Recorte na taxa turística aos cruceiros: os portos da Coruña e Vigo preparan o terreo

Un cruceiro marchando da Coruña tras facer escala na cidade o pasado setembro CC-BY-NC-SA Praza.gal

Os presidentes das autoridades portuarias coruñesa e viguesa, elixidos pola Xunta, piden á vez que o Goberno galego aproveite os Orzamentos de 2026 para cambiar a lei e só teñan que pagar o tributo turístico de 1,5 euros por pasaxeiro os cruceiros que fagan noite nas cidades

Dende o pasado 29 de setembro está en vigor na Coruña a taxa turística e dende dous días despois, en Santiago. En ambos casos o novo tributo é formalmente unha recarga sobre a taxa que a Xunta accedeu a crear, pero cun desconto do 100%, polo que queda nas mans dos concellos cobralo polas estancias en hoteis e outros establecementos turísticos e, para as localidades costeiras, tamén aos cruceiros.

No caso coruñés a parte da taxa turística que atinxe ao fondeo ou amarre de cruceiros, 1,5 euros "por cada período de vinte e catro horas ou fracción", comeza a aplicarse o 1 de xaneiro de 2026. Antes de que iso suceda, a Autoridade Portuaria da Coruña vén de emprender manobras para tentar que a Xunta obrigue a aplicar un forte desconto. O mesmo reclama o Porto de Vigo mesmo antes de que o Concello vigués remate de redactar a normativa para aplicar a taxa.

Cruceiros no porto de Vigo © Autoridade Portuaria de Vigo

As autoridades de ambos portos -infraestruturas estatais, pero cuxas presidencias son designadas polo Goberno galego- coordináronse para, este pasado 6 de outubro, lanzaren idénticos pronunciamentos públicos coa mesma petición á Xunta. Que, aproveitando o trámite dos Orzamentos Xerais de 2026, modifique a lei que rexe a taxa turística para, a efectos prácticos, liberar do seu pagamento a gran parte dos cruceiros.

Ambos portos esgrimen que a taxa turística vai en sentido contrario da súa "política tarifaria", coa que descontan o 40% das taxas portuarias ás navieiras para "incentivar a chegada de cruceiros"

O presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, o ex-deputado do PP Martín Fernández Prado, defende como "lóxico" que "os cruceiristas abonen a taxa só se pernoctan na cidade". Porque "ademais -argumenta- debe terse en conta que unha porcentaxe" que non especifica "dos cruceiristas nin sequera chegan a baixar do barco". A súa petición consiste en que as navieiras só teñan que pagar os 1,5 euros por pasaxeiro ao Concello da Coruña se o barco pasa a noite na cidade. En caso contrario, ficarían exentos.

Entre as razóns esgrimidas por Fernández Prado está que ese euro e medio por día "poría en risco a competitividade do porto fronte a outros destinos" e pon como exemplo o cruceiro Independence of the Seas, que chega ao porto coruñés este 7 de outubro con 4.300 turistas a bordo que suporían un ingreso de 6.450 euros por taxa turística. Agrega ademais que a taxa turística colisionaría coa política do propio porto, que desconta un 40% -o máximo legal permitido- nas taxas portuarias a estas navieiras "precisamente para incentivar a chegada de cruceiros".

A esa mesma "política tarifaria" alude o presidente do porto de Vigo, Carlos Botana, para esixir a mesma modificación legal e invalidar a taxa turística aos cruceiros mesmo antes de que o Concello a aprobe. Tanto Botana como Fernández Prado resaltan na petición ao Goberno que os nomeou eventuais prexuízos para o emprego na cidade se a taxa continúa sen cambios.

O turismo de cruceiros está a bater récords no noso país, con máis de 636.000 turistas por esta vía o pasado ano, máis de 400.000 deles na Coruña. 

Estas petición de descontos prodúcense nun contexto no que o turismo de cruceiros está a bater récords no noso país. Os datos definitivos de 2024 apuntan a que os cinco portos galegos de interese xeral do Estado recibiron 281 cruceiros e algo máis de de 636.000 cruceiristas, 23 buques e case 80.000 turistas máis que no ano previo. Algo máis deses 400.000 cruceiristas pasaron polo porto da Coruña e máis de 200.000, polo de Vigo.

A petición das autoridades portuarias da Coruña e Vigo contrasta coa aplicación da taxa turística a cruceiros en portos doutros puntos do Estado con máis bagaxe neste tipo de tributo. É o caso de Barcelona, onde os cruceiros pagan 7 euros por persoa e día (6 euros se pasan na cidade máis de 12 horas) nun porto que o pasado 2024 recibiu 3,57 millóns de pasaxeiros por esta vía, case 87.000 máis que o ano previo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.