Nos últimos anos e mesmo décadas foron varios os estudos anunciados e realizados a respecto dos aeroportos galegos, os seus voos, a "coordinación" entre eles, a competencia co Sá Carneiro do Porto ou o impacto que na súa oferta terá a finalización da conexión de alta velocidade ferroviaria coa Meseta. Así, por exemplo no ano 2013 a Xunta contratou o que denominou como "plan estratéxico" do sistema aeroportuario galego mentres o Goberno de España elaboraba un documento similar, aínda que nada se soubo do seu contido.
Agora, apenas tres anos despois de reclamar un novo estudo ao respecto, o Goberno galego asegura a través da Axencia Turismo de Galicia -con dependencia directa da Vicepresidencia Primeira- que, en realidade, "a información da que dispón sobre os turistas que se desprazan en avión é moi escasa". Por iso reserva un orzamento de ata 50.000 euros para contratar un "servizo de monitoraxe e seguimento, control e xestión de información de voos".
Nunha contratación que tramita dende a pasada semana, Turismo xustifica a necesidade de contratar esta plataforma tecnolóxica sinalando que os datos que ten neste eido "cínguense case exclusivamente" aos que "ofrece AENA na súa páxina web". "Especialmente -agrega- dende que AENA prohibiu a realización de enquisas dentro dos aeroportos por mor da pandemia da COVID".
A Xunta xustifica o contrato, que chega apenas un mes antes da entrada en servizo do AVE coa Meseta, en que o turismo que chega en avión é "un segmento crucial nas estratexias de redución de emisións e descarbonización"
Pero a Xunta, alega, precisa máis datos. Porque "os turistas que chegan a Galicia por avión representan o segundo colectivo máis numeroso, só por tras dos que o fan en vehículo privado". E porque "son, ademais, un segmento crucial nas estratexias de redución de emisións e descarbonización do turismo", que "vai ser fortemente impactado nos próximos anos".
Este é o contexto no que o Goberno galego sitúa a "necesidade" de "acadar un mellor coñecemento do turismo galego por vía aérea". É esta vía -na que non menciona o posible papel que podería ter o Instituto Galego de Estatística ou a área de estudos e investigación da propia Axencia Turismo de Galicia- para "permitir unha toma de decisións baseada en datos e para orientar correctamente as estratexias do turismo galego", especifica.
Entre os datos que requiren nesa nova plataforma informática para Turismo de Galicia figuran algúns coma o "rendemento das chegadas históricas a destinos", a "predición do rendemento futuro dos billetes de avión para comprender con precisión os patróns de comportamento", "actualizacións en tempo real do estado das reservas para medir o impacto da crise ou outros eventos inesperados nos fluxos de visitantes" ou "análise precisa do perfil dos visitantes" a través da información dos seus billetes. Toda a información debe referirse aos tres aeroportos galegos e tamén ao Sá Carneiro.
Atendendo aos prazos co contrato, a Xunta prevé dispor deste servizo a partir de decembro deste 2021. Deixará de ter información "moi escasa" sobre a chegada de turismo por vía aérea, daquela, apenas vinte días antes de que comece a operar comercialmente o AVE á Meseta e cando xa vai transcorrida a metade do Xacobeo 2021-2022.