Así podería chegar a estenderse o aeroporto de Santiago, segundo Aena

Vista do aeroporto de Santiago e, superposto, o máximo desenvolvemento posible contemplado por Aena © Google Maps | Aena

A empresa pública tramita o planeamento urbanístico das terminais compostelá e viguesa suxerindo á Xunta para Lavacolla unha “área de cautela” para unha hipotética segunda pista

A Xunta anunciou este xoves no Diario Oficial de Galicia a exposición ao público dos plans urbanísticos que regulan a implantación actual e evolución futura dos aeroportos de Santiago e Vigo. Os documentos, elaborados por Aena, a empresa pública encargada da xestión das terminais, reflicten parte dos plans de crecemento xa aprobados para os dous aeroportos, pero van máis alá e delimitan o que denominan “Máximo Desenvolvemento Posible”, unha “recomendación” ás administracións para que “preserven” eses espazos como lugares nos que pode ser preciso ampliar os aeroportos “a moi longo prazo”. 

No caso de Vigo, onde se quere construír unha pista de rodada paralela á pista de aterraxe e despegue actual, esa superficie é menor, pero no de Santiago o documento debuxa unha segunda pista transversal á actual.

Aena sinala que “non establece determinacións vinculantes, senón que é unha recomendación ao planeamento urbanístico co ánimo de preservar a visión estratéxica do aeroporto a moi longo prazo"

Os documentos agora expostos ao público para a súa posterior aprobación por parte da Xunta como administración responsable da ordenación urbanística trasladan a ese ámbito, o urbanístico, a través das figuras de senllos plans sectoriais de incidencia supramunicipal, as instalacións xa construídas ou previstas nos dous aeroportos nos respectivos plans directores de cada aeroporto de Aena. Nos documentos se sinala que o denominado Máximo Desenvolvemento Posible “non establece determinacións vinculantes, senón que é unha recomendación ao planeamento urbanístico co ánimo de preservar a visión estratéxica do aeroporto a moi longo prazo, máis alá do Horizonte 3 fixado xeralmente como límite do Desenvolvemento Previsible do mesmo”.

No caso de Santiago, o aeroporto, con algo menos de 3 millóns de pasaxeiros ao ano, non chegou aínda ao denominado Horizonte 2, fixado en 3,2 millóns de viaxeiros. E o Horizonte 3 está en 4,17 millóns. Pero o Máximo Desenvolvemento Posible vai máis alá deses tres horizontes e sinala “as Áreas de Cautela Aeroportuaria, entendendo por tales aquelas que a administración debera preservar para posibilitar o posible desenvolvemento último do aeroporto”.

En Vigo a principal novidade sería a construción dunha longamente reclamada pista de rodada paralela á pista de aterraxe actual que afectaría a boa parte dos terreos ocupados actualmente por un campo de golf

Esa hipotética futura ampliación de Lavacolla non só contaría cunha nova pista de aterraxe e despegue transversal á actual senón tamén cunha segunda terminal, todo disposto sobre montes que actualmente están cubertos maioritariamente por plantacións de eucalipto. Son debuxos que a propia Aena advirte que realiza “con carácter indicativo, a fin de que o planeamento urbanístico poida telas en conta para evitar a implantación de usos incompatibles con futuras ampliacións”. Pero a “inclusión, cando proceda” desas zonas dentro do sistema aeroportuario deberá realizarse a través dun novo plan director do aeroporto, competencia do Ministerio de Fomento.

No caso de Vigo, a principal novidade sería a construción dunha longamente reclamada pista de rodada paralela á pista de aterraxe actual que facilitaría os movementos das aeronaves e a axilidade dos despegues e aterraxes e que afectaría a boa parte dos terreos ocupados actualmente por un campo de golf do Real Aeroclub de Vigo. 

Máximo desenvolvemento posible de Peinador © Aena

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.