Que foi do "aeroporto único" galego?

Mencións aos aeroportos nos programas electorais do PPdeG CC-BY-SA Praza Pública

Aposta decidida por "un aeroporto único" con "tres terminais". E por logralo "con ou sen os concellos". No outono de 2009, hai agora sete anos, o presidente da Xunta expuña os plans que o novo Goberno galego tiña para o "sistema aeroportuario" do país. Dende San Caetano púñanse sobre a mesa axudas e ideas para lograr que Galicia operase como un "destino único" aeroportuario nos mercados internacionais e facíao, denunciaba o presidente, malia non ter competencias e ante o que definía como "absoluto abandono" do Ministerio de Fomento, dirixido dende poucos meses atrás polo socialista José Blanco. Máis de media década despois case ninguén lembra aquel "destino único" e a evolución de Alvedro, Lavacolla e Peinador segue respondendo, fundamentalmente, a dinámicas locais e aos intereses das compañías aéreas, principais beneficiadas en máis dunha ocasión das liortas galegas.

Dende o ano en que o presidente lanzou a promesa da "cidade única" a crise recruou e o tráfico das terminais galegas incrementou levemente ata 2011, caeu notablemente ata 2014 e volveu remontar no último ano. Mentres os tráficos caían o que aumentou, e moi singnificativamente, foron as acusacións entre os concellos con aeroporto, leas localistas que protagonizaron, ciclicamente, rexedores como o vigués Abel Caballero, o coruñés Carlos Negreira ou os composteláns Ángel Currás e Agustín Hernández, este último pasando de apelar á "coordinación" entre os tres aeroportos, mentres foi conselleiro de Infraestruturas, a dirixir un goberno que chegou a proclamar que parte do problema pasaba polos receos de coruñeses e vigueses a coller o avión en Santiago.

As apelacións xenéricas á "cooperación" por parte do Comité de Coordinación, lanzado por Fomento, combináronse nestes anos coa competencia interna entre as terminais galegas

Alén dos cruzamentos de declaracións, as principais novidades neste eido pasaron nos últimos anos pola constitución do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, auspiciado por Fomento -titular das competencias- e participado tamén por Xunta e concellos, ademais de por representantes do sector turístico. Na súa xuntanza de finais de 2015, tras as mudanzas de cor política nos gobernos da Coruña e Santiago, Fomento non foi moi alén de defender xenericamente a "cooperación" no esquema a tres que mantén a partir dun estudo presentado en 2013, os novos alcaldes coruñés e compostelán instaron a, cando menos "coordinar" as políticas de axudas ás aeroliñas para que "non se beneficien das guerras localistas" e o vigués Caballero advertiu de que "ninguén lle pode pedir a Vigo que paralice o seu despegue aeroportuario".

Mudanza de actitude na Xunta e no PP

Mentres todo isto sucedía produciuse tamén unha mudanza de postura por parte da Xunta, Administración que no primeiro treito do mandato de Feijóo encabezou o debate malia carecer, como agora, das competencias. Tras gañar as eleccións cun programa electoral que defendía "o traspaso dos aeroportos galegos" á Xunta "para a súa xestión máis eficaz e para satisfacer as necesidades dos cidadáns e das empresas", o Executivo mercou por 30.000 euros a elaboración dun "plan estratéxico" para os aeroportos mentres Fomento elaboraba o seu e instaba as cidades a poñerse de acordo. No entanto, en 2014 e por boca do propio presidente o Goberno galego retirouse dialecticamente da cuestión. A competencia "é do Goberno de España, que a exerza", dixo Feijóo, xa con Ana Pastor como ministra de Fomento.

Feijóo pasou de defender o traspaso dos aeroportos da Xunta e a promoción como "cidade única" a reiterar que as competencias "son do Goberno de España, que as exerza"

Neste contexto, no último programa electoral do PPdeG, co que gañou as eleccións galegas o pasado setembro, as referencias ao "sistema aeroportuario galego" son moito máis xenéricas que no documento de 2009. A Xunta, dixeron desta volta os populares, traballará "coas demais administración para a coordinación da imprescindible promoción turística" e "fomentará" unha "adecuada conexión" dos aeródromos a través de transporte público. Nada queda xa, polo tanto, do "aeroporto único", para o que Feijóo propuña as siglas GLC nun xermolo dunha idea que só chegou a 'mercar' parcialmente a compañía Vueling cando tiña como máximo responsable ao ex-ministro de Industria do Goberno de Aznar, Josep Piqué.

A evolución dos tráficos

Con este pano de fondo, a relativa mellora das condicións económicas e as recentes decisións das compañías aéreas -a máis recente, o anuncio de Lufthansa de conectar Lavacolla con Francfort e Munich- permite que as cifras das tres terminais do país sexan volvan mellorar tras anos de caídas. Así, os tres aeroportos melloraron os seuse rexistros en 2014 e 2015 a respecto dos anos anteriores: Santiago finalizou o pasado exercicio con 2,3 millóns de persoas embarcadas e desembarcadas, Alvedro con 1,02 millóns e Peinador, con algo máis de 700.000. 

As cifras acumuladas no que vai de ano permiten augurar, igualmente, unha progresión. Entre xaneiro e outubro pasaron polos aeroportos galegos un total de 3,8 millóns de persoas. Máis da metade, 2,2 millóns, fixérono polo aeroporto da capital galega, mentres que unhas 892.000 corresponden á Coruña e as restantes, a Vigo, que con máis de 821.000 pasaxeiros xa superou, ata finais de outubro, as súas cifras de todo 2015.

Así e todo, a lixeira mellora dos aeroportos galegos non vai permitir que, nin de lonxe, poidan aspirar a equipararse co seu principal competidor, o aeroporto Sá Carneiro do Porto. Despois de comenzar o século con cifras moi semellantes -e mesmo sendo superiores as galegas, nalgúns anos-, a aposta estratéxica de crecemento portuense comezou a dar resultado mentres en Galicia continuaba a competencia interna. Así, por exemplo, durante os anos de caída do tráfico nas terminais galegas a do Porto medrou de xeito sostido e acelerou o medre nos tres últimos anos: en 2015 os tres aeroportos galegos apenas superaron os 4 millóns de pasaxeiros e o do Porto achegouse aos 8 millóns, cifra que vai camiño de incrementar neste 2016.

Aeroporto Rosalía de Castro © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.