“Non podemos actuar sobre o que non vemos”, di o Goberno galego, que encarga agora o seguimento do sector e un plan de acción argumentando que é “urxente” e “extremadamente necesario” ante a ameaza de “morrer de éxito”
A Xunta leva anos publicitando que o turismo en Galicia é “sostible”. Aínda o pasado venres así o verbalizaba o presidente, Alfonso Rueda, en particular a respecto do Camiño de Santiago, malia as alertas de masificación en Compostela que se repiten noutros puntos turísticos fráxiles como as illas Cíes ou a praia das Catedrais. Pero o Goberno galego non está a facer seguimento e control da sostibilidade do turismo, cuestión para a que aínda agora vai encargar a unha empresa o desenvolvemento dun “observatorio de sostibilidade turística”.
Faino admitindo que “non podemos actuar sobre o que non vemos” e que “os retos que afronta o turismo fan imprescindible unha análise da súa sostibilidade e resiliencia”, algo que agora considera “urxente” e “extremadamente necesario” ante a a ameaza de “morrer de éxito”.

A Xunta vén sendo advertida desde distintos eidos do risco que o turismo está a supoñer para diversos lugares de Galicia. En Santiago o Concello chegou a pedirlle hai uns meses a implantación dunha taxa turística, e en espazos naturais como as Cíes ou As Catedrais o Goberno galego insiste en salientar como positivo o volume de visitantes que reciben malia seren espazos protexidos con límites de aforo pola súa fraxilidade.
Malia esas advertencias a Xunta segue a publicitar a sostibilidade do turismo en Galicia, pero agora recoñece que non o está a controlar. Nos pregos de condicións cos que agora quere contratar por 114.000 euros un observatorio da sostibilidade turística o Goberno galego admite expresamente que “non existe actualmente un seguimento integral da sostibilidade turística”. “Non podemos actuar sobre o que non vemos”, sinala, ao tempo que argumenta que “os retos que afronta o turismo fan imprescindible unha análise da súa sostibilidade e resiliencia, tanto polos obxectivos de redución de emisións [de gases de efecto invernadoiro] como polo declive de produción de petróleo que se espera de agora en adiante, xunto con todas as distorsións provocadas pola pandemia de COVID-19”.
“Afrontamos un cambio radical na problemática do turismo que fai extremadamente necesaria a análise”, di a Xunta, ante “unha dinámica de vertixinoso crecemento do turismo global” que ameaza aos destinos “con morrer de éxito”. “Faise urxente pensar e articular novos enfoques para o futuro do turismo en Galicia”, asegura.

A Xunta quere agora vixiar cuestións como o consumo de auga e enerxía, o impacto na paisaxe, a distribución de beneficios entre a sociedade ou a valoración do turismo polos residentes
O observatorio da sostibilidade que agora encargará a Xunta, para Galicia e o Norte de Portugal aproveitando fondos europeos dos que se pode beneficiar a Eurorrexión, deberá facer seguimento de cuestións como o impacto do turismo nos eidos ambiental (consumo de auga e enerxía, emisións de gases ou impacto na paisaxe e usos do solo), económico (beneficios e distribución dos mesmos a nivel territorial e social, emprego e condicións laborais do mesmo ou estacionalidade).
Tamén sobre o ámbito social (conservación do patrimonio, integración na sociedade local ou valoración do turismo polos residentes). Un eido este último no que o aumento dos pisos turísticos está a reducir as vivendas dispoñibles para alugar por parte da cidadanía residente en Galicia.
A empresa que se contrate deberá propoñer un plan de acción e un plan de comunicación “que favoreza o cambio de paradigma, a concienciación da sociedade e a transición cara a un modelo de maior resilicencia”
Ademais da recolección de datos, a empresa que se contrate debe sinalar os puntos de risco e saturación ou degradación e propoñer un plan de acción e un plan de comunicación “que favoreza o cambio de paradigma, a concienciación da sociedade e a transición cara a un modelo de maior resiliencia”.
Ademais de encargar agora este observatorio sobre a sostibilidade, en decembro a Xunta xa admitiu que tampouco tiña datos suficientes sobre o turismo que chega en avión, para o que lanzou outro concurso público.