O condutor, de 50 anos, súmase a un listado que nos últimos anos viña rexistrando os accidentes máis graves na provincia de Ourense, coincidindo co groso dos traballos de conexión coa Meseta
Un camioneiro de 50 anos con domicilio en Carballo faleceu este martes atropelado ao baixar do seu vehículo no acceso ás obras da nova estación de tren de Vigo-Urzáiz. A terminal intermodal estase a levantar como consecuencia da reestruturación dos servizos ferroviarios da cidade pola chegada da alta velocidade, polo que este novo accidente laboral mortal sería cando menos o decimoterceiro rexistrado en Galicia relacionado coa construción do AVE. Catro deles, producidos nos últimos anos na provincia de Ourense, están a ser investigados penalmente por un xulgado de Verín tras unha denuncia da CIG.
A primeira morte laboral da que hai rexistro na construción do AVE galego, tanto na liña entre A Coruña e Vigo como cara á Meseta, produciuse o 7 de setembro de 2007, cando se derrubou un viaduto en construción no Carballiño e morreu un capataz vigués de 45 anos da empresa Comsa e resultaron feridos outros catro traballadores. Aquel primeiro accidente mortal saldouse no xulgado dez anos despois sen culpables penais. Dúas semanas máis tarde un obreiro de Ferrovial de 23 anos de Mazaricos morreu ao envorcar a súa escavadora en Cerceda. E en xullo de 2009 un topógrafo de 27 anos de Salvaterra do Miño foi aplastado por un camión nun túnel en Arcade.
Os accidentes mortais coinciden no tempo coa maior intensidade dos traballos nos principais puntos con obras para a alta velocidade
Eses primeiros anos coincidiron coa maior intensidade dos traballos nas liñas do Eixo Atlántico e Ourense-Santiago, que se puxeron en servizo a partir de 2011. Non volveu rexistrarse outro accidente mortal ata que volveu haber outro incremento notable da actividade, desta volta na liña á Meseta. Foi alí, en Vilar de Barrio, onde o 2 de abril de 2013 morreu un enxeñeiro madrileño de 37 anos de Vías y Construcciones atropelado nun túnel dun treito que acumula todo tipo de irregularidades. Un ano máis tarde, o 15 de abril de 2014, un mecánico asturiano de 53 anos de Copisa faleceu golpeado por unha pa no túnel da Canda, no fronteirizo municipio zamorano de Lubián, sen que a súa morte transcendese en Galicia. E dous meses despois, o 17 de xuño de 2014, un traballador de 42 anos de Sevial Proyectos y Obras morreu ao caer a escavadora que conducía por un noiro entre A Gudiña e Vilariño de Conso.
O 15 de setembro de 2015, en Laza, cedeu a cesta dunha grúa na que traballaba un operario asturiano de 31 anos que resultou falecido e quedou ferido grave outro traballador. Durante os tres anos seguintes non se produciu ningún accidente mortal máis ata o falecemento o 28 de xuño do pasado ano dun traballador portugués de 41 anos en Pedralba (Zamora) cando lle caeron enriba uns ferros. Menos de catro meses despois rexistrábase un novo accidente mortal, ao envorcar cun camión en Laza o 10 de outubro un home de 60 anos de Vilardevós que traballaba para a empresa subcontratada Excanando.
En febreiro o Goberno central revelou outros tres casos de falecidos por “causas non traumáticas” aos nove que xa estaban identificados en toda Galicia desde o comezo das obras en 2001
A esas nove mortes nas que están identificadas as datas e os falecidos (dúas no Eixo Atlántico, unha no treito Santiago-Ourense, catro entre Ourense e a provincia de Zamora, e dúas máis nesa última provincia) hai que sumar outras tres, sen identificar nin datar, comunicadas a comezos deste ano polo Goberno central nunha resposta parlamentaria. Foron tres mortes, as tres na provincia de Ourense e a maiores das catro identificadas anteriormente, das que o Executivo di que se deberon a “causas non traumáticas”, que non concreta. Agora, a esa ducia de falecidos súmase o camioneiro atropelado este martes no acceso ás obras da estación do AVE de Vigo.