Veciñanza de Santiago pide aos peregrinos cumprir un "decálogo de boas prácticas" baseado en que a cidade está habitada

Ringleira ante a Oficina do Peregrino de Santiago a primeiras horas da mañá, nunha imaxe tomada en 2021 CC-BY-NC-SA Praza Pública

A cuestión rexorde cada pouco. Desta volta, a primeira faísca foi un vídeo compartido nas redes sociais no que se podía ver un dos moitos grupos de ducias peregrinos que chegan a Santiago cantando a viva voz, celebrando a fin da súa peregrinación. E de aí, a enésima controversia, debate ou reflexión sobre a convivencia do turismo e da peregrinaxe coa vida cotiá na capital galega. Agora, nun Xacobeo bianual no que a Xunta se propuxo bater récords turísticos tras o peor da pandemia.

Este é o pano de fondo co que un dos colectivos que xa se pronunciou ao respecto en diversas ocasións, a asociación veciñal A Xuntanza do barrio de San Pedro, vén de editar un "decálogo de boas prácticas" dirixido aos peregrinos. Unha guía baseada, en boa medida, en solicitar aos camiñantes que teñan en conta que, ao chegaren, atravesan rúas e prazas onde vive xente.

Decálogo dirixido aos peregrinos, elaborado pola asociación A Xuntanza en colaboración coa Asociación Empresarial do Barrio de San Pedro © A Xuntanza

Xunto coa Asociación Empresarial do mesmo barrio, porta de entrada do Camiño Francés cara ao casco histórico compostelán, A Xuntanza divulga un documento que, explica, pretende ser "a base dun xeito diferente de entender a última etapa do Camiño" e "promover actitudes que axuden a preservar a calidade da experiencia de quen vén", mais tamén "a forma de vida de quen aquí vivimos".

O colectivo veciñal A Xuntanza e a Asociación Empresarial do Barrio de San Pedro reclaman aos peregrinos respectaren o descanso evitando os berros, unha mellor xestión dos grupos moi numerosos, respectar os sinais de tráfico ou evitar deitar lixo nas rúas

O Camiño de Santiago, din aos peregrinos, é unha oportunidade onde "descubrir a cultura, os costumes, a sociedade, a gastronomía ou a natureza" de aldeas, vilas e cidades. No caso de Santiago, "levamos centos de anos" de acollida nunha cidade "ben antiga e cun patrimonio fermoso que compartimos" e polo tanto, onde "todas e todos temos que acomodarnos ao seu coidado e conservación".

Sobre esta base, piden aos peregrinos que lembren que "os lugares que atravesan" están habitados "por persoas que, cada día, vemos pasar por diante das nosas portas grupos cada vez máis numerosos". "Dámosche a benvida, estás na nosa casa, respecta os nosos espazos" nunha chegada que "é emocionante, sen dúbida". "Mais a túa euforia non debería interferir nos nosos ritmos de vida" con "cánticos e voces, sexan relixiosos ou non" que "alteran o descanso".

Turistas e peregrinos no centro de Santiago, nunha imaxe tomada no verán de 2021 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Alén dos berros, A Xuntanza aconsella tamén non bater nas históricas pedras compostelás cos bastóns empregados do camiño e, "se continúas a precisalo, utilizar as gomas que trae". Para os peregrinos en bicicleta, a petición é lembraren "que levan un vehículo" e polo tanto, deben "respectar as normas e sinais de circulación".

Os colectivos solicitan tamén ao Concello "unha política proactiva na protección do dereito ao descanso, ás nosas rúas, a camiñar tranquilamente"

No referido aos grupos moi numerosos, as peticións son tamén básicas. Dende respectaren os semáforos cando non dan cruzado unha rúa nunha soa quenda ata "contemplar a posibilidade de separarse momentaneamente" por razóns de seguridade. As persoas que dirixen os grupos deberían ter "especial coidado" para facelo.

Recoller o lixo, utilizar as papeleiras, non amorear pedras "nin deixar bastóns en calquera parte" ou "colgar cousas das árbores" son tamén peticións dun decálogo que culmina coa petición de "non facer pícnic na Praza do Obradoiro". "Nós somos o Camiño, recibe a nosa afectuosa benvida a Compostela, goza da cidade, dos seus barrios e da súa xente", conclúe o decálogo, que pide ademais ao Concello santiagués "unha política proactiva na protección do dereito ao descanso, ás nosas rúas, a camiñar tranquilamente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.