- HEMEROTECA | A Xunta non atopa empresa para prestar o servizo de salvamento tras vender os helicópteros que tiña
- Feijóo recúa e facilita que pequenas empresas poidan acceder ao concurso de limpeza das sedes da Xunta
O Goberno galego autorizou na súa reunión deste xoves incrementar ata 8,5 millóns de euros ao ano o importe que está disposto a destinar para manter o servizo autonómico de salvamento marítimo con helicópteros máis alá de outubro, cando vence o contrato actual. Unha decisión que toma despois de que o primeiro concurso que convocou en abril para renovar ese contrato quedase deserto e de que o propio executivo de Feijóo vendese en 2012 os dous helicópteros que tiña en propiedade e agora teña que alugalos. Antes de vender os aparatos, operar o servizo custáballe á Xunta 7,5 millóns ao ano, mentres que agora está disposta a pagar un millón máis, dándolle así a razón ao Consello de Contas, que no seu momento alertara de diversas irregularidades na xestión do goberno e en particular da ausencia de “ningún estudo sobre a repercusión da venta dos helicópteros” en contratacións futuras como a actual.
Feijóo di que vender en 2012 os dous helicópteros que a Xunta tiña en propiedade foi unha decisión “correcta”, malia que o Consello de Contas criticou que se fixese sen "ningún estudo sobre a repercusión da venta" en futuros contratos como o actual
En 2005, tras a catástrofe do Prestige, o goberno de Manuel Fraga comprou por 27 millóns de euros dous helicópteros Sikorsky S-76C+ cunhas características que a Xunta publicitou como as máis acaidas ás costas galegas. A falta de persoal autonómico para operalos, adxudicou a xestión do servizo e o mantemento dos aparatos á empresa Inaer, a mesma que opera a inmensa maioría dos servizos aéreos da Xunta (incendios ou emerxencias sanitarias). En 2012, tras varias irregularidades previas denunciadas polo Consello de Contas na relación entre a Xunta e Inaer, o Goberno galego vendeulle á empresa os dous aparatos por 13 millóns de euros co argumento de que estaban a quedar vellos e que destinaría os cartos que obtiña pola venta a rebaixar a cota anual a pagarlle por operar o o servizo, que tiña que seguir prestando con eses mesmos aparatos. Se ata 2012 o custo anual do servizo era de 7,5 millóns de euros, no contrato que lle outorgou ese ano a Xunta a Inaer por cinco anos ascendía a 8,9 millóns ao ano, que lograba rebaixar a 6,1 millóns grazas a restar o obtido pola venta dos aparatos.
En abril a Xunta convocou un concurso para renovar o servizo por 6,5 millóns ao ano, pero xa sen helicópteros en propiedade non atopou ningunha empresa interesada, e agora sube o importe a 8,5 millóns ao ano
Ese contrato vence o próximo outubro, cando Inaer, agora Babcock España, xa poderá dispor o que queira con aqueles helicópteros. En abril a Xunta convocou un concurso público para renovar a xestión do servizo, ofrecendo un pagamento anual de 6,5 millóns de euros. Pero agora xa sen helicópteros en propiedade, a Xunta non atopou ningunha empresa para prestar o servizo. Inaer, que ten agora en propiedade aqueles dous helicópteros que eran da Xunta, non se presentou, e a única candidata que houbo, unha firma con sede en Ferrol, foi descartada polo Goberno galego por considerar que non cumpria os requisitos esixidos. Con ese concurso declarado deserto, e sen ninguén que prestase o servizo a partir de outubro, a Xunta realizou en xuño o que se denomina consulta preliminar de mercado, para que o sector lle comunicase que cambios entendía que debía facer no concurso para que resultase atractivo ás empresas. Tras esa consulta, nun procedemento criticado pola oposición por considerar que a Xunta prepara un contrato "a medida", agora o Goberno galego volverá convocar un novo concurso no que incrementa a contía que está disposto a pagar para que algunha empresa o considere atractivo.
Segundo informou este xoves a Xunta, o valor estimado que terá o contrato durante os catro anos máis dous de prórroga que contempla, será de preto de 51 millóns de euros, a 8,5 millóns ao ano, fronte aos 40 millóns do concurso que convocara en abril. O presidente Feijóo salienta que non só se incrementou o importe senón que se incluíron melloras no prego de condicións como que a empresa teña que cubrir nun máximo de 3 horas calquera baixa laboral que se produza ou que as operacións sexan retransmitidas en directo. Igualmente, o presidente di que se incrementará o réxime sancionador por incumprimentos do contrato.
Fronte á visión do Consello de Contas, Feijóo defende que a venta dos aparatos en 2012 “foi unha solución correcta” e que "os novos, novos son"
Ao presidente preguntóuselle polas críticas que fixo no seu momento o Consello de Contas á Xunta por non analizar a repercusión da venta dos helicópteros en futuros contratos como o actual. Fronte á visión do Consello de Contas, Feijóo defende que a venta dos aparatos en 2012 “foi unha solución correcta”. Os helicópteros vendidos, dixo, “tiñan xa unha vida extensa e eran difíciles de manter e manobrar”, segundo considera a Consellería do Mar. “Pensamos que aquela decisión foi a correcta”, incidiu Feijóo, quen asegurou que “os novos, novos son”, e defendeu “contratar sempre helicópteros que estean de acordo co servizo que se precisa en cada momento”.