, Merli, Pegui e Carpin son catro paxariños -un paporrubio, un merlo, unha pega e un picapau- que forman "A Banda do Bosque" e que protagonizan Bibopalula, a primeira serie musical de animación en galego, creada por Laura Mahía e Andrés Mahía. Producida por Undodez e a Televisión de Galicia, iniciará as súas emisións o vindeiro venres 29 de novembro en xabarin.gal e na app para dispositivos móbiles do Xabarín.

Dirixida aos máis pequenos e pequenas da casa (cunha idade recomendada de entre 3 e 6 anos), Bibopalula basea as súas historias nos "ciclos da natureza", dos que se extrae unha ensinanza que dá forma a unha canción orixinal en cada un dos 55 episodios de 5 minutos de duración que conforman a primeira temporada. Estas cancións, compostas por Santi Jul e Iván Laxe, estarán tamén dispoñibles nas principais plataformas de audio.

Unha imaxe de 'Bibopalula' © Undodez

A primeira tempada componse de 55 episodios de cinco minutos, baseados nos "ciclos naturais do bosque" e que se pechan cunha canción orixinal, composta por Santi Jul e Iván Laxe

Actrices e actores ben coñecidos polo público en Galicia como Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé A. Touriñán danlles voz aos protagonistas da historia, o paporrubio Robin, o merlo Merli, a pega Pegui e o peto Carpin. Os ciclos naturais do bosque, desde a chegada do inverno ata a das cegoñas, son tamén protagonistas das historias.

Undodez, a produtora que lidera o actor Xosé A. Touriñán e os produtores Álvaro Pérez Becerra e Javi Lopa, destaca que "nunca antes o público infantil no tramo de idades de 3 a 6 anos contara cun contido musical na nosa lingua, feito integramente por profesionais e empresas galegas".

Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé A. Touriñán danlles voz aos protagonistas da historia

Laura Mahía é a directora, ilustradora e formou parte do equipo de animación (ademais de darlle voz a un dos paxariños). Andrés Mahía é o guionista e produtor executivo. Son filla e pai, un vínculo que fixo aínda máis especial o proxecto, explica Andrés en conversa con Praza.gal, "un punto de maxia que nos axudou a facer algo heroico, porque a animación é algo moi complexo e no que fomos aprendendo moitas cousas polo camiño".

"55 capitulos son moitos, e todos inclúen no seu remate unha canción orixinal", destaca Andrés Mahía para explicar esa complexidade da serie e o inxente traballo que ten detrás. "Queríamos que houbese moita música, que fose orixinal e que fose pop-rock, como unha banda de catro amigos tocando nun garaxe. E son cancións moi boas: algunhas son máis infantís, pero outras son cancións pop que lles van encantar aos adultos, parecen feitas por Paul McCartney", di. "No fondo, queríamos recuperar aquela cousa que houbo no Xabarín Club hai trinta anos e que foi tan importante. Hai que ter en conta que a Xeración Xabarín é a que está empezando a ter fillos agora. E a esa nova xeración de nenos e nenas hai que darlle a oportunidade de gozar do galego nun ambiente pop", di.

"Queríamos que houbese moita música, que fose orixinal e que fose pop-rock, como unha banda de catro amigos tocando nun garaxe. E son cancións moi boas: algunhas son máis infantís, pero outras son cancións pop que lles van encantar aos adultos", destaca Andrés Mahía

Como xurdiu a idea da serie? "O comezo de todo foi o meu amor polos paxaros. O meu pai ensinoume os nomes dos paxaros e despois diso todo o que aprendín na vida foi menos importante. Os paxaros cantan e entón nunha xuntanza alguén dixo 'e por que non teñen un grupo musical?'", explica Andrés Mahía. "Queríamos que a serie fose para os nenos unha mirada á natureza, para moitos unha primeira mirada a ese medio natural: aos cambios das estacións, aos fenómenos meteorolóxicos..."., di.

