0 Gardados para despois

“Por que usamos o galego na empresa? E por que non?”

Redacción | @prazapublica

Silencio inicial, desconcerto, e resposta que soa a obviedade nas súas bocas. Cando se lles pregunta a gañadores dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa por que usan esa lingua nos seus negocios e non outras, a resposta é similar: “Que por que usamos o galego? E por que non? Somos galegos”.

Creados en 2000 polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio compostelá co nome dun histórico comerciante da cidade “destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua”, os Premios Manuel Beiras supoñen unha “distinción pública”, sen recompensa económica, para as empresas que se esforzan por normalizar o uso do galego nas súas actividades, en especial na comarca de Santiago. Este ano chegan á súa edición número 18, para a que o prazo de recepción de candidaturas está aberto ata o 11 de decembro. Nas 17 edicións anteriores, os premios recoñeceron desde unha tenda de conxelados ata unha autoescola, pasando por empresas tecnolóxicas ou asociacións sen ánimo de lucro. Falamos con algúns deles.

“Usamos o galego porque é a nosa lingua natural, porque consideramos que vende igual que calquera outra, por que non?”, di Álex Regueiro, da empresa Miranda Priestly, editora da revista Coralia, entre outras moitas actividades, gañadora en 2016. “Somos un estudo creativo, creamos ideas para empresas, o que supón un abano enorme no que Coralia pode que sexa a parte máis visible, pero en todos os nosos traballos para empresas galegas facémoslles ver o útil que é o galego, aínda que logo serán elas as que decidan, porque non vendemos por estar en galego, vendemos por facer bo produto”, explica. Regueiro lembra como na súa orixe Coralia “naceu en galego e inglés, pero no número 4 xa foi só en galego porque ninguén vía útil o inglés”. “Decidimos non empregar o castelán porque é unha lingua invasiva”, di, e argumenta: “Se ves xuntos o galego e o castelán, o galego parece de segunda, mentres que se ves o galego e o inglés, velas iguais, son dúas linguas”.

Regueiro salienta como o premio Beiras “supúxonos visibilidade, permitiunos chegar a outros estamentos cos que non contactáramos; moviámonos na rúa con Coralia ou no mundo empresarial, pero chegamos tamén ao institucional”. Visión similar ten Quique Alvarellos, que está á fronte de Alvarellos Editora, gañadora tamén o pasado ano: “O premio permitiunos establecer contactos con outras empresas doutros sectores moi distintos e coñecer outras estratexias de apoio á lingua, abrirnos a posibles sinerxías futuras”.

Gañadores en edicións previas dos premios Manuel Beiras relatan como o idioma propio é unha vantaxe para os negocios e como o galardón permitiulles contactar con outros sectores distintos aos seus

A pregunta a Alvarellos polo motivo de elixir o galego na súa empresa pode ser superflua, pero el non o ve así. “A xente pode dicir que é o normal nunha editorial, pero tamén podiamos apostar por outras linguas e outros públicos”. “Unha editorial non é máis que unha factoría de contidos, os libros poden ser o 70%, pero queremos ser transversais, usar o galego nas outras cousas que facemos, como exposicións ou roteiros guiados”, explica. Alvarellos tamén salienta outro dos piares nos que se basean os premios Manuel Beiras, que é o de “ter en conta o tecido local”, algo do  que a súa empresa fai gala desde que se trasladou en 2004 a Santiago desde Lugo, onde naceu hai agora 40 anos. “Para nós o recoñecemento foi unha felicidade, que che premien na casa cando moitas veces só se recoñece o de fóra”, di.

En Santiago, na praza de abastos, é onde José Bermúdez herdou dos seus pais o negocio de venta de bacallau e agora de conxelados de todo tipo. Cando se lle pregunta por que traballa en galego, mira sorprendido e responde, citando a Castelao, “porque nacín galego”. E lémbrase a continuación dos seus pais, “que me fixeron cidadán do mundo, pero orgulloso do que son”. No discurso co que Conxelados Xosé Bermúdez recolleu o Manuel Beiras de 2014 (aquí, íntegro) Bermúdez lembrou os nomes galegos dos barcos que pescan por todo o mundo os peixes que el vende: “Navegan por todos os vértices da Rosa dos Ventos con ese nome galego, e amarran nos portos de todo o planeta con ese nome galego. O peixe deses barcos temos que venderllo ao mundo no idioma que o mundo queira, e si aparece outro mundo, haberá que venderllo tamén no deles. Pero en Santiago, que xeito dá preguntarlle ao cliente 'señora, como lle corto os toros, pra cocer ou pra fritir?'”

"A mellor resposta á pregunta de por que usamos o galego é que ningún cliente nos fixo nunca esa pregunta"

Polo mundo anda tamén o traballo de Imaxín Software, empresa con sede en Santiago e gañadora en 2015. “Entendemos o galego como un mundo de posibilidades en Portugal ou Brasil”, di Xosé Ramón Pichel, citando algúns dos sitios nos que están presentes. “Un premio sempre é un recoñecemento de que estás a facer algo interesante, e recibimos o Manuel Beiras tamén como un xeito de animar a outras empresas a que fagan o mesmo”. di. Pichel tamén dubida á hora de responder á pregunta de por que na súa empresa empregan o galego: “A mellor resposta que podo dar é que ningún cliente nos fixo nunca esa pregunta”.

Tenda Pecados, gañadora en 2009 [CC BY-SA Praza Pública]

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.