Enésimo capítulo do bucle aeroportuario galego. Os alcaldes das tres cidades con aeroporto, a conselleira de Infraestruturas, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia e o vicepresidente das Cámaras de Comercio galegas sentaron este xoves á mesma mesa que a ministra de Fomento, o secretario de Estado de Fomento e o presidente de AENA. Tratábase dunha xuntanza do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia e, paradoxalmente, celebrábase en Madrid. Máis de ano e medio despois da última xuntanza o encontro rematou practicamente como comezara, agás dous acordos de tipo técnico a respecto do fomento da mellora da "conectividade" entre as tres terminais mediante transporte público.
Os alcaldes da Coruña e Santiago instan a Xunta a "liderar" a coordinación e o de Vigo acúsaa de "querer pechar" Peinador
Tras semanas de acusacións e tamén dalgunhas alertas localistas -o PP da Coruña, por exemplo, cargou contra o goberno local por un suposto "sometemento" a Santiago- se en algo cadraron os tres concellos implicados foi en lamentar que a Xunta opte por desligarse da "coordinación" aeroportuaria, como xa fixera antes das eleccións municipais malia manexar un "plan estratéxico" sobre a devandita coordinación no que investira 30.000 euros. Así, por exemplo, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, lamenta que o Goberno galego "se poña de perfil" no canto de "premiar dalgún xeito os concellos que están dispostos a cooperar, Santiago e A Coruña".
"Se queremos ter unha política aeroportuaria real en Galicia debe ser conxunta, polo que pedimos ao Goberno galego que asuma o papel de liderar e coordinar", agrega o rexedor coruñés, Xulio Ferreiro. Mentres, para o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a intención da Xunta é "pechar o aeroporto de Vigo", vontade que atribúe persoalmente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O debate da "cooperación" e as axudas
Ferreiro rexeita "subvencionar compañías que o único que fan é beneficiarse do localismo"
Neste escenario, as chamadas á "cooperación" chegaron, esencialmente, dende A Coruña e Santiago. Esa política, di Ferreiro, debe ser a que guíe tamén o investimento público en promoción: "Se cómpre gastar os cartos dos contribuíntes en políticas de promoción para atraer máis voos e conexións non hai outro xeito que facelo de forma común e coordinada", indica o rexedor coruñés, en cuxa opinión "non podemos poñernos a gastar cartos da veciñanza en promocionar voos, en ocasións con baixa ocupación" nin "subvencionar compañías que o único que fan é beneficiarse das guerras localistas".
Noriega insta a colaborar para "rebaixar as demandas das aeroliñas"
A "colaboración" na que, afirma Noriega, veñen traballando os seu goberno e mais o coruñés debera servir para "rebaixar as demandas das aeroliñas". Cando se fala de subvencionar voos, resalta, "non se deben ter en conta as cantidades totais, senón o que supoñen esas achegas en relación aos viaxeiros, porqeu as cifras falan de que en Vigo se van subvencionar billetes a 200 euros", asegura.
Caballero advirte de que "ninguén lle pida a Vigo que paralice o seu despegue aeroportuario"
A este respecto, Caballero -que tivo que abandonar a xuntanza antes do remate para non perder o avión de regreso- asegura que a súa proposta é de "axudas cero para todos", sempre e cando se "compense a Peinador polas que non recibiu nos últimos anos mentres si o facían os aeroportos da Coruña, Santiago e Porto". "Critican as axudas de Vigo, pero non din nada das súas", censura o rexedor vigués, quen se amosa "disposto a toda a cooperación, pero que ninguén lle pida a Vigo que paralice o seu despegue aeroportuario". Dende o seu punto de vista, Ferreiro e Noriega critican a súa estratexia porque os seus concellos non dispoñen de fondos para subvencionar aeroliñas.
Porto segue líder
Mentres os alcaldes definen as súas posturas, a Xunta non remata de facer o propio e a ministra de Fomento, actualmente máxima responsable das competencias aeroportuarias, reitera que "o mellor para Galicia é a coordinación aeroportuaria entre todas as institucións e a sociedade civil", as cifras amosan ás claras que as disquisicións aeroportuarias galegas e a estratexia a tres bandas segue a ter un beneficiario esencial: o aeroporto Sá Carneiro do Porto, que no primeiro semestre do ano moveu 3,6 millóns de pasaxeiros mentres Lavacolla, Alvedro e Peinador sumaron entre os tres 1,8 millóns, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística de Portugal e mais de AENA.
Na primeira metade do ano Sá Carneiro moveu 3,6 millóns de persoas e os aeroportos galegos, 1,8 millóns
Os datos da primeira metade de 2015 van na liña dos anos anteriores, nos que a terminal portuense amosou un crecemento sostido mentres os aeroportos galegos perdían tráfico ou o sumaban moi lixeiramente. Unha ollada á última media década permite observar, por exemplo, que o tráfico dos aeroportos galegos aumentou entre 2009 e 2011 un 8% mentres no Porto o crecemento era do 33%. Entre 2011 e 2013 os aeroportos galegos perderon case un 20% do seu tráfico de pasaxeiros mentres o Sá Carneiro seguía avanzando un 6%.
Este crecemento sostido do Porto, referencia aeroportuaria tamén para moitas persoas en Galicia, amosa ás claras o fracaso da tripla estratexia galega. No ano 2009 a diferenza entre o tráfico de pasaxeiros galego e o portuense era de pouco máis de 300.000 persoas, con 4,1 millóns en Galicia e 4,5 en Portugal. Os datos do último exercicio completo, o 2014, indican que embarcaron e desembarcaron no Sá Carneiro 6,9 millóns de persoas e, mentres, Lavacolla, Alvedro e Peinador, entre os tres, non pasaron dos 3,8 millóns malia medrar un 4,5% a respecto do ano anterior.