Unha semana para coñecer o patrimonio invisible de Santiago: da Colexiata do Sar a unha visita sorpresa

Claustro da Colexiata do Sar © Turismo Santiago

Do 1 ao 5 de decembro celébrase a sétima edición da Semana do Patrimonio Invisible, que permite visitar en grupos reducidos sete espazos que normalmente están pechados ao público

A cidade de Santiago acolle unha multitude de tesouros do patrimonio, algúns deles invisibles, no senso de que habitualmente non están abertos para a súa visita pública. Do 1 ao 5 de decembro, en cambio, algúns deles si ofrecerán esta posibilidade, no marco da sétima edición a Semana do Patrimonio Invisible, unha iniciativa do Concello de Santiago que conta co apoio da Deputación da Coruña.

Haberá un total de 700 prazas en sete percorridos distintos por edificios, espazos arqueolóxicos, institucións e infraestruturas históricas normalmente fechadas ao público: o Pazo Arcebispal, as Escavacións da Catedral, o Auditorio de Galicia, a Compañía de María, a Casa da Parra, a  Colexiata do Sar e un que se garda aínda como visita secreta. 

Do 1 ao 5 de decembro, a sétima edición deste ciclo ofrecerá visitas guiadas a espazos históricos normalmente pechados ao público xeral ou con acceso © Concello de Santiago

Poderanse visitar o Pazo Arcebispal, as Escavacións da Catedral, o Auditorio de Galicia, a Compañía de María, a Casa da Parra, a Colexiata do Sar e un espazo sorpresa que aínda non foi desvelado

As visitas realizaranse en grupos reducidos para garantir a calidade da visita e a protección dos bens culturais e todas as visitas son de balde e a reserva de prazas estará dispoñible dende o xoves 27 de novembro ás 12.00 horas na web patrimonioinvisible.gal

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas e o xestor cultural de Trivium, Manuel Rial, presentaron este mércores en rolda de prensa o programa completo desta edición especial que coincide co 40 aniversario da declaración de Santiago de Compostela como Cidade Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO.

O programa complétase ata compor a ducia de propostas con algunhas das experiencias máis valoradas polas persoas participantes en anteriores edicións, como os Mananciais de Compostela, o CSC da Trisca, o Cemiterio e Capela do Rosario ou o Teatro Principal

Na rolda de prensa Louzao destacou que o programa permite “entrar en lugares fundamentais para afondar na historia da cidade e na nosa memoria” e “reivindicar a vastísima riqueza cultural desta cidade orgullosa de si”. O O deputado provincial Xosé Penas salientou pola súa banda que este programa cumpre cun dobre obxectivo, “o de visibilizar ese patrimonio para que que o gran público poida entrar e, ao mesmo tempo,  protexelo, porque facemos que estea vivo”.

O programa complétase ata compor a ducia de propostas con algunhas das experiencias máis valoradas polas persoas participantes en anteriores edicións, como os Mananciais de Compostela, o CSC da Trisca, o Cemiterio e Capela do Rosario ou o Teatro Principal. Ademais, nesta edición a Semana do Patrimonio Invisible contará cun itinerario especial denominado Santiago Patrimonio Mundial, que precisamente afondará no significado desa declaración da UNESCO no seu 40 aniversario.

Presentación da Semana do Patrimonio Invisible, que conmemora o 40 aniversario de Compostela como Patrimonio Cultural da Humanidade © Concello de Santiago

As sete visitas exclusivas

  • Pazo Arcebispal: Facendo ángulo coa porta da Acibechería localízanse as dependencias do pazo arcebispal, antigamente coñecido como o “provisorato”, hoxe sede da curia. Tras a súa fachada decimonónica agóchanse algunhas sorpresas como a espectacular escaleira de honra que comunica coa cámara arcebispal.
  • Escavacións da Catedral: Baixo o chan da catedral agóchanse as orixes da cidade apostólica. Unha experiencia única para camiñar sobre as camadas superpostas de historia, que amosan a evolución do “Locus Sanctus” a través dos seus camposantos, da cerca de Cresconio e dos primeiros templos dedicados ao fillo do Trono.
  • Casa da Parra. O fermoso edificio da praza da Quintana, en proceso de rehabilitación, leva anos pechado ao público. A fachada barroca deseñada por Domingo de Andrade é a súa carta de presentación. Un percorrido polo seu interior permitirá coñecer os seus segredos e as sorprendentes descubertas arqueolóxicas no seu subsolo.
  • Compañía de María. Coñecido como “A Ensinanza”, este foi o primeiro centro de Galicia dedicado á educación feminina e un dos colexios máis antigos de Compostela. Polas súas aulas pasaron xeracións de santiaguesas e santiagueses, pero o seu interior segue a ser un gran descoñecido na cidade.
  • Colexiata do Sar. Unha das arquitecturas máis sobranceiras do románico compostelán abre as súas portas para amosar a singular beleza dos seus muros e piares inclinados, a impresionante colección de sartegos medievais e outras sorpresas.
  • Auditorio de Galicia. Entramos nas partes menos coñecidas deste edificio deseñado polo estudio de Julio Cano Lasso en 1988. De carácter urbano e pechado cara á praza da Música, ábrese á natureza no Parque da Música. O volume dominante do escenario reflíctese nunha lámina de auga, converténdose nun potente referente visual da cidade.
  • Visita secreta. Como nas últimas edicións, para o peche do ciclo resérvase unha visita sorpresa que, ano tras ano, resulta ser unha das máis demandadas polo público.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.