Estas empresas traballan en galego en Santiago, Ames e Teo

Unha traballadora dun dos negocios integrados no portal #Galegoempresas © Concello de Santiago

"Coñecer de maneira rápida e práctica a oferta de empresas que funcionan en galego". É o obxectivo de #GalegoEmpresas, un directorio en liña impulsado polos concellos de Santiago, Ames e Teo que permite dende este martes buscar nun único portal as empresas da contorna compostelá que traballan en galego de xeito cotián, achegalas á veciñanza e procurar que outras compañías se sumen a elas.

O portal #GalegoEmpresas agrupa os negocios da contorna compostelá que utilizan con normalidade a lingua galega na súa actividade cotiá

Desenvolvido por Ágora Aberta, o sitio web presentado polos tres gobernos locais pretende "poñer en valor aqueles negocios nos que a nosa lingua adquire visibilidade e facer un recoñecemento á calidade na atención pola súa banda", sinala o rexedor compostelán, Martiño Noriega, quen presentou a nova ferramenta xunto á edil amiense de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, e a responsable de Cultura de Teo, Pilar Faxil.

Segundo explica un dos responsables da empresa desenvolvedora, Óscar Maceiras, a primeira versión deste directorio foi realizada a partir dunha serie de indicadores que "ponderan o uso lingüístico nas empresas". Tratouse, resalta, de avaliar a "relevancia" do idioma na "configuración da imaxe da compañía e na súa relación coa cidadanía"

Isabel Vaquero, Martiño Noriega, Pilar Faxil e Óscar Maceiras, na presentación de #Galegoempresas © Concello de Santiago

Os tres concellos "chaman a todas as empresas da comarca a unirse"

Agora, explica, alén de situar as empresas sobre o mapa e organizalas por sectores, a web tamén "permite que as persoas usuarias fagan a valoración da atención que prestan" oralmente e por escrito e fornéceas, á súa vez, de "ferramentas para que melloren no uso do galego". Tamén para que saiban "das convocatorias que teñen en marcha as Administracións para premiar o compromiso coa lingua", caso dos premios Manuel Beiras exemplifica o alcalde compostelán.

Tanto Noriega como as concelleiras de Ames e Teo poñen o foco na "colaboración institucional entre os tres concellos". Os tres, resaltan, apostaron por construír unha ferramenta a prol do uso normal da lingua que nace con vocación de medrar.

 Así, sinala Vaquero, os tres concellos "chaman a todas as empresas da comarca para unírense", chegaren así máis facilmente á clientela que valora a atención en galego e ao tempo, agrega Noriega, "facilitar a planificación de accións dirixidas ao sector socioeconómico en materia de lingua".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.