O petroleiro noruegués Front Ocelot inaugurou este venres a terminal de Repsol no Porto Exterior da Coruña coa presenza do presidente da compañía, Antonio Brufau e do presidente da Xunta, Alfonso Rueda
Unha das reivindicacións máis repetidas nos meses que seguiron ao desastre do Prestige foi a de que Galicia debía contar cun porto refuxio para a xestión dos buques con mercadorías perigosas, coma os grandes petroleiros e de que estes, nomeadamente, debían deixar de entrar no porto da Coruña. Entre as promesas do Plan Galicia figuraba a construción dun Porto Exterior nas proximidades da cidade herculina onde trasladar as operacións de carga e descarga da refinaría de Repsol.
O Porto Exterior comezou a entrar en servizo hai máis dunha década cun investimento de máis de 700 millóns de euros que hipotecou as contas da Autoridade Portuaria e xustificou unha millonaria operación inmobiliaria nos peiraos interiores da cidade, hoxe aínda en debate. Porén, os petroleiros seguiron entrando no peirao de San Diego. Ata este venres.
Unha das reivindicacións máis repetidas nos meses que seguiron ao desastre do Prestige foi a de que Galicia debía contar cun porto refuxio para a xestión dos buques con mercadorías perigosas, coma os grandes petroleiros e de que estes, nomeadamente, debían deixar de entrar no porto da Coruña
O petroleiro noruegués Front Ocelot atracou na tarde deste xoves en Punta Lagosteira nas instalacións que Repsol posúe no Porto Exterior e nas que poden operar buques de ata 200.000 toneladas de peso morto. O pantalán de Repsol, de 520 metros de lonxitude e cun investimento total de 126 millóns de euros (que inclúen os 80 millóns que custou o poliducto que o conecta coa refinaría), foi inaugurado este venres nun acto no que participaron o presidente da compañía, Antonio Brufau, e mais o da Xunta, Alfonso Rueda.
Ás tres da tarde o barco iniciou a descarga de apenas unhas 15.000 toneladas de cru, unha cantidade cativa que serviu para poñer en marcha as instalacións. No acto de inauguración, que precedeu á operación, Brufau salientou que Repsol considea a refinaría da Coruña un "punto estratéxico clave" da compañía. Pola súa banda, Rueda destacou que a terminal marítima de Repsol "dá sentido" ao Porto Exterior e lembrou que o proxecto se iniciou co desastre do Prestige, hai xa máis de vinte anos.
Os petroleiros deixan de atracar no peirao de San Diego, que aínda xestionará durante catro anos barcos de menores dimensións con produtos refinados (gasolina, diésel ou fueloil) procedentes da refinaría
O presidente da Xunta sinalou que Galicia "gaña "cunha nova infraestrutura fundamental para o desenvolvemento da Coruña e da súa comarca e salientou que “hoxe é un día de celebración” pola posta en marcha dun proxecto que levou moitos anos e no que traballaron “gobernos de todas as cores” en beneficio de todos.
Dende agora, os petroleiros deixarán de entrar no porto interior da Coruña. Porén, o peirao petroleiro de San Diego, no que Repsol ten concesión ata o ano 2027, seguirá operando catro anos, aínda que unicamente con barcos de menor tamaño, empregados para o transporte de produtos refinados (gasolina, diésel ou fueloil) procedentes da refinaría, que representan aínda o 40% do volume deste peirao petroleiro. Ao Porto Exterior xa foran trasladados os tráficos doutras mercadorías perigosas e graneis sólidos.
Rueda destacou que a terminal marítima de Repsol "dá sentido" ao Porto Exterior e lembrou que o proxecto se iniciou co desastre do Prestige, hai xa máis de vinte anos
Unha vez se complete o traslado da actividade de Repsol ao Porto Exterior, a cidade da Coruña deixará de recibir a carón das súas zonas residenciais buques petroleiros que na historia recente deixaron páxinas tan negras coma a do Prestige e, anteriormente, as do Mar Exeo ou o Urquiola. Non era só que fronte ás costas galegas pasasen a diario un gran número de barcos con mercadorías perigosas e con condicións e controis de seguridade máis que mellorables. Unha parte deles tiñan que entrar e saír do porto da Coruña, especialmente os petroleiros que cargaban ou descargaban na terminal marítima de San Diego.
Unha vez se complete o traslado da actividade de Repsol ao Porto Exterior, a cidade da Coruña deixará de recibir a carón das súas zonas residenciais buques petroleiros que na historia recente deixaron páxinas tan negras coma a do Prestige e, anteriormente, as do Mar Exeo ou o Urquiola
Facíano ademais nun porto cunhas condicións de acceso complexas para buques de gran tamaño, debido en parte á presenza das chamadas agullas do Urquiola, unhas rochas submarinas na principal canle de ingreso na rada herculina que no ano 1976 provocaran o accidente daquel petroleiro e que en 1992 fixeron que o Mar Exeo optase polo camiño -máis perigoso- que o levou a ter o accidente. Nos anos seguintes ao desastre do Mar Exeo nada se fixo coas agullas do Urquiola e no 2002 esta foi unha das razóns que levou a desaconsellar o ingreso do Prestige no porto da Coruña para transvasar o seu fuel tras o seu sinistro. As agullas foron finalmente demolidas no ano 2003, nunha operación que custou apenas medio millón de euros e que podería ter evitado os dous desastres.
Aínda que o acceso pola canle principal de ingreso ao porto da Coruña é dende entón máis doada, recoméndase cada vez con máis énfase o traslado dos tráficos perigosos a terminais afastadas dos centros urbanos, como se está a facer en Punta Lagosteira, un proceso que se completará nos vindeiros anos. A existencia do propio Porto Exterior da Coruña (e tamén o de Ferrol) ofrecen ademais a posibilidade de que funcionen como portos-refuxio no caso de que un buque se atope en problemas fronte ao litoral galego, reducindo a posibilidade de repetir desastres medioambientais coma os sufridos co Prestige e tamén co Andros Patria, o Casón e outros.