- INTERACTIVO | Os premios Manuel Beiras fan dezaoito anos a unir galego e empresa
- HEMEROTECA | "Oxalá no futuro non houbese que premiar nin recoñecer o uso da lingua galega"
O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio da cidade presentaron este xoves a XIX edición dos Premios Manuel Beiras, que volverán recoñecer as empresas que empregan a lingua galega. Os galardóns veñen acompañados dunha campaña de promoción que xa se empezou a ver polas rúas e establecementos de Compostela, e que pretende chamar a atención sobre a importancia de que "a nosa lingua sexa tamén empregada como lingua de negocios". Lanzan ademais a web traballamosengalego.gal, que destaca todas as compañías gañadoras dende o ano 2000.
"Moitos clientes e clientas poden recompensar coas súas decisións de compra aos negocios que se mostran comprometidos co uso da nosa lingua", destacou Noriega
Os Premios Manuel Beiras convócanse en dúas categorías: empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega e empresas que se incorporaran recentemente ao uso do galego. O pasado ano, por exemplo, foron distinguidos Brazolinda (Nova incorporación) e Illa Bufarda (Uso continuado), e tamén o Colexio de Avogados de Santiago, que obtivo unha "distinción especial". Aos galardóns poden optar empresas radicadas no Concello de Santiago, que poderán presentar directamente as súas candidaturas ou seren propostas por calquera persoa ou entidade.
A entrega do premio, unha escultura de Acisclo Manzano, terá lugar este ano no Pazo de Raxoi, posto que o Concello e a Cámara de Comercio alternan anualmente tanto a presidencia do xurado como a organización da cerimonia de entrega dos galardóns.
Os galardóns veñen acompañados dunha campaña de promoción que xa se empezou a ver polas rúas e establecementos de Compostela, e que pretende chamar a atención sobre a importancia de que "a nosa lingua sexa tamén empregada como lingua de negocios
Na presentación o rexedor compostelán, Martiño Noriega, lembrou ao propio Manuel Beiras, "o histórico comerciante compostelán e destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua, que lle dá nome a estes premios que deste xeito son, ao mesmo tempo, un homenaxe á súa figura". Ademais, destacou que "moitos clientes e clientas poden recompensar coas súas decisións de compra aos negocios que se mostran comprometidos co uso da nosa lingua".
Ademais do lanzamento da web, que fai unha aposta por presumir de "traballar en galego", a cidade de Compostela apareceu nestes días chea de vinilos no chan con textos que decote se utilizan no mundo das empresas escritos en galego, e nos que se podía ler tamén a dirección da páxina traballamosengalego.gal.