O informe agora feito público di que o falecido patrón do 'Silvosa' “apartouse do procedemento habitual de saída da dársena”, na que as correntes “supoñen un risco” durante “períodos de tempo significativos durante o inverno”
Ás portas do Nadal de 2018, os días 19 e 20 daquel decembro, dous pesqueiros, o Sin Querer Dos e o Silvosa, afundiron en Fisterra e Malpica con poucas horas de diferenza deixando catro e un mortos respectivamente. Dous anos despois o primeiro sinistro segue baixo investigación pero vén de rematar a do segundo, producido cando o barco saía do porto de Malpica, que atribúe as causas do mesmo ás correntes que se producen na canle de acceso á dársena interior e a que o falecido patrón do Silvosa “apartouse do procedemento habitual”.
O informe insta a Portos de Galicia a “non demorar” os estudos e as obras necesarias para mellorar a seguridade do porto de Malpica. Coincidindo co remate da investigación, o ente público da Xunta anunciou a comezos de decembro, dous anos despois do sinistro, a activación “en período de probas” dun “método experimental” de previsión de correntes na dársena interior de Malpica, unha “alternativa provisional ao traballo técnico que Portos de Galicia segue a realizar para definir unha solución definitiva ao problema de axitación na dársena”.
A investigación oficial do afundimento por parte da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) do Ministerio de Transportes, como todas as de sinistros de medios de transporte, non está dirixida a buscar responsabilidades do mesmo senón a obter ensinanzas que permitan evitalos no futuro. O informe final comeza cunha descrición do sinistro, que se produciu cando o barco, en correcto estado e con catro tripulantes a bordo, quedou atravesado e envorcou na canle de saída da dársena interior do porto de Malpica, que conta cunha comporta de protección fronte ás ondas que se abre e pecha para que saian e entren os barcos. Os tres mariñeiros que estaban en cuberta lograron subir ao peirao pero o patrón, moi experimentado, quedou atrapado dentro da ponte e faleceu.
As correntes atravesaron o barco na canle de saída do porto e os tres mariñeiros que estaban en cuberta lograron subir ao peirao pero o patrón, moi experimentado, quedou atrapado
O informe sinala como é habitual que no porto de Malpica se rexistren ondas de gran lonxitude e período. “Son estes trens de ondas que se propagan ao interior do porto os que parecen causar as elevacións e depresións no nivel da comporta, que dan lugar ás elevadas correntes na canle de acceso”.
Segundo as conclusións do informe, “as condicións das ondas e correntes xeradas no fondo do porto e na canle de acceso á dársena interior supuñan risco para a navegación pola canle”. Os investigadores din que “o patrón do Silvosa apartouse do procedemento habitual de saída da dársena, que consistiría en achegarse á saída nunha traxectoria paralela á canle, e achegouse demasiado á zona da dársena máis afectada polas correntes e remuíños xunto á canle”, na que a embarcación quedou “encaixada e á mercede da forte corrente, que a fixo envorcar”.
Ademais desas causas directas do afundimento, o informe tamén sinala a contribución doutros factores, como que as condicións das ondas e correntes na contorna da canle supoñen un risco e unha falta de seguridade do porto que “se mantén durante períodos de tempo significativos durante o inverno”. “Posiblemente, esta falta de operatividade do porto débese a unha configuración proclive á propagación ao interior do porto dun determinado tipo de ondas, máis frecuente durante o inverno”, engade o documento, que di que “para determinar correctamente as causas desta falta de operatividade, debería realizarse un estudo das ondas no porto por parte de entes técnicos especializados”. A investigación tamén di que “a Autoridade Portuaria non determinou, conxuntamente coas confrarías de pescadores e coa Capitanía Marítima, as condicións nas que é seguro transitar pola canle de acceso á dársena interior”.
Tras expoñer as causas e factores que contribuíron ao sinistro, o documento só dedica dúas frases aos apartados Recomendacións sobre seguridade e Leccións sobre seguridade. No primeiro di que “á vista das accións tomadas por Portos de Galicia a consecuencia deste accidente, non se formulan recomendacións de seguridade, máis alá de instar a este organismo a non demorar a conclusión dos estudos iniciados e a execución das obras resultantes”. Canto ás leccións, o documento remata dicindo que “os patróns das embarcacións que operan na dársena interior deben manter unha vixilancia escrupulosa durante as manobras de entrada e saída da dársena, evitando aproximar a súa embarcación á canle de entrada e saída con outro rumbo que non sexa paralelo a esta”.
Dous anos despois do accidente, Portos vén de activar "en período de probas" un “método experimental” de previsión de correntes, unha "alternativa provisional" á espera da "solución definitiva ao problema de axitación na dársena"
O documento reflicte diversos estudos para mellorar a seguridade do porto que ten en marcha Portos de Galicia, o titular das instalacións, que poucos días antes de que se fixese pública a investigación anunciou, a comezos de decembro, a activación “en período de probas” dun “método experimental” de previsión de correntes, unha “alternativa provisional ao traballo técnico que Portos de Galicia segue a realizar para definir unha solución definitiva ao problema de axitación na dársena”. “A día de hoxe atópase en licitación a redacción do proxecto cun importe asignado de case 100.000 euros”, dicía Portos.