Naquel ano coincidiron os accidentes do cargueiro portugués no Xónico no que 10 dos seus 13 tripulantes falecidos eran galegos e do pesqueiro de Bueu no Gran Sol, no que tamén o eran 9 dos seus 12 mortos, pero desta volta un único sinistro pode igualar a aqueles dous
Hai que remontarse dúas décadas, e non nun único afundimento senón en dous, para atopar unha traxedia similar para Galicia en vidas humanas á sofrida este martes en Terranova, na que o afundimento do Villa de Pitanxo, con 24 tripulantes dos que só foron rescatados tres con vida, deixa unha vintena de mariñeiros desaparecidos ou falecidos, con 10 mortes xa confirmadas.
Foi nestas mesmas datas, o 14 de febreiro de 2000, cando o mercante de bandeira portuguesa Zafir era abordado por outro barco italiano en augas do mar Xónico. Dos seus 14 tripulantes só sobreviviu un, galego, como galegos eran tamén 10 dos 13 falecidos, e cántabros os outros tres.
Oito meses máis tarde, o 3 de outubro daquel mesmo 2000, o pesqueiro Arosa, de Bueu, afundíase no Gran Sol e dos seus 13 tripulantes, tres deles africanos e o resto galegos, só sobrevivía un galego.
Aquel ano 2000 foi o peor das últimas décadas pola suma daqueles dous afundimentos. Malia que neste tempo seguiu habendo accidentes de relevancia, como o afundimento do O Bahía en 2004 nas illas Sisargas, con 12 mortes, o agora ocorrido co Villa de Pitanxo ameaza con superar todos os rexistros do que vai de século.
Nas dúas últimas décadas tanto o Goberno de España como a Xunta reforzaron os seus dispositivos de salvamento, pero estes ou os do resto de países pouco poden facer cando o accidente se produce en alta mar moi lonxe da costa, como neste caso
Nos anos máis recentes, outro momento significativo produciuse en decembro de 2018, cando dous naufraxios en menos de 24 horas nas costas galegas deixaron catro mariñeiros mortos.
Nestas dúas últimas décadas tanto o Goberno de España como a Xunta veñen reforzando notablemente os seus dispositivos de salvamento marítimo, especialmente tras o afundimento do Prestige a finais de 2002, pero a dispersión que a flota galega ten por todo o mundo fai que pouco poidan facer os sistemas de rescate cando os accidentes se producen en alta mar moi lonxe da costa, como neste caso, cando os primeiros en atender as chamadas de auxilio adoitan ser outros pesqueiros ou mercantes que estean máis preto.