Un pesqueiro con base en Marín naufraga en Terranova e son rescatados tres dos seus 24 tripulantes

O pesqueiro Villa de Pitanxo, con base en Marín, nunha imaxe de arquivo © Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

O barco navegaba con 24 tripulantes a bordo e de momento só foron rescatados tres e atopáronse nove corpos sen vida

O pesqueiro Villa de Pitanxo, un arrastreiro de 50 metros de eslora con base en Marín, naufragou na madrugada deste 15 de febreiro en augas de Terranova, fronte ás costas canadenses, e varios dos seus tripulantes faleceron. O buque, pertencente ao Grupo Nores, navegaba segundo Salvamento Marítimo con 24 tripulantes a bordo, dos que apenas tres foron rescatados, mentres que os servizos de rescate informaron de que foron atopados 9 corpos sen vida.

Salvamento Marítimo sinala que dos 24 tripulantes, 16 tiñan nacionalidade española, 5 eran peruanos e 3 ghaneses. Segundo a súa información, o pesqueiro Playa Menduiña Dos, próximo ao lugar, foi o que rescatou os tres tripulantes con vida e os seis primeiros corpos recuperados, nunha das balsas do propio buque. Nas horas seguintes continuaron na zona os traballos de busca, que ata o comezo da noite do martes (hora galega) recuperaran os corpos sen vida de ata un total de 9 persoas, aínda que inicialmente os rescatadores canadenses informaran de 10.

Labores de busca dos desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova, en imaxes tomadas polos servizos de rescate canadenses © JRCC Halifax

A alerta recibiuse ás 5.24 hora galega -cinco horas menos en Terranova-, e o primeiro buque en chegar á zona foi o Playa Menduiña Dos, que ás 10.37 avistou as balsas salvavidas e atopou "tres persoas nunha das balsas e varios corpos”

Segundo informa o Ministerio de Transportes, foi ás 5.24 horas da madrugada, hora galega, cando o centro de coordinación de Salvamento Marítimo recibiu dúas alertas do Villa de Pitanxo. Desde ese centro, que presta asistencia aos barcos que navegan en augas internacionais, tentaron contactar sen éxito co pesqueiro e, simultaneamente, mobilizouse vía satélite a outros dos buques que estaban próximos, o Playa Menduiña Dos e o portugués Novo Virgem da Barca.

Ás 10.37 horas galega, 5.37 horas de Terranova, o Playa Menduiña Dos “avistou balsas salvavidas na auga e moitos obxectos dispersos”. Segundo o relato do ministerio, "ao achegarse, localizou a tres persoas nunha das balsas e varios corpos". Tratábase de seis persoas sen vida, segundo confirmou Salvamento.

Pesqueiros galegos e portugueses que traballan na zona e os servizos de rescate do Canadá recuperaron dez corpos na zona do sinistro, na que son clave as baixísimas temperaturas das augas

O servizo español de Salvamento Marítimo informa de que está a colaborar co operativo de rescate que coordina o Joint Rescue Coordination Center (JRCC) de Halifax, con base en Nova Escocia. Segundo di, "as condicións na zona son de vento, mala mar e visibilidade reducida". Tamén indica que o dispositivo está despregado a uns 450 quilómetros ao leste-sueste de Terranova e está formado por un avión, dous helicópteros, un pesqueiro español e outro portugués e outros dous barcos de Canadá. 

Foron os servizos de rescate canadenses os que, contra as sete da tarde -hora galega- do martes, confirmaron que o Novo Virgem da Barca localizara outro mariñeiro falecido do Villa de Pitanxo. Cando faltaban poucos minutos para as once da noite, ratificaba que foran achados 3 falecidos máis, dous por parte do buque canadense Nexus e outro, polo pesqueiro portugués Franca Morte. As baixísimas temperaturas das augas na zona son clave na situación.

Os servizos de rescate canadenses, no mar de Terranova á procura dos tripulantes do Villa de Pitanxo tras o naufraxio © JRCC Halifax

A empresa armadora, Pesquerías Nores Marín SL, tamén confirmou os datos avanzados por Salvamento Marítimo e nun comunicado asegurou que "todos os esforzos da casa armadora están centrados no rescate da tripulación, e descoñécense polo momento as causas que puideron motivar o naufraxio". 

Condolencias xerais e loito oficial

O Consello da Xunta decreta este mércores loito oficial en Galicia e as principais institucións e forzas políticas transmitiron o seu pesar pola traxedia do Villa de Pitanxo

O naufraxio do Villa de Pitanxo deu lugar a un amplo número de mostras de condolencia por parte das principais institucións galegas e do Estado, así como dende as principais forzas políticas e múltiplas entidades. O Consello da Xunta aproba este mércores, nunha reunión extraordinaria, a declaración de loito oficial en Galicia, tras a cal o Goberno en pleno fará pública unha declaración institucional e gardará un minuto de silencio. Esa mostra de respecto gardarase tamén a mediodía no Parlamento e en diversos concellos.

O presidente da Xunta, que este mércores se traslada a Marín para reunirse con familiares das vítimas e representantes da casa armadora, recibiu durante a xornada do martes as mostras de dor do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e mais do rei Felipe VI. BNG e PSdeG, no ámbito galego, e as principais formacións con representación no Congreso sumáronse tamén ás mostras de dor. Os plenos da Cámara Baixa e do Senado principiaron este mércores con senllos minutos de silencio na memoria das vítimas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.