A Xunta deslígase da coordinación dos aeroportos en vésperas electorais

Hernández, presentando o autobús a Lavacolla con Conde Roa © Conchi Paz

Poucos asuntos como a xestión aeroportuaria serven para aguilloar tanto e tan facilmente as proclamas localistas en Galicia. Como adoito, a proximidade das eleccións municipais fixo resucitar estas actitudes nas tres cidades dos tres aeroportos: A Coruña, Santiago e Vigo. Neste contexto o Goberno galego, que chegou a gastar case 30.000 euros na compra dun "plan estratéxico" nos tempos de Agustín Hernández como conselleiro para a coordinación das tres terminais mentres o Goberno central elaboraba un documento semellante, deslígase do conflito e déixao nas mans do Ministerio de Fomento, que ostenta a competencia, pero tamén dos respectivos concellos, que volven manexar con soltura a posibilidade de subvencionar as aeroliñas sen contar cos veciños.

Aínda que no programa co que gañou as eleccións de 2012 o PPdeG comprometeu o "funcionamento conxunto e coordinado dos tres aeroportos de Galicia" o Goberno galego vén de confirmar que se bota a un lado. En resposta a unha pregunta parlamentaria formulada pola deputada do BNG Ana Pontón sobre a "actuación dos alcaldes do PP a respecto da coordinación dos aeroportos" a Consellería de Infraestruturas subliña que "a xestión aeroportuaria é unha competencia estatal", aínda que a Xunta realiza "traballos de análise e seguimento" da "política proposta e executada dende o Goberno central, na medida que son infraestruturas estratéxicas na nosa comunidade".

A Xunta limítase agora a evidenciar que "hai que conseguir" a coordinación dos aeroportos "en beneficio de todos"

Neste contexto, a Xunta remítese ao devandito "plan estratéxico" e tamén á "reunión constitutiva do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia", celebrada na primavera de 2014, para lembrar que o Goberno galego xa lle explicou a AENA as súas "consideracións" sobre o tema, que pasan por "promover Galicia como destino único" e "intentar favorecer a mobilidade e o acceso ás diferentes terminais aeroportuarias". Isto sucede mentres "as cidades traballan por incrementar a competitividade dos seus aeroportos e por gañar visitantes". "O que hai que conseguir entre todos -conclúe a Xunta- é facer compatibles eses obxectivos de cada cidade e coordinalos en beneficio de todos".

Tráfico en Galicia e no Porto

Así as cousas, mentres o alcalde de Vigo acusa a Xunta de financiar o aeroporto de Santiago ás agachadas, o goberno local compostelán insinúa que poboación coruñesa e viguesa é reticente a tomar avións en Compostela malia contar con novas rutas e o Concello coruñés se apresura en inxectar fondos en Alvedro, o certo é que os aeroportos galegos remontaron moi levemente o seu número de viaxeiros e viaxeiras en 2014, aínda que competindo entre si. Segundo os datos de AENA o pasado ano pasaron por Lavacolla, Alvedro e Peinador uns 3,8 millóns de persoas, mentres que en 2013 foran algo menos de 3,6.

Os aeroportos galegos medraron levemente en 2014 tras perder pasaxeiros durante a crise

Por aeroportos, o de Santiago superou por quinto ano consecutivo os 2 millóns de pasaxeiros, quedando nuns 2,08 que supoñen un leve incremento do 0,5% e que implica volver a unha evolución interanual positiva tras perder máis dun 10% en 2012 e un 5,5% en 2013. O aeroporto coruñés pechou o pasado ano achegándose ao millón de pasaxeiros, cun total de 988.834 que supoñen un medre do 17,7%, o maior das tres terminais. Peinador, pola súa banda, creceu un chisco, toda vez que os seus 680.387 pasaxeiros son un 0,2% máis que os obtidos un ano antes.

Mentres isto sucede en Galicia e mentres o Ministerio de Fomento non contempla escenario ningún que non pase por un sistema aeroportuario galego a tres o principal competidor de Lavacolla, Alvedro e Peinador, o Sá Carneiro do Porto, continúa nunha senda de crecemento sostido no tempo. Así, e á espera de coñecer os datos definitivos do último trimestre de 2014 -publicaranse nos primeiros días de marzo-, o Instituto Nacional de Estatística de Portugal indica que, en plena crise económica e mentres os aeroportos galegos perdían tráfico, o Sá Carneiro ía medrando ano tras ano.

En 2009, cando a Xunta comezaba a promocionar Galicia como "cidade única", os aeroportos galegos tiveron 4,1 millóns de viaxeiros e a terminal portuense, 4,4. No último ano completo que é posible comparar, o 2013, os aeroportos de Galicia acumulaban 3,6 millóns de pasaxeiros, un 12,7% menos, e o Sá Carneiro rexistraba 6,3 millóns, un 41,4% máis que cinco anos atrás. A finais do mes de setembro o aeroporto do Porto xa sumaba 5,3 millóns de viaxeiros embarcados e desembarcados, superando xa a suma de todo o ano nos tres aeroportos galegos. Mentres, no conxunto do ano, os aeroportos de Galicia medraron pouco máis do 4%, manténdose así a fenda co Sá Carneiro.

O Metro do Porto chegando ao Sá Carneiro © Aeroportos de Portugal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.