"Queríamos que fose algo próximo a eles e por iso eliximos un paporrubio, un merlo e unha pega non por casualidade, senón porque son paxaros que calquera neno pode ver en case calquera lugar, mesmo nas cidades (os picapaus xa non, pero elixímolo porque nos daba xogo)", sinala. "Queríamos que a rapazada aprendese cousas sobre a natureza e a min encantaría que algún deles despois vise unha pega e dixese “mira, aí está Pegui”.

"Queríamos que a serie fose para os nenos unha mirada á natureza, para moitos unha primeira mirada a ese medio natural: aos cambios das estacións, aos fenómenos meteorolóxicos...", explica

A serie estrearase o 29 de novembro, coa difusión na plataforma de contidos dixitais do Xabarín dos primeiros vinte episodios, aos que a finais de decembro se engadirán máis. Ao longo desta fin de semana, ademais, Bibopalula contará cun stand no Culturgal, onde se dará a coñecer entre o público e terá lugar unha presentación aberta ás familias.

Así mesmo, ao longo do mes de decembro está prevista unha "intensa campaña de promoción", que incluirá a publicación dun conto infantil, a aplicación móbil da serie, ou contidos complementarios a través de YouTube e as principais plataformas de música en streaming. Así mesmo, Undodez xa traballa, da man da produtora de artes escénicas Ainé, na produción do espectáculo musical en vivo.

Unha imaxe de 'Bibopalula' © Undodez

O proxecto, que se presentará esta fin de semana no Culturgal, inclúe a publicación dun conto infantil, unha aplicación móbil ou a produción do espectáculo musical en vivo

Bibopalula conta coa participación da Televisión de Galicia, e co apoio da Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. A canle pública estreará en exclusiva a serie a través da súa plataforma de contidos dixitais infantís, antes de que a produción viaxe por outros territorios e noutras linguas a través de diferentes operadores. Andrés Mahía destaca o potencial da serie para interesar noutros territorios e culturas e para ser vendida a outras televisións: "quixemos facela o máis universal posible. Aínda que sexa un bosque noso, porque hai carballos e as montañas parecen as de Lugo, as historias son universais e a música tamén o é".

A partir de xaneiro está prevista a publicación dunha unidade didáctica que recollerá contidos relacionados co coidado da natureza ou a música, que se completarán con visitas dos protagonistas a diferentes centros educativos

A partir de xaneiro está prevista a publicación dunha unidade didáctica que recollerá contidos relacionados co coidado da natureza ou a música, que se completarán con visitas dos protagonistas a diferentes centros educativos. "Se ti espertas nun capítulo a curiosidade por un tema, se cadra despois queres saber cando chegan as cegoñas. E aí é onde entra a unidade didáctica", di Mahía.

Estas unidades didácticas para os centros de ensino van procurar "desenvolver esa primeira mirada ao mundo natural, cara aos fenómenos da natureza e aos ciclos das estacións", explica Mahía. "Eu creo que estes contidos son importantísimos como primeira pedra para que ese rapaz teña unha relación de cariño e curiosiodade cara á natureza. Cando un neno se fai preguntas, iso leva a ter cariño por ese tema", di.

Cartel de Bibopalula © Undodez

"Producir audiovisual en galego para primeiros espectadores é a mellor forma que xerar cariño cara á lingua nesa xeración que vén", destaca Andrés Mahía

Finalmente, Andrés Mahía reflexiona sobre a importancia de producir contidos en galego para a infancia, nun contexto en que esta oferta é moi reducida, en comparación coa existente en castelán ou outras lunguas. "Producir audiovisual en galego para primeiros espectadores é a mellor forma que xerar cariño cara á lingua nesa xeración que vén", destaca.

E, de novo, bota a vista atrás cara ao Xabarín Club. "Eu non lembro o galego tan vivo entre a rapazada coma neses anos nos que os nenos e nenas vían os debuxos en galego e cantaban as súas cancións", di. "Alguén pode debuxar un escenario máis optimista para o futuro do galego? Pois démoslle unha oportunidade a esa xeración para que os seus nenos e nenas vexan debuxos en galego e canten cancións pop-rock", remata.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.