O presidente Feijóo defendeu a venda dos aparatos pola metade de prezo a que os mercara Fraga sete anos antes co argumento de que poderían obterse outros “máis modernos” en sucesivos concursos como o que agora desbota
A Consellería do Mar vén de prorrogar por dous anos máis, ata novembro de 2023, o contrato que en novembro de 2017 asinou coa empresa de helicópteros Babcock tras un concurso público sen máis candidaturas para prestar o servizo de salvamento marítimo durante catro anos por 33 millóns de euros. Rematado ese prazo, agora a Xunta non convoca un novo concurso senón que prorroga o anterior contrato o máximo posible, por outros dous anos e 16,5 millóns de euros.
Coa prórroga o Goberno galego renuncia a sacar novamente á competencia un servizo que a empresa segue a prestar con dous helicópteros que a Xunta mercou en 2005 nos Estados Unidos por 27 millóns de euros e que lle vendeu a Inaer, agora propiedade de Babcock, en 2012 pola metade de prezo co argumento de que quedarían “obsoletos”. Segundo xustificou Feijóo naquel momento, a venda era positiva porque así a Xunta podería obter outros aparatos “máis modernos” en sucesivos concursos como o que agora desbota coa prórroga.
A historia dos actuais helicópteros de salvamento marítimo da Xunta comeza cando, tras o accidente do Prestige, o Goberno de Manuel Fraga decidiu reforzar os seus dispositivos e mercou en 2005 por 27 millóns de euros dous helicópteros Sikorsky S-76C+ que pasarían a operar cos nomes de Pesca 1 con base en Vigo e Pesca 2 con base en Celeiro. A propiedade dos aparatos era pública, pero a operación do servizo foi adxudicada á empresa Inaer, que durante anos levou a práctica totalidade dos contratos de helicópteros da Xunta, fosen sanitarios ou contra incendios.
A Xunta defendeu en 2012 que vender os helicópteros evitaba "anquilosarse" e "tender ao monopolio" pero o Consello de Contas criticou que o fixese sen "ningún estudo sobre a repercusión da venda" nas futuras contratacións do servizo
Nun longo proceso iniciado en 2011 e rematado en 2012, e tras varias modificacións irregulares do contrato fiscalizadas polo Consello de Contas, o Goberno galego vendeulle a Inaer os dous aparatos por 13 millóns de euros, a metade do que custaran sete anos antes, co argumento de que estaban a quedar vellos e que destinaría os cartos que obtiña pola venta a rebaixar a cota anual a pagarlle por operar o servizo, que tiña que seguir prestando con eses mesmos aparatos durante cinco anos. Pasado ese prazo a empresa sería libre de usar os helicópteros xa na súa propiedade como quixese e a Xunta convocaría un novo concurso público para que calquera empresa lle prestase o servizo de salvamento con helicópteros privados.
Se ata 2012 o custo anual do servizo dos dous helicópteros de propiedade pública era de 7,5 millóns de euros, no contrato que lle outorgou ese ano a Xunta a Inaer por cinco anos o servizo a prestar ascendía a 8,9 millóns ao ano, que lograba rebaixar a 6,1 millóns grazas a restar o obtido pola venta dos aparatos. E desde 2017 o custo que agora se prorroga por outros dous anos máis é de 8,25 millóns ao ano, se ben con características do servizo cambiantes durante estes anos.
En 2012 o presidente Feijóo defendeu a venta argumentando que así “cada cinco anos a Xunta terá a opción de licitar outra vez este concurso e poder ofertar as empresas helicópteros máis modernos e helicópteros con máis prestacións”. “O contrario sería anquilosarse, tender ao monopolio e a unhas condicións obsoletas co paso do tempo”, argumentou tamén no Parlamento o daquela secretario xeral da Consellería do Mar, Francisco José Vidal-Pardo. Pola contra, o Consello de Contas criticou que a operación se realizase sen que a Xunta fixese "ningún estudo sobre a repercusión da venda dos helicópteros" nas futuras contratacións do servizo, cando a administración xa non tivese aparatos da súa propiedade.
En 2017, cando houbo que renovar o servizo, un primeiro concurso quedou deserto e a Xunta aumentou o custo nun segundo proceso ata os actuais 8,25 millóns ao ano que agora prorroga
Pasados os cinco anos, en 2017 a repercusión que atopou a Xunta foi que o concurso que convocou para que alguén lle prestase o servizo por 6,5 millóns ao ano con helicópteros privados quedou deserto. O Goberno galego chegou a preguntar ao mercado e ás posibles empresas interesadas canto custaría o servizo e convocou un segundo concurso con novas condicións por catro anos e 8,25 millóns ao ano que gañou Babcock, nova propietaria de Inaer, como única candidata e sen rebaixar un euro sobre o prezo de partida.
Xa sen estar condicionada pola Xunta nese aspecto, a empresa decidiu operar o servizo con exactamente os mesmos dous helicópteros Sikorsky S-76C+ con matrículas EC-JES e EC-JET que a Xunta lle vendera. Agora, dezaseis anos despois da chegada a Galicia deses aparatos e nove anos despois de que a Xunta se desfixese deles porque quedarían “obsoletos”, seguen a ser os empregados por Babcock para cumprir un contrato que o Goberno galego prorroga por outros dous anos, renunciando así a convocar un novo concurso e optar, como defendía o presidente, a “helicópteros máis modernos e con máis prestacións”.
Segundo a prórroga do contrato agora asinada para o período que vai do 1 de novembro deste ano ata o 31 de outubro de 2023 e que comezou a tramitarse o pasado xullo, a Xunta xustifica a súa decisión en que “actualmente persisten as mesmas causas que deron orixe á formalización do contrato de referencia, dado que a Consellería do Mar segue precisando da prestación dos servizos de operación e mantemento de dous helicópteros para a prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia, que comprenden non só a dispoñibilidade e operatividade dos helicópteros, senón tamén o seu mantemento e reparación”.