O barco tiña sobrecarga, o capitán non tomou precaucións durante o derradeiro lance de pesca e "a orde de abandono do buque deuse moi tarde"
O patrón do Villa de Pitanxo, un dos tres únicos superviventes do afundimento do 15 de febreiro de 2022 en Terranova no que morreron 21 tripulantes, cometeu numerosas imprudencias. Así o vén de establecer a investigación técnica oficial da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) do Ministerio de Transportes, que tamén constata diversas irregularidades da empresa armadora, Pesquerías Nores Marín. Faino nunha análise técnica [aquí o documento] que se constitúe na principal proba para a causa xudicial penal na que están imputados por presuntos delitos de homicidio por imprudencia grave tanto o patrón como dous directivos da armadora.
Segundo o informe da CIAIM, o barco afundiu "como consecuencia da inundación progresiva e incontrolada dos seus espazos interiores durante a virada da arte nun forte temporal, que o fixo perder flotabilidade e estabilidade". E a esa inundación, escora e afundimento do buque contribuíron unha sucesión de imprudencias do patrón ou irregularidades do buque non corrixidas pola armadora.
O barco estaba sobrecargado, en parte en tanques que non figuraban no proxecto do buque e que foron engadidos sen que conste autorización. Unha sobrecarga que era habitual e que foi posible "porque nin o capitán nin o armador controlaban que se cargaba combustible e artes de maior peso que o contemplado no libro de estabilidade do buque".
Durante o derradeiro lance de pesca, e ante unha meteoroloxía mala, "non se tomaron medidas precautorias no buque ante a posibilidade de ter que realizar unha virada". Ademais, houbo unha "valoración insuficiente ou inadecuada polo capitán da situación na que se encontraba o buque na última fase da manobra", cando xa había "unha apreciable escora a babor" que contribuíu á entrada de auga. Esa auga foi a que acabou parando o motor do barco, e non ao revés.
A investigación oficial formula 27 recomendacións, fundamentalmente á Dirección Xeral da Mariña Mercante para que mellore o control dos pesqueiros e á armadora para que corrixa procedementos
Pero cando o afundimento xa era inevitable, seguiron producíndose erros. "A orde de abandono do buque deuse moi tarde", di a CIAIM, que tamén constata que "a configuración das vías de evacuación do buque puido dificultar á tripulación o abandono". Ademais, "a localización dos traxes de inmersión e os chalecos salvavidas da tripulación nos camarotes dificultou que puidesen realizar a súa recollida antes de dirixirse á cuberta onde se atopaban as balsas salvavidas". Uns tripulantes que non estaban familiarizados cos medios e procedementos de salvamento en augas frías.
Esta investigación técnica da CIAIM non ten por obxectivo analizar culpabilidades senón propoñer melloras para evitar futuros accidentes, e nesa liña formula 27 recomendacións, fundamentalmente á Dirección Xeral da Mariña Mercante para que mellore o control dos pesqueiros e á armadora para que corrixa os seus procedementos. Agora será a xustiza, con este informe como principal elemento de valoración, a que decida sobre a responsabilidade penal no afundimento.