A Coruña: Dereito á cidade, dereito a ser mar

Agustín Fernández Paz escribiu que "a cidade é un libro que se le camiñando", de forma semellante a como xa o fixera Víctor Hugo, ao constatar como podía ler nas rúas de París "o antigo París, como un vello texto entre as liñas do novo". A maneira en que unha cidade organiza o seu espazo dinos moito sobre o seu pasado, e de igual xeito a forma en que deseñe no presente o seu urbanismo determinará a súa identidade futura e o benestar dos seus cidadáns e cidadás, o de varias xeracións.

A maneira en que unha cidade deseña no presente o seu urbanismo determinará a súa identidade futura e o benestar dos seus cidadáns e cidadás, o de varias xeracións

A Coruña é mar. Non fai falla buscar demasiado para convencerse desta esencia mariña e mariñeira da Coruña, cidade definida polo seu faro, que tivo o seu berce como vila de pescadores a escasos metros da praia do Parrote, e marcada pola súa xeografía, rodeada polo océano, unha "pedra chantada no océano", para Xurxo Souto, unha "cidade-barco" para Wenceslao Fernández Flórez. Unha Coruña que "naceu do mar" e que "no mar ha ter o seu futuro", como escribe Souto, unha urbe "atlántica, enxebre e cosmopolita" que viviu e segue a vivir da pesca, dende o Gremio de Mareantes ao Muro, e que durante séculos respectou o carácter público e o aproveitamento colectivo da súa franxa litoral.

O proxecto de Celedonio de Uribe para a fachada marítima debuxou a primeira imaxe da cidade que durante décadas verían os viaxeiros que se achegasen por mar ou a derradeira visión dos que marchasen

Mesmo no século XIX, cando a expansión urbana puxo sobre a mesa debate sobre o deseño da fachada costeira sobre a baía, a cidade (tanto a súas institucións coma a súa burguesía dirixente) optou por dedicar eses espazos, en boa medida gañados ao mar, á creación dunha ampla zona verde e de goce cidadán. Non se trataba só de contar un lugar de paseo (que tamén), cun pulmón verde (dificilmente valorable daquela) que refresca e realza o valor das rúas próximas, senón de decidir que imaxe quería dar a cidade de si mesma. O proxecto de Celedonio de Uribe para a fachada marítima debuxou a primeira imaxe da cidade que durante décadas verían os viaxeiros que se achegasen por mar ou a derradeira visión dos que marchasen. No canto de crear un novo barrio nos recheos e no litoral (como sucedeu en tantas urbes costeiras, comezando por Vigo e o seu Areal), escolleu ensanchar A Coruña cun espazo aberto e público.

Catherine Gasquoine Hartley escribiu en 1911 sobre o seu paso pola cidade: “O emprazamento da Coruña é óptimo, situada nun cabo en forma de ferradura entre as enseadas do Orzán polo oeste, e a Baía no leste. Albíscase a cidade aló embaixo moito antes de chegar a ela. Na distancia, e co escintileo dos edificios cubertos de cristal, daba a impresión de ser un grande bando de aves acuáticas brancas pousadas sobre unha rocha entre unha extensión aberta de mar azul”. Non foi a única viaxeira impresionada pola imaxe da fachada litoral da Coruña. Tamén Constantino Suárez en 1923 amosouse abraiado pola visión da baía dende o mar1. E non menos fascinado recoñecía estar Álvaro Cunqueiro en 19522 coa "luz coruñesa" sobre as galerías da Mariña e os Cantóns.

O intento da Autoridade Portuaria de malvender os terreos portuarios para construír catro mil vivendas e grandes superficies comerciais é unha aposta por un modelo de cidade e por un modelo económico desmentido pola realidade e a experiencia

A mediados do século XIX os grupos dirixentes da Coruña, definiron o futuro da urbe para varias xeracións cunha "visión culta da cidade, que debuxou unha relación doce e respectuosa entre a urbe e a natureza, neste caso a ría ou o Atlántico", como destaca Xosé Lois Martínez, coordinador do Grupo de Arquitectura e Urbanismo da UDC. Este crecemento ordenado e relativamente harmonioso da cidade rematou co desarrollismo franquista, coa obsesión polo beneficio económico, a connivencia entre administración pública e promotores privados e unha lóxica nada respectuosa coa identidade da cidade e co benestar dos seus habitantes presentes e futuros.

O intento da Autoridade Portuaria de malvender os terreos portuarios para construír neles catro mil vivendas en edificios de ata dez alturas e grandes superficies comerciais e hoteleiras de ata nove andares é unha mostra máis dese mal-facer que hoxe lamentamos ao observar o trazado dalgúns barrios de construción incómoda e servizos deficientes. É unha mostra máis dunha planificación que olla máis polo beneficio inmediato para unhas poucas mans que para os intereses da Coruña. É unha aposta por un modelo de cidade e por un modelo económico desmentido pola realidade e a experiencia (19 mil vivendas baleiras, centros comerciais de recente construción baleiros ou xa pechados, crise do comercio de proximidade, estoupido da burbulla inmobiliaria e da economía baseada no ladrillo...).

A loita de clases hoxe atópase máis que nunca inscrita no espazo, na súa definición como público ou privado, no seu deseño de uso e aproveitamento individual ou colectivo e no beneficio económico ou social que pode xerar

Como escribiu Henri Lefebvre, a loita de clases hoxe atópase máis que nunca inscrita no espazo, na súa definición como público ou privado, no seu deseño de uso e aproveitamento individual ou colectivo e no beneficio económico ou social que pode xerar. Tanto na cidade coma nos espazos rurais e intermedios. Na presente fase do capitalismo postindustrial, o capital moveuse dende a esfera da produción industrial ata, primeiro, o mercado da construción, incrementando a importancia da especulación inmobiliaria como fonte de beneficio rápido para os grandes propietarios. Para este proceso de acumulación, o centro das cidades virou en mercancía e obxecto de loita política. Como di Lefebvre, pasouse da produción no espazo á produción do espazo. A cidade xa non se deseña preferentemente como un lugar para habitar, senón como un lugar no que xerar plusvalías. O mecanismo de extracción de rendas e xeración de beneficios é semellante á clásica relación de dominación dunha clase sobre outra. Pero neste caso xa non se extrae traballo, senón que se lle arrebata á cidadanía o territorio e a posibilidade de gozar del e os beneficios -económicos e doutro tipo- xerados ou xerables.

A cidadanía da Coruña ten ante si a oportunidade e a responsabilidade de definir a cidade que quere para as vindeiras décadas e para as vindeiras xeracións. Por iso é tan importante a manifestación deste domingo 7 de maio

Non se trata só, pois, de escoller un ou outro proxecto construtivo para uns terreos determinados. A cidadanía da Coruña ten ante si a oportunidade e a responsabilidade de definir a cidade que quere para as vindeiras décadas e para as vindeiras xeracións. Por iso é tan importante a manifestación deste domingo 7 de maio, convocada pola Comisión Aberta en Defensa do Común, e a mobilización que deberá continuar nos vindeiros meses. Trátase de elixir que imaxe quere dar A Coruña de si mesma, trátase de escoller o futuro dos barrios do Ensanche e da Gaiteira: se os seus veciños e veciñas queren ser un barrio litoral flanqueado de zonas verdes ou a parte traseira dunha nova urbanización que tapone o seu acceso ao mar. Trátase de defender o comercio local, trátase de optar pola economía produtiva e a innovación e non polo ladrillo, trátase de adoptar unha mobilidade máis humana e sustentable, trátase ademais de apostar polo un tren de proximidade en San Diego que sirva de columna vertebral á futura Área Metropolitana. Trátase de que os coruñeses e coruñesas escollan que cidade queren ter. 

Será unha oportunidade para que esa cidade (sub)mariña volva ser mariña, e demostre que -como dixo Staffan Mörling- non é "un fin da terra", senón "un centro do mar".

A manifestación do domingo será unha defensa do carácter marítimo da Coruña, do mar como fonte de traballo e riqueza económica. Será un recordo das ocasións nas que os coruñeses e coruñesas afirmaron a súa identidade e o seu modelo de cidade. Será unha denuncia da agresión continuada que exercen contra A Coruña tanto a Xunta coma o Goberno central, negándose este a financiar o Porto exterior e forzando agora unha operación especulativa para o pagamento das súas débedas. Unha oportunidade para que esa cidade (sub)mariña volva ser mariña, e demostre que -como dixo Staffan Mörling- non é "un fin da terra", senón "un centro do mar".

 

Notas

1- “O golpe de vista que ofrece A Coruña dende a parte oposta da baía é tan maxestoso, de tan fantásticos feitizos, que chegan dous minutos de contemplación para que perdure para sempre tan suxestiva lembranza apegada á retina. Semella unha desas cidades encantadas de lendas orientais, con cúpulas de ouro e palacios de cristal, en cuxas fachadas o sol se descompón en mil variantes irisacións”.

2- “E, finalmente, a luz coruñesa. Xa teño dito que non esgota o tema lembrar como ás veces 'en las marineras galerías de A Coruña remansa el ala de una aurora boreal, y entonces se ofrece a los ojos deslumbradores del pasajero una luz que es, a un tiempo, agua, fuego, cristal y viento'. Eu ousei pensar que a luz coruñesa é a luz das cidades mergulladas, do Avalon da matière de Bretagne, dos palacios de ámbar gris e cristal de rocha das sirenas. É a luz dos mediodías submarinos nos países que ao fondo do Atlántico levou a fantasía de outrora...”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.