Cinco mortes de traballadores en 15 días volven poñer o foco na sinistralidade laboral en Galicia

Obras no Porto Exterior da Coruña CC-BY-SA Ramon Piñeiro

Cada semana morre un traballador galego en accidente laboral. Ou máis de un. O pasado ano rexistráronse 54 accidentes laborais mortais no noso país, unha cifra semellante á dos anos anteriores e que volveu situar a Galicia como a segunda comunidade autónoma con máis falecementos por cada 100.000 traballadores, con cifras moi semellantes ás de Castela e León, que no 2019 se situou como o territorio con máis sinistralidade.

As mortes en Chantada, O Porriño, Punta Langosteira e Ons súmanse a unha longa lista de falecementos, que cada ano supera o medio cento en Galicia, un por semana

Nos últimos días vivimos cando menos cinco novos casos. Este luns un mariñeiro de Baiona morreu afogado ao naufragar o pesqueiro 'Marsua J' preto das Illas Cíes e o seu compañeiro está desaparecido. Ademais, morreu un operario ao caerlle enriba unha árbore no monte no que traballaba en Sabadelle (Chantada). Outro traballador tamén resultou ferido e tivo que ser evacuado, segundo informa o 112. E tamén este luns un traballador resultou ferido en Laza ao envorcar a maquinaria que operaba nas obra do AVE, que xa rexistraron 13 mortes desde o seu comezo en 2001.

A pasada semana, un sinistro na empresa de loxística Ayan Trans, situada no Polígono da Granxa, no Porriño, levou a vida dun home de Tomiño, de 45 anos de idade; ademais, un compañeiro de orixe portuguesa e 51 anos de idade resultou ferido grave e tivo que ser trasladado a Urxencias. 

Así mesmo, o pasado 13 de febreiro un traballador faleceu no Porto Exterior da Coruña, tras sufrir un ataque ao corazón. UGT denuncia que a ambulancia que os seus compañeiros pediron tardou ao redor de media hora e que cando chegou resultou que non estaba preparada para atender o infarto, polo que foi necesario chamar a un segundo vehículo. O sindicato critica que nas instalacións de Punta Langosteira non existe ningún servizo sanitario, e sinalan que se trata dunha vella demanda das persoas que alí traballan.

Galicia é, xunto a Castela-León, a comunidade con máis mortes en accidente laboral

O falecemento en Punta Langosteira súmase á lista de mortes que tiveron lugar nas obras do Porto Exterior da Coruña. Rexistráronse accidentes laborais mortais no ano 2005, 2006 (nun sinistro no que morreron dous operarios) e 2007. Ademais, no lugar houbo nos últimos 15 anos un gran número de accidentes laborais de distinta importancia, que elevaron as críticas sindicais.

De igual xeito, a comezos de febreiro un mariñeiro de 50 anos perdeu a vida ao caer ao mar en Ons. Un compañeiro que se lanzou á auga para tentar socorrelo tivo que ser ingresado no hospital.

En Galicia os sectores que rexistran máis mortes cada ano son o da construción (13 falecementos no ano 2018), pesca (10 mortes), o transporte (8) a industria (6)

O pasado ano foron 54 os traballadores mortos en Galicia durante a súa xornada laboral, aos que hai que sumar outros 8 falecementos de traballadores in itinere. Dende o ano 2011, as cifras móvense entre os 43 e os 63 accidentes mortais, lonxe iso si dos números que se daban aínda na década dos noventa, con máis de 100 mortes por ano.

En Galicia os sectores que rexistran máis mortes cada ano son o da construción (13 falecementos no ano 2018), pesca (10 mortes), o transporte (8) a industria (6).

En total, cada ano prodúcense en Galicia case 30.000 accidentes laborais, dos que a maior parte son considerados leves; porén, o pasado ano rexistráronse 471 accidentes graves, ademais dos 54 mortais.

Yolanda Díaz cualifica a situación de "emerxencia social" e comprométese a que o Ministerio pelexará "para que os lugares de traballo non sexan espazos de risco"

Galicia é dende hai anos a comunidade autónoma cun maior índice de mortes en accidente laboral en relación ao seu número total de traballadores e traballadoras. No 2019 este indicador situouse nas 5,4 mortes por cada 100.000 traballadores, só superado polo dato de Castela-León, e case duplicando a media española (2,91 mortes).

A nova ministra de Traballo, Yolanda Díaz, fixo fincapé dende a súa chegada ao cargo na necesidade de adoptar medidas que permitan reducir as cifras de accidentes laborais e sobre todo as mortes no traballo que se seguen rexistrando, unha situación que cualifica de "emerxencia social". "Temos un compromiso e traballamos para garantir a seguridade. O Ministerio está comprometido coa seguridade laboral e traballará para que os lugares de traballo non sexan espazos de risco", afirmou.

CC.OO. culpa á reforma laboral do 2012 da "degradación das condicións laborais" e dos altos índices de accidentes laborais en Galicia

Nos últimos anos os sindicatos veñen igualmente reclamando medidas das administracións, facendo fincapé en primeiro lugar na necesidade de loitar contra a precariedade. CC.OO. lembra que as persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariada. O sindicato culpa á reforma laboral do 2012 da "degradación das condicións laborais" e dos altos índices de accidentes laborais en Galicia. CC.OO. pide así mesmo "un control máis estrito" para as mutuas e unha maior énfase na prevención de riscos laborais e na inspección.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.