A finais de 2012, en plena crise económica, a Xunta culminaba unha controvertida operación. Viña de vender os dous helicópteros de salvamento marítimo dos que dispoñía á empresa Inaer, o xigante do sector que xa os xestionara anteriormente, a cambio de que operase con eles durante cinco anos. Esa media década xa pasou e o pasado abril a Consellería do Mar lanzou un novo concurso para renovar o servizo, isto é, para contratar unha empresa que realice estes labores, xa sexa cos helicópteros que antes eran públicos ou con outros. O Goberno galego puxo sobre a mesa para esta operación 40 millóns de euros pero, no entanto, vén de certificar que non dá atopado unha compañía que se faga cargo do contrato.
Este xoves, 8 de xuño, a mesa de contratación encargada de tramitar este procedemento reuniuse para abordar a única oferta que se presentou. Non se trataba neste caso de Inaer, propiedade actualmente da multinacional británica Babcock, senón dunha compañía de moita menor dimensión, Seprogal, con sede en Ferrol. Segundo a resolución asinada pola secretaria xeral da Consellería, Isabel Concheiro, "unha vez comprobada a documentación de capaciadde, solvencia e habilitación", esta empresa non se axusta aos requisitos esixidos. Daquela, corresponde declarar deserto o concurso, unha resolución formal que a empresa excluída podería optar por recorre ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais.
A Consellería do Mar vén de declarar deserto o concurso para contratar os helicópteros de salvamento marítimo, ao que só concorreu unha empresa
Alén da determinación que adopte a única empresa que concorreu, o certo é que este é un novo episodio dun proceso no que, como informou Praza.gal, o Consello de Contas veu detectando diversas irregularidades, tal e como acreditou nun crítico informe do ano 2014, no que en referencia concreta aos helicópteros de salvamento marítimo resaltaba que a Xunta non fixo "ningún estudo" sobre a "repercusión" que esta venda tería para a Administración pública. Eses aparellos eran patrimonio público dende o ano 2005, cando entre ecos da catástrofe do Prestige a Xunta de Manuel Fraga os mercou nos Estados Unidos por 27 millóns de euros. Púñanse así en marcha o Pesca 1 e o Pesca 2.
A Xunta vendeu en 2012 os helicópteros pola metade do que custaran sen facer un estudo sobre a "repercusión" da operación, segundo o Consello de Contas
O Goberno dispuña dos helicópteros, pero non de persoal propio para empregalos. Por iso sacou a concurso a operación e mais o mantemento, proceso que gañou Inaer. Aquel primeiro contrato rematou en xuño de 2009 pero, en verbas do Consello de Contas, a Xunta "non planificou coa suficiente antelación" ese remate, polo que tivo que seguir dependendo de Inaer a través dunha prórroga ata marzo de 2010, cun novo concurso que volveu gañar a mesma compañía por 7,5 millóns ao ano. Aquela contratación ía durar dous anos, pero cando restaban 8 meses para a súa finalización a Xunta rescindiuno alegando, precisamente, motivos económicos.
Malia aquela rescisión, os helicópteros seguiron nas mans da mesma empresa ata outubro de 2012, 17 meses de prolongación que a Xunta autorizou cun trámite "excepcional" no Consello da Xunta que, segundo Contas, "omitiu os procedementos legalmente establecidos". Xusto despois chegou o concurso no que o Goberno vendeu os helicópteros que custaran 27 milóns pola metade do seu prezo, 13,5 millóns de euros. Agora, co concurso deserto, o Goberno verase obrigado a artellar outra fórmula de adxudicación -un novo concurso por máis importe ou un procedemento negociado, por exemplo- pero cunha maior limitación que hai cinco anos, xa que non dispón de helicópteros de seu.