A Semana do Patrimonio Invisible baixa ao subsolo de Compostela nunha viaxe aos tempos de Xelmírez, camiña por enriba da capela da Corticela da Catedral, repasa a historia da cidade desde o Arquivo Histórico Universitario e abre unha porta sempre pechada en Bonaval cara á Confraría do Rosario
A quinta Semana do Patrimonio Invisible que se está a desenvolver en Santiago de Compostela volve desbordar as espectativas pola gran demanda da veciñanza para acceder a espazos que poden chegar a ser invisibles nunha cidade cun patrimonio tan marcado. Máis dun milleiro de solicitudes para un total de 638 prazas e unha ampla listaxe de agarda confirman que a cidadanía compostelá mantén o interese por gozar do seu, incluso no segundo ano Xacobeo consecutivo e despois do verán no que se rachou co récord histórico de peregrinos.
As visitas ao Convento de San Francisco, a capela e o cemiterio da Confraría do Rosario en San Domingos de Bonaval e o Arquivo Histórico Universitario son unha novidade nesta edición. Mais tamén se incorporan lugares especiais que a veciñanza segue reclamando visitar. Espazos concretos como a Tribuna da Catedral ou a Fundación Laboral de la Construcción, a Facultade de Xeografía e Historia, o Colexio de Fonseca e os mananciais de Ponte Mantible e Fonte Branca. Ademais, a organización –en colaboración co Concello– ten preparada unha visita sorpresa á que só poderán acceder as persoas que chegaron a coller praza.
Só os técnicos poden acceder normalmente aos mananciais de Ponte Mantible e Fonte Branca, construídos nos tempos de Xelmírez pola necesidade de auga que tiña Compostela coa chegada de comerciantes e peregrinos que facían incrementar a súa poboación. “Baixamos ao subsolo da cidade”, conta Manuel Rial, guía de Trivium, “e podemos ver unha mina de auga e unha gruta, que lle dá un aire máis misterioso á visita. É case como unha viaxe á Idade Media. Ambientamos o percorrido para facilitar o tránsito e poñemos velas por todo o túnel. Podemos ver os restos dun acueduto e como eran as canalizacións antigas”.
"Camiñamos moito a cidade. Miramos e remiramos o mapa para dar con sitios pechados", conta o guía Manuel Rial
Hai unha porta na rúa de Bonaval pola que todo o mundo pasa sen parar. Aparentemente, sempre está pechada. Mais os guías da Semana do Patrimonio Invisible van abrila para as persoas que escollesen visitar a Confraría do Rosario. “Semella case unha porta dunha igrexa porque ten unhas esculturas medievais e dá acceso a un cemiterio privado en pleno corazón da cidade histórica”, sinala Rial. Un lugar que só poden usar as persoas da confraría e que chegou case intacto aos nosos días.
Nestas actividades excepcionais accédese ao Arquivo Histórico Universitario para contar a historia do propio Concello de Santiago e a espazos habitualmente pechados para o público como a biblioteca do Convento de San Francisco –“que é impresionante”, segundo describe Manuel Rial– e á que só teñen acceso os relixiosos ou estudosos acreditados. Un patrimonio documental no que tamén importan os edificios que o conteñen.
“Camiñamos moito a cidade durante todo o ano para pensar que lugares visitar en cada edición. Miramos e remiramos o mapa para dar con sitios pechados ou que poidan ser de interese porque sexan menos coñecidos. Estamos en continuo diálogo coas institucións para saber que sitios paga a pena abrir á xente”, debulla Rial sobre as pesquisas previas á celebración da Semana do Patrimonio Invisible, un ciclo que tamén se celebra en Pontevedra e que o ano pasado chegou a Ferrol.
O obxectivo é "que a poboación de aquí descubra lugares polos que pasa a diario e dos que non sabe nada"
Como non podía ser doutra maneira, dado o protagonismo absoluto da Catedral como eixo da cidade histórica, a posibilidade de estar na Tribuna, no primeiro andar, é a máis cobizada. “Poder ver o interior da Catedral dende arriba é un privilexio. Á parte, nesta visita accedemos a zonas moi pouco frecuentadas como o Pórtico real, que é unha especie de balconada espectacular sobre a Quintana, ou camiñamos por enriba da capela da Corticela”, asegura Manuel Rial.
Este é un ciclo pensado para a xente que vive en Santiago, ou que xa coñece a cidade. “Estamos contentos con que se cumpra o noso obxectivo de que a poboación de aquí descubra lugares polos que pasa a diario e dos que non sabe nada. A maioría das visitas escapan da clásica visión e ven Compostela máis alá da cidade do Apóstolo, aínda que isto é moi importante e é a súa razón de ser. Pero hai discurso máis alá, desde a cidade que crea monumentos novos á que intenta crear unha pequena revolución industrial coas fábricas de coiros. Son todas estas historias as que compoñen Santiago”, explica o guía.