Os premios Manuel Beiras recoñecen o uso do galego no audiovisual, no dereito e no lecer infantil

Representantes das entidades galardoadas, con membros das institucións que impulsan o premio © Concello de Santiago

"O galego hai que falalo. Se non se usa, de nada valen as políticas". As verbas de Manuel Beiras nunha das últimas intervencións públicas da súa vida foron evocadas este martes na décimo oitava edición dos premios que levan o seu nome, cos que o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio compostelá premian o emprego habitual do galego no ámbito empresarial e comercial e que desta volta recoñeceron que a innovación no audiovisual, o lecer infantil e o dereito tamén falan galego.

O premio Manuel Beiras ao uso continuado do galego foi neste 2017 para Illa Bufarda, a produtora especializada en videocreación, fotografía, animación e deseño gráfico que se atopa por tras de numerosos traballos creativos nos últimos anos, entre os que destacan montaxes como o documental Fíos Fóra. "O audiovisual visibiliza, difunde e normaliza", subliña o xurado dos premios, que salienta o feito de que as responsables de Illa Bufarda utilicen o galego de xeito "transversal", o que resulta de seu un labor "normalizador" da lingua.

"Nesta illa falamos en galego e soñamos en galego, non tería sentido doutra maneira", explicaron ao recolleren o premio Sabela Iglesias e Adriana Villanueva, as profesionais responsables de Illa Bufarda, quen apostaron polo uso normal do idioma tamén para "xerar novos referentes e afastar os referentes tóxicos". Un medio de tanto impacto como o audiovisual, resaltan, pode ser de grande utilidade para "saír do tópico identitario, do laio" e, sen abandonar o espírito "crítico", avogar por que nun futuro, se cadra, xa non sexan necesarios premios ao uso do galego na empresa.

Illa Bufarda, Brazolinda e o Colexio de Avogados de Santiago son recoñecidos polo uso do galego nas súas actividades cotiás

Contra os tópicos e lugares comúns expresouse tamén Irimia Fernández, responsable da empresa Brazolinda, premiada no eido das novas incorporacións ao uso do galego. Brazolinda deseña, produce e comercializa xogos e xoguetes artesanais e a súa impulsora subliña que traballa en galego porque é unha "honra", pero tamén para rebelarse fronte a quen, noutrora, lle dixeron que o idioma propio de Galicia era "demasiado doméstico para ter futuro" . Os seus produtos, di o xurado, permiten realizar actividades "enriquecedoras" na "aprendizaxe de actitudes, dinámicas e habilidades". "Nos xogos de Brazolinda -subliñan- non só se mima a parte educativa de cada xogo" ou "o divertimento e a estética", senón que "o idioma ocupa tamén un lugar principal".

Os premios Manuel Beiras son un "reforzo ás apostas" polo galego no eido empresarial e tamén unha "reivindicación do idioma na capital do país", resalta Noriega

Os premios Manuel Beiras do 2017 complétanse cunha distinción especial para o Colexio de Avogados de Santiago. "Dende o ano 2004 -resaltan- ten un servizo de asesoramento lingüístico como froito de compromiso coa defensa do idioma propio". Este servizo, afirman, é un vehículo para facilitar que os procedementos xudiciais poidan realizarse en galego, "un labor que ten especial transcendencia pola súa visibilidade social e empresarial".

As tres entidades galardoadas recibiron este martes a escultura de Acisclo Manzano que representa a distinción cos Manuel Beiras nun acto no que o alcalde compostelán, Martiño Noriega, as eloxiou como "ofrebres da sensibilidade". Os galardóns, subliña o rexedor, queren servir de "reforzo ás apostas" polo galego na empresa e, ao tempo, de "reivindicación do idioma na capital do país". A lingua galega, engadiu dende a Cámara de Comercio o seu vicepresidente, Evaristo Rodríguez, "é de todos" e non pertence a ningunha "sigla", pero precisamente por iso "todos temos a obriga de defendela". 

Ademais do Concelloe da Cámara de Comercio no xurado destes premios está presente a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Universidade de Santiago, o Colexio Profesional de Xornalistas, a Associaçom Galega da Língua, a Unión de Consumidores de galicia e representantes das empresas premiadas na pasada edición dos premios.

Logotipo de Illa Bufarda Dominio Público Illa Bufarda
Ilustración de Brazolinda Dominio Público Brazolinda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.