Hai ano e medio o Concello da Coruña, a Xunta, Puertos del Estado e a Autoridade portuaria coruñesa acordaron a futura venda dos terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, que pasarían a pertencer nun 75% ao Concello e nun 20% á Xunta, ademais dun 5% que mantería o Porto
Hai ano e medio o Concello da Coruña, a Xunta, Puertos del Estado e a Autoridade portuaria coruñesa acordaron a futura venda dos terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, que pasarían a pertencer nun 75% ao Concello e nun 20% á Xunta, ademais dun 5% que mantería o Porto, nunha operación que roldaría os 20 millóns de euros e que se levaría ata o ano 2035.
O acordo, que foi moi criticado nese momento por Marea Atlántica e BNG, por pagar con diñeiro público da cidade por uns terreos que xa son públicos e que sempre pertenceron á Coruña, buscaba garantir o carácter público deste espazo de 65.000 metros cadrados moi próximo ao centro da cidade, asegurando deste xeito que quedaría fóra de calquera operación de construción de vivendas ou espazos comerciais (uns usos que en principio ficaran xa descartados en 2017). A compra dos terreos por parte de Concello e Xunta procuraba ademais aliviar a débeda -duns 200 millóns de euros- que aínda mantiña a Autoridade Portuaria, produto da construción do Porto Exterior.
Este domingo, no entanto, o voceiro municipal, José Manuel Lage Tuñas, pechou as portas á posibilidade de que o Concello achegue cartos para a adquisición destes terreos
Este domingo, no entanto, o voceiro municipal, José Manuel Lage Tuñas, pechou as portas á posibilidade de que o Concello achegue cartos para a adquisición destes terreos. Lage afirmou no programa A Coruña opina, de Radio Coruña-Cadena SER, que “a cidade non debe pagar por estes peiraos e moito menos cando xa hai diñero da Autoridade Portuaria para resolver os seus problemas de financiamento". O voceiro municipal facía referencia ás declaracións realizadas polo presidente do Porto, Martín Fernández Prado, que ten afirmado que a actividade crecente de Punta Lagosteira, á que se pode engadir a produción de metanol verde a cargo de Maersk, será suficiente para pagar a débeda nos vindeiros anos.
“A cidade non debe pagar por estes peiraos e moito menos cando xa hai diñero da Autoridade Portuaria para resolver os seus problemas de financiamento", dixo en referencia ás declaraciòns do presidente do Porto, que asegurou que a actividade crecente de Punta Lagosteira será suficiente para pagar a débeda
"Non entendo que enredemos en discutir sobre a titularidade dos peiraos cando dixo o presidente do Porto que xa non facía falta pagar. Por que lle estamos preguntando ao Concello que pague por algo que xa non é necesario? O Concello estaba daquela disposto a facer un esforzo para facer viable A Coruña do futuro, pero cando sabemos que non hai que pagar por iso, para que discutimos?", afirmou Lage, que apostou polo uso público dos terreos sen necesidade de mercalos nin desafectalos a través dun pacto entre as distintas institucións. "O que o Goberno local ten na cabeza é A Coruña do futuro, na cal é imprescindible que acordemos con todas as administracións implicadas que é o que se vai a facer neses espazos portuarios", engadiu.
"O que o Goberno local ten na cabeza é A Coruña do futuro, na cal é imprescindible que acordemos con todas as administracións implicadas que é o que se vai a facer neses espazos portuarios", dixo Lage
O cambio de posición do Goberno local coruñés foi celebrado por Marea Atlántica e polo BNG, formacións que sempre se opuxeron á operación agora descartada. Varias cousas mudaron neste conflito nos últimos meses. Por unha banda, a boa marcha do Porto Exterior, con varios proxectos novos en marcha ou no horizonte e a posibilidade, cada vez máis próxima da chegada do tren a Punta Langosteira, imprescindible para facer rendible esta obra millonaria. Polo outro, a propia apertura ao público dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, que no último comezaron a acoller de forma regular concertos, exposicións e outras actividades, permitindo o acceso da cidadanía a este espazo, pechado durante anos. E todo, sen a necesidade de adquiriri previamente os terreos.
Nos últimos meses os peiaraos de Batería e Calvo Sotelo foron abertos ao público
O futuro de Calvo Sotelo e Batería semella claro como espazo público, dotacional e zona verde, independentemente do deseño final escollido e da fórmula que se acorde para a súa titularidade. Un tema moi distinto é a situación do peirao de San Diego, de moito maior tamaño (370.000 metros cadrados) e onde o convenio para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do Porto da Coruña asinado en 2004 por Francisco Vázquez, Francisco Álvarez-Cascos (como ministro de Fomento) e Alberto Núñez Feijoo (como conselleiro de Política Territorial) prevía a construción máis de catro mil vivendas.
Segue enriba da mesa a posibilidade de construír un gran número de vivendas no peirao de San Diego
Neste caso, a posibilidade de construír un gran número de inmobles e de facer negocio nestes terreos nunca foi retirada. Aí é onde partidos políticos, asociacións veciñais e outros movementos sociais están a poñer o foco, reclamando das administracións unha solución que se enmarque nunha proposta integral de cidade, que teña en conta as necesidades de vivenda (A Coruña é unha das cidades con máis vivendas baleiras e son moitas as voces que apostan por camiñar cara a unha cidade compacta, que promova a mellora dos actuais barrios), pero tamén de mobilidade, comerciais e de espazos públicos