A Coruña volve pasear polos seus peiraos: uso público para terreos públicos á espera dunha solución para San Diego

Obras realizadas na entrada do peirao de Calvo Sotelo para a súa apertura ao público © Porto da Coruña

O pasado martes, 1 de novembro, o peirao de Calvo Sotelo abriu definitivamente as súas portas ao público. Coruñeses e coruñesas puideron volver pasear por un espazo portuario que nos últimos anos foi quedando sen actividade polo traslado ao novo porto exterior de Punta Lagosteira, ao igual que o anexo peirao de Batería. En realidade, a recuperación destes espazos para o seu uso cidadán comezou hai ano e medio cando a Autoridade Portuaria decidiu comezar a abrir algúns destes peiraos (tamén o de Trasatlánticos cando non exista actividade de cruceiros) para o paseo e tamén para acoller eventos culturais e de ocio.

Dende hai un ano e medio os peiraos de Calvo Sotelo, Batería e Trastlánticos ábrense ao público e acollen actividades culturais, deportivas e de ocio

Dende entón estes peiraos acolleron concertos (do Noroeste e dúas edicións do festival Noites do Porto), a exposición fotográfica de Peter Lindbergh e mesmo unha noria xigante durante o verán. "É só o primeiro paso para a integración definitiva na cidade dunha das súas principais fachadas marítimas", afirmou nese momento o novo responsable do Porto, Martín Fernández Prado, mudando por completo a política desenvolvida polo seu predecesor, Enrique Losada, que durante anos se negou a dar un uso público a estes terreos públicos xa sen actividade portuaria, a pesar das continuadas demandas do Concello durante o tempo en que a Marea Atlántica estivo á fronte do Goberno municipal e das manifestacións cidadás, coma a que en 2017 reuniu unhas catro mil persoas.

Exposición de Peter Lindbergh no Porto da Coruña © EASD Lugo

Semella que as razóns aludidas no pasado pola Autoridade Portuaria, dende motivos de seguridade ata a esixencia de que Xunta ou Concello lle mercasen ao Estado Central os peiraos, non son na actualidade un obstáculo para estes terreos teñan dende xa un uso público

Semella que as razóns aludidas no pasado pola Autoridade Portuaria, dende motivos de seguridade ata a esixencia de que Xunta ou Concello lle mercasen ao Estado Central os peiraos, non son na actualidade un obstáculo para estes terreos teñan dende xa un uso público. 

Outro dos aspectos que no pasado figuraban como inamobibles para a Autoridade Portuaria xa non o é tanto: o pagamento da débeda de 300 millóns que arrastra o Porto pola construción do Porto Exterior e que o Estado central se nega a condonar, a pesar de que no caso do Porto de Valencia si que o fixo. A obriga de reverter os números vermellos do Porto foi sempre a excusa empregada para xustificar a necesidade de vender a promotores privados uns terreos situados no centro da cidade. E en 2018 o daquela presidente de Puertos del Estado, Jose Llorca, afirmou que "os portos non temos ningunha vocación de facer cidade, queremos pagar débedas"

A obriga de pagar a débeda do Porto e que o Estado central se nega a condonar foi sempre a excusa para vender a promotores privados uns terreos situados no centro da cidade. Porén, agora a Autoridade Portuaria asegura que pode aboar a débeda coa propia actividade de Punta Lagosteira

Aínda que a chegada do PSOE ao Goberno central non supuxo grandes cambios nesta posición, agora a Autoridade Portuaria afirma (fíxoo Fernández Prado nunha entrevista en La Voz de Galicia hai unhas semanas) que a actividade crecente de Punta Lagosteira, á que se pode engadir a produción de metanol verde a cargo de Maersk, será suficiente para pagar a débeda nos vindeiros anos. 

A apertura destes peiraos ao público fíxose mesmo sen que se executase a adquisición dos terreos por parte de Xunta ao Concello, que o pasado ano propuxeron aboar 20 millóns de euros para facerse coa maioría da titularidade de Batería e Calvo Sotelo, na actualidade tereos públicos propiedade do Estado central. En todo caso, a apertura destes peiraos ao público, un innegable paso adiante, preséntase como "provisional" á espera de que se adopte unha decisión sobre o futuro de todos os terreos portuarios, especialmente sobre o peirao de San Diego, que aínda mantén actividade e que é, con moita diferenza, o de maior superficie e (aparentemente) o de maior interese para a realización de operacións inmobiliarias.

Vista aérea do porto da Coruña. O peirao de San Diego, en primeiro termo © Porto da Coruña

A clave segue estando (sempre estivo) no peirao de San Diego, cinco veces máis grande que os restantes espazos portuarios e con maior atractivo inmobiliario

As diferenzas son substanciais. Os peiraos de Calvo Sotelo e Batería, a carón dos Xardíns de Méndez Núñez, en pleno centro da cidade, suman uns 75.000 metros cadrados, mentres que o de San Diego, situado ante os barrios da Gaiteira e dos Castros, ten uns 370.000 metros cadrados. Ademais, o convenio para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do Porto da Coruña asinado en 2004 por Francisco Vázquez, Francisco Álvarez-Cascos (como ministro de Fomento) e Alberto Núñez Feijoo (como conselleiro de Política Territorial) prevía a construción máis de catro mil vivendas no peirao de San Diego e instalar novas grandes superficies comerciais nos de Calvo Sotelo e Batería.

O futuro de Calvo Sotelo e Batería semella claro como espazo público, dotacional e zona verde, independentemente do deseño final escollido e de que finalmente Concello e Xunta teñan que aboar por eles ou non os 20 millóns de euros propostos

A construción de novas superficies comerciais está xa descartada dende hai anos, dado o fracaso de varios dos macrocentros abertos na Coruña hai dúas décadas e do dano que novas iniciativas deste tipo poderían causar ao tecido comercial do centro da cidade. Ademais, vén impoñéndose o consenso de que Calvo Sotelo e Batería contribúan dotar de espazos públicos (zonas verdes, edificios dotacionais, actividades de ocio...) ao centro da cidade. Xunta e Autoridade Portuaria xa renunciaron no 2017 a facer negocio nestes dous espazos.

Porén, segue enriba da mesa a posibilidade de construír un gran número de vivendas en San Diego, a través da privatización de todo o parte destes terreos hoxe públicos, aínda que sexa reformulando as previsións iniciais do convenio de 2004, que proxectaban edificios de ata dez alturas.

Noria instalada este verán nos terreos portuarios da Coruña © Porto da Coruña

Segue enriba da mesa a posibilidade de construír un gran número de vivendas en San Diego, aínda que sexa reformulando as previsións iniciais do convenio de 2004, que proxectaban edificios de ata dez alturas

O futuro de Calvo Sotelo e Batería semella claro como espazo público, dotacional e zona verde, independentemente do deseño final escollido e de que finalmente Concello e Xunta teñan que aboar por eles ou non os 20 millóns de euros propostos. Porén, a clave segue estando (sempre estivo) no peirao de San Diego. Aí é onde partidos políticos, asociacións veciñais e outros movementos sociais están a poñer o foco, reclamando das administracións unha solución que se enmarque nunha proposta integral de cidade, que teña en conta as necesidades de vivenda (A Coruña é unha das cidades con máis vivendas baleiras e son moitas as voces que apostan por camiñar cara a unha cidade compacta, que promova a mellora dos actuais barrios), pero tamén de mobilidade, comerciais e de espazos públicos. E que, de verdade, abra a cidade ao mar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.