Malia a polémica suscitada nos últimos meses sobre os efectos nocivos do turismo masivo e a súa exemplificación directa en Galicia o pasado agosto no incumprimento do límite diario de visitantes ás illas Cíes, o presidente Feijóo volveu gabar o xoves un novo “récord” numérico de turistas. E só un día despois, este venres, a Xunta volvía salientar outro incremento de visitantes noutro espazo protexido, a praia das Catedrais, onde en case todos os días do mes de agosto se acadou o máximo permitido de visitas.
O Goberno galego sinala que en 29 dos 31 días de agosto o areal de Augas Santas chegou ao máximo permitido de visitantes, 4.812 cada xornada
Se a limitación nas Cíes é de 2.200 visitantes por día máis 800 campistas, no Monumento Natural da Praia das Catedrais, que protexe os cantís e o areal tamén coñecido como Augas Santas, esa limitación é de case o dobre, 4.812 persoas por día, nun espazo moitísimo máis reducido. Esa limitación, que afecta aos períodos de máxima afluencia de Semana Santa e verán, impúxose en 2015 e segundo o balance que este venres realizou na propia praia a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, do verán pasado ao actual o número de visitantes aumentou un 23%, ata un total de 245.000 nos dous meses de xullo e agosto. Segundo o Goberno galego, o tope máximo de visitantes acadouse en 9 días de xullo e 29 días de agosto.
Malia que non hai case marxe de incremento, a Xunta encargou unha aplicación móbil para facilitar a obtención do permiso
Malia que non existe case marxe de incremento, a Xunta anunciou este venres encargou unha aplicación móbil coa que facilitar a obtención do permiso necesario a partir da próxima Semana Santa aos potenciais visitantes deste espazo protexido nos períodos en que se limita o aforo.