No ano 2013 dúas das tres cidades galegas con aeroporto tiñan gobernos do PP con maioría absoluta. Foi daquela, no inicio da segunda lexislatura con Alberto Núñez Feijóo na Presidencia cando a Xunta decidiu dar un paso concreto a respecto da "coordinación" das terminais. Tras anos expresando o desexo xenérico de que Lavacolla, Alvedro e Peinador funcionasen como "un aeroporto único" con "tres pistas" o Goberno galego puña sobre a mesa 30.000 euros para encargar un informe que serviría de base a un plan estratéxico do sistema aeroportuario galego. Facíao malia non ter competencias ao respecto e mentres o Ministerio de Fomento, que si as ten, elaboraba un documento semellante. Apenas un ano despois o propio Feijóo daba un paso atrás na materia e agora, xa sen ningún goberno conservador nestas urbes, profunda nesa postura cun duro ataque aos alcaldes da Coruña, Santiago e Vigo.
Como avanzou Praza.gal, o contrato daquel informe reclamáballe á empresa adxudicataria do contrato -un proceso negociado sen publicidade que finalizou cun custo de 28.000 euros- unha "análise da situación do transporte aéreo en Galicia e na rexión norte de Portugal". En concreto, a Xunta pedía un documento que detallase "a oferta de voos dende as tres terminais de Galicia, analizando a viabilidade de cada un". Adicionalmente, pedíalle á consultora encargada do traballo "unha análise dos acordos establecidos" polas Administracións públicas coas aeroliñas, "especialmente" coas de baixo custe. Con datos coma esta, indicaba, a Xunta aspiraba a poder "explicar a situación actual dos aeroportos de Galicia e definir as liñas mestras que definan a xestión que debe realizarse a curto e medio prazo".
Dende que a Xunta encargou e pagou aquel informe o Ministerio de Fomento tamén culminou o seu e, adicionalmente, puxo en marcha o Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, un órgano interadministrativo que polo momento apenas deu resultados concretos. Mentres, os novos alcaldes da Coruña e Santiago, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, lanzaron varias mensaxes a prol da "coordinación" e instaron a Xunta a canalizala, mentres que o rexedor vigués, Abel Caballero, asegurou estar "disposto á cooperación" sempre que "ninguén lle pida a Vigo que paralice o seu despegue aeroportuario".
En 2013 a Xunta pagou case 30.000 euros por un informe para, entre outros aspectos, coñecer os acordos coas aeroliñas dos concellos, aos que agora reclama eses datos
É neste punto no que agora, con melloras nos tráficos dos tres aeroportos e de novo entre acusacións cruzadas de norte a sur, o propio Feijóo advirte de que se mantén fóra da escena. "A coordinación aeroportuaria é necesaria con independencia de que o número de pasaxeiros suba ou baixe", dixo este xoves o presidente, quen sen concreción ningunha asegura agora que o seu Goberno non realizará acción ningunha ata que "os alcaldes se deixen de liortas" que manteñen para, acusa, "quedar ben diante dos seus cidadáns e rirse dos cidadáns no seu conxunto".
Co informe encargado en 2013 definitivamente gardado nas gabetas de San Caetano o presidente evidencia agora que "lamentablemente, a comunidade autónoma non ten ningunha competencia aeroportuaria, ningunha -o PP levou no seu programa de 2009 reclamar ese traspaso-" e asegura que a "coordinación" só dependerá dun "exercicio de vontade dos alcaldes, de Aena e da Xunta". Pero para realizala, afirma, "temos que saber cales son as axudas dos concellos as aeroliñas", as mesmas que pediu coñecer en 2013 a través do devandito informe. "Mentres [os concellos] neguen esa información, non é posible facer ningunha coordinación", di.
Así as cousas, mentres o novo ministro de Fomento non semella incluír entre os seus plans iniciativas concretas para os aeroportos galegos, o conflito semella que regresará a onde leva máis tempo. Para Feijóo pouco máis hai que "plantexamentos interesados dos alcaldes" que, acusa, "utilizan os aeroportos como arma política para ir contra a cidade do lado" e "gañar votos" na propia